O Libro dos libros

Mario Vázquez Carballo

 Na maioría das revistas de divulgación, incluídas tamén as do corazón, aconséllase ler, aproveitando o tempo de lecer do verán, e encómianse as grandes virtudes da lectura para unha boa formación e o crecemento persoal. Totalmente de acordo. Creo que ninguén dubida da importancia do hábito de ler pero tamén é certo que iso require un esforzo e é preciso recibir unha recompensa. Aínda que é verdade que se le para aprender e instruírse, para crecer e contrastar outras formas de pensar, para afirmar a propia personalidade e informarse, tamén é certo que ler axuda a pasar un bo intre, educa o pensamento, relaxa tensións e fomenta a meditación. Divulgouse a celebración dos 400 anos do Quixote e a conmemoración da morte do seu autor, Miguel de Cervantes Saavedra, o 23 de abril de 1616. Tamén de acordo.

 Pero chama a atención o pouco que se fala e escribe sobre “o Libro dos libros”, o primeiro dos libros, o Gran Libro. Por iso, creo que convén lembrar que, con motivo da exposición sobre a imprenta no Museo Británico (1962) publicouse un volume que leva por título: Libros que cambiaron o mundo (München, 1968). Os dous primeiros que se citan baixo o epígrafe: “No principio era a Palabra”, son a edición da Biblia en latín, impreso por Juan Gutenberg en Maguncia (1455), e a edición en alemán impresa por J. Mentelin en Estrasburgo (1566). Seguen logo as edicións da Biblia en Praga (1468) e a valenciana (1478).

 Desde a Igrexa Católica e desde a Teoloxía, a Biblia foi recuperada xa a comezos do século pasado e posta no lugar de honra que lle corresponde; foi estudada na Igrexa e en España, dun modo particular, como nunca o foi na súa historia anterior; o Concilio Vaticano II, favoreceu de modo eminente o seu coñecemento, lectura e difusión; a mesma Conferencia Episcopal Española, logo de 20 anos de traballo e investigación bíblica implicando aos mellores expertos, publicou a súa propia versión e edición (ano 2010) presentada no Palacio de Congresos da Castellana en Madrid na clausura dun excelente Congreso sobre a Palabra de Deus.

 Aínda que é verdade que o século XX trouxo o problema da Biblia (crítica bíblica, modernismo, liberalismo protestante), tamén o é que trouxo grandes solucións bíblicas, divulgándoa, dándoa a coñecer, creando sociedades bíblicas e movementos (en Lugo o Movemento Bíblico impulsado por J. Antonio González, contribuíu enormemente a estas tarefas divulgativas), e converténdose así para todos os cristiáns en fonte de vida e fundamento de unidade. A Biblia é hoxe, xunto coa Eucaristía, a que conforma a dobre mesa eclesial onde se parte e reparte a Palabra de Deus. As mesas do Pan e da Palabra encárnanse así na nosa propia historia, nas nosas terras, no noso ser e nas nosas intelixencias.

Co Concilio Vaticano II, quero invitar á lectura desta gran xoia da literatura universal, porque ela é “a alma da teoloxía” e fonte primordial do coñecemento de Cristo. Recentemente, o descubrimento dos papiros do Novo Testamento e dos manuscritos de Qumrán, reavivaron os estudos bíblicos e son un novo estímulo para a procura da verdade.

Mario Vázquez Carballo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: