O Estado aconfesional-laico e o nacionalismo

Cando se fala de Estado aconfesional, xeralmente pénsase que iso só ten que ver coa cuestión relixiosa. Nun Estado laico por definición ten que haber liberdade relixiosa tanto para crer e practicar a relixión como para cambiala ou non ter ningunha. Pero non debemos esquecer que a ampla realidade das crenzas abrangue outros campos como a cultura, a política, e as diversas ideoloxías. Polo tanto, o mesmo cabe dicir da liberdade de pensamento e de ideoloxía. Un goberno democrático auténtico non debe ter pretensións de impor a súa ideoloxía ós cidadáns, o que si fan as ditaduras.

Diversos gobernos españois na historia pretenderon impor a súa mentalidade e ideoloxía, con escaso éxito. O franquismo atopouse que ó final as universidade estaban en mans dos marxistas. Os 14 anos de Felipe González e as súas varias leis educativas deron como resultado que unha porcentaxe significativa dos mozos votaran a Aznar… Non esquezamos que Deus nos fixo para a liberdade, mesmo contra El, por iso dicía Sto. Agostiño: “Deus que te creou sen ti non te salvará sen ti

Agora preténdese impor a ideoloxía de xénero a través de certas leis e as súas sancións. Ante iso, dúas ideas:

1) Trátase dun atropelo desde o poder, pois atenta contra a liberdade de pensamento e de ideoloxía. O Goberno non está para moldear ideoloxicamente ós cidadáns senón para servir á sociedade respectando os seus dereitos.

2) Tampouco terán éxito duradeiro nesa pretensión, pois como dicía o Quixote “a liberdade é o don máis prezado que concederon os ceos ós homes”.

Pero vaiamos ó tema: Que cabe dicir do nacionalismo nun Estado Aconfesional e Laico? Entendo que nunca se deben confundir Nación e Pobo, tampouco o Pobo coa Oligarquía que vive del.

Os nacionalistas en xeral atribúense a representación de tódolos que viven nun territorio, xa que coñecen a misión histórica desa nación e, polo tanto, teñen dereito a implantala para todos. É máis, soen pensar que os traidores á Patria (a súa misión), á Nación, tal como eles a entenden, non teñen dereito a decidir sobre ela. Exemplo desta argumentación vímola no chamado “procés” de Cataluña e de maneira máis tráxica con ETA. Por iso, cando falan de decisión democrática de vascos, cataláns… debe entenderse dos que non son traidores á Patria, ou que non son vítimas do que chaman “auto-odio”. Certo que o auto-odio hai que curalo, xa que é unha forma de autoagresividade e necesitaríase tratamento psicolóxico ou psiquiátrico segundo o caso. Ademais, para contextualizar un pouco as afirmacións precedentes, xa na lexislación española pénase ata co cárcere os “delitos de odio”.

Reflexións semellantes habería que facer sobre os nacionalismos nos Estados-Nación de diversos países (España, Alemaña…), que levan á xenofobia, ó racismo, etc. Neste e no anterior caso pouco se respecta o artigo 13 da Declaración dos Dereitos Humanos (ONU 10-XII-1948) que di: “1) Toda persoa ten dereito a circular libremente e a elixir residencia no territorio dun Estado. 2) Toda persoa ten dereito a saír de calquera país, mesmo do propio, e a regresar ó seu país”.

Nun Estado democrático aconfesional todo cidadán debe poder vivir cos mesmos dereitos “sentíndose” nacionalista ou apátrida, ou internacionalista, ou estranxeiro, ou ser dos que “toman parte en todo como cidadáns e todo o soporta como estranxeiros; toda terra estraña é para eles patria e toda patria terra estraña” (Epístola a Diogneto), como tamén sendo da ideoloxía que sexa, sempre que esa non leve a atentar contra os dereitos doutras persoas.

Un Estado laico e democrático debe fomentar a liberdade relixiosa evidentemente, e tamén a de ideoloxía, pensamento e asociación como afirma a Declaración dos Dereitos Humanos nos artigos:

-18, “Toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión

-19: “Todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión; este dereito inclúe o de non ser molestado a causa das súas opinións, o de investigar e recibir informacións e opinións, e o de difundilas, sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión”.

-20: “1) Toda persoa ten dereito á liberdade de reunión e de asociación pacíficas. 2) Ninguén poderá ser obrigado a pertencer a unha asociación”.

As persoas poden ser nacionalistas, pero un Estado laico non pode selo. O Estado ten que recoñecer o protagonismo das persoas e as súas asociacións na vida pública, así como o protagonismo das entidades administrativas máis próximas ó suxeito: parroquias ou barrios, concellos, comarcas, provincias… co obxectivo de socializar e distribuír o poder, como corresponde a unha democracia.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: