Saúde dos enfermos – Lourdes 2015

Lourdes_Basilique_et_gave

A definición de enfermidade varía segundo a quen lle preguntemos. Aínda admitindo todos que a maioría das veces empregamos o término “enfermidade” para referirnos ao mal funcionamento dun ou varios órganos do corpo humano, non nos dirá o mesmo un médico, un teólogo, un sociólogo ou un político. Xa que non só enferman os corpos senón que tamén enferman as mentes, as sociedades, as institucións… Tamén hai unha concepción bíblica-teolóxica da enfermidade. Son numerosos os textos bíblicos nos que se fala da enfermidade como algo asimilado ao pecado. Basta recordar as veces que Xesucristo tras curar a un enfermo dicíalle que non pecase máis.

Nas ladaíñas do Santo Rosario tamén aclamamos a María como “Saúde dos Enfermos”. Ela é a que nos leva cara a Xesucristo. El é o verdadeiro médico das nosas almas que un día curará todos os nosos males, incluída a morte, para que teñamos unha vida con saúde eterna.

A medicina salvífica de Xesucristo non pasaba desapercibida para os seus contemporáneos. Abonda con ver o Evanxeo do próximo domingo, onde a multitude o arremuiñaba para poder tocalo e impregnarse da súa graza salvadora e vivificadora. Esta escena que describe o evanxelista San Marcos (5, 21-43) non dista moito da que, D.m, poderei ver a próxima semana no Santuario de Lourdes. Miles de persoas que buscan achegarse a Xesucristo poñendo como intercesora á súa Nai, a Inmaculada, que se apareceu a Bernardita nesta gruta aos pés dos Pireneos franceses. Moitos buscarán o milagre da curación dunha enfermidade do corpo, pero todos buscaremos o poder tocar ao que é a Saúde definitiva das nosas vidas, conscientes de que a saúde é algo moito máis profundo que a saúde física. Para iso compartirei uns días de retiro e descanso con outras moitas persoas coas mesmas inquietudes. De Lugo, como sempre, un grupo numeroso de máis de 600 persoas peregrinaremos como pobres esmoleiros que necesitamos a saúde da fe.

Miguel Ángel Álvarez

Deixa un comentario

%d bloggers like this: