Presentación do libro “Xesús Mato, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os Ventos”

O martes, 17 de xaneiro, preséntase un libro-homenaxe ao sacerdote Xesús Mato. É unha publicación de Brandán Comunicación que está coordinada por Antonio Giz e Xulio Xiz. O título é Xesús Mato, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os Ventos. O acto de presentación faise en dous lugares: na Casa do Concello de Paradela ás 12.00 horas e na Biblioteca Provincial de Lugo (Biblioteca Nodal) ás 20.00 horas.

Ademais do homenaxeado, intervirán Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; a escritora Marisol Bravos, Xulio Xiz (un dos coordinadores do libro) e Ángel Fernández (fillo predilecto de Paradela). Xesús Mato, que tamén é fillo predilecto de Paradela, cumpriu 90 anos hai un par de meses e estivo, hai 50 anos, no intre en que se creou o grupo musical Fuxan os Ventos.

Nas 166 páxinas da obra trátanse diversos aspectos da vida de Xesús Mato: a infancia, o Seminario, o sacerdocio, a guerra, a lingua, a cultura, a primeira parroquia, a música, Auxilia… E sobre esas facetas escriben Alfonso Blanco, Marisol Bravos, José Crespo, Ángel Fernández, Marcos Fernández, Valentín García, Mero, Manuel Lombao, Arximiro López, Mini, Eloy Rodríguez, Santiago Rodríguez, Carlos Rodríguez, Isidoro Rodríguez, e Lola Tourón.

Vodas de ouro e prata sacerdotais

Con motivo da celebración do patrón do clero, San Juan de Ávila, a Diocese de Lugo ten este ano unha consideración especial cos sacerdotes ordenados en 1970 e 1995.

Vodas de ouro sacerdotais

– Benjamín Álvarez Freije

– Luis Férnandez Chousa

– Cosme Insua López

– Ramón Revuelta Refojo

– José Antonio Veiga Maceda

Vodas de prata sacerdotais

– Alfonso Fraga Ríos

– José Manuel Melle Parajuá

– José Ramón Pena Taboada

– José Ramón Pérez García

– Severino Piñeiro García

[Textos para a preparación da festa de San Juan de Ávila]

Homenaxe ao sacerdote Xosé Espiño Matos

Con motivo do Día do Libro, o Concello de Silleda, a iniciativa da Fundación Baiuca Verdescente, organiza unha homenaxe ao sacerdote Xosé Espiño Matos. A homenaxe consiste na entrega a Xosé Espiño dun libro dedicado por Fernando Ónega. Tamén participan familiares do sacerdote, representantes de Baiuca Verdescente e o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña. Trátase dun evento virtual por videochamada ás 11 horas do día 23.

Xosé Espiño Matos naceu en 1926 en Abades e foi ordenado sacerdote en 1950 por Mons. Rafael Balanzá.

Actualmente xubilado, desde 1952 levou a Parroquia de San Tirso de Manduas (Bandeira) e encargose da Capela das Ermitas. E desde 1993 foi administrador parroquial de San Martiño de Rellas. En 1970 e 1974 foi Arcipreste de Trasdeza e nos anos 1980, 1990, Tenente Arcipreste da devandita zona pastoral. Tamén nos anos 1980 formou parte do V Consello Presbiteral Diocesano. Ademais, foi asesor relixioso do Colexio de EXB de Bandeira e formou musicalmente a moitos fregueses.

Recolleu contos e participou na obra El camino a Santiago por el sudeste Ourense-Santiago de Compostela.

É autor do libro Cristóbal de Colón. Quinto almirante da Casa de Soutomaior. Parente dos Deza, Mendoza, Lemos e outras casas nobres. Natural de Pontevedra. Descubridor de América. [Ver recensión]

Sacerdotes do Arciprestado de Chantada peregrinaron a Suegos

Sacerdotes do Arciprestado de Chantada ante a casa natal de San Xosé Mª de Suegos

O día vinte e dous de maio, os sacerdotes do Arciprestado de Chantada, que coincide coa Comarca conformada por tres concellos (Carballedo, Chantada e Taboada) fixeron unha peregrinación á parroquia de Santa Eulalia de Suegos (Pol), a terra natal de San Xosé María Díaz Sanjurjo. Era unha emotiva maneira de celebrar a clausura dos retiros espirituais e a formación permanente do clero que se realizaron neste curso pastoral. Participaron dez sacerdotes acompañados por José Lebón Sánchez, moi querido polos cregos da zona de Chantada. Foron recibidos con agarimo por Jesús Trigo López, natural de Suegos e párroco desta comunidade. Visitaron a casa natal do santo e foron acollidos moi afablemente polos familiares do mártir do Tun-King, conversando sobre a xenealoxía do santo e sobre algúns detalles desta familia. A continuación houbo un breve retiro e a Misa concelebrada por todos. Como final, no templo, rezouse ante a imaxe do santo dando grazas a Deus e presentándolle as coitas de cadaquén. Presidiu todos estes actos o Delegado Diocesano de Clero e párroco de Meira, Miguel Asorey Otero que nos acompañou a ver o Pedregal de Irimia, berce do río Miño, visitar a igrexa de Santa María de Meira, que foi mosteiro cisterciense do ano 1142, o segundo máis antigo da Orde en Galicia despois de Oseira 1137. Terminouse o entrañable encontro cunha comida de fraternidade na localidade de Mosteiro.

Presentación do libro “Lugo en branco e negro”

O xoves 20 de xuño os sacerdotes Jesús Río Ramilo e José Río Ramilo presentaron na libraría Trama o libro da súa autoría titulado Lugo en branco e negro.

Cando foi o 50 aniversario de varias parroquias da cidade de Lugo, José Río pensou en publicar un libro con fotos antigas dos templos e das parroquias. Cando se viu a posibilidade de financiar o proxecto, José Río comezou a buscar fotos de igrexas, e tamén do Seminario, colexios… As fotos son de finais do século XIX e comezos do XX e permiten ver como cambiou a cidade de Lugo. Acompañan ás fotografías informacións que foron buscadas en hemerotecas, páxinas web especializadas…

Na presentación do libro, Jesús Río achegou os seguintes datos: no censo de 1591 había en Lugo 296 veciños cabezas de familia que pagaban impostos. No mesmo censo O Courel tiña 656 veciños cabezas de familia que pagaban impostos, ou sexa máis do dobre. Hoxe voltaron as tornas e O Courel é quen sofre a despoboación.

Na presentación, agradeceuse á Secretaría Xeral de Política Lingüística, e ao seu titular Valentín García Gómez, polo apoiou económico dao para a publicación desta obra non venal.

Ao primeiro capítulo do libro, adícado á muralla, seguen estoutros: Catedral de Santa María, prazas, rúas, novas parroquias, xentes.

A %d blogueros les gusta esto: