Secularización… sacralización?

Cando vexo o que un afeccionado paga por unha camiseta do seu equipo de fútbol, quedo sorprendido e cunha chea de interrogantes. Hoxe estase pagando máis de 150 € nas que levan todas as garantías, é dicir, máis do 10 % do salario mínimo oficial no país!! Por outra banda o custo da fabricación das camisetas non creo que chegue a 5 €. Como é posible esa diferenza?

Sábese que ADIDAS págalle cada ano ao Real Madrid 120 millóns de €, aos que sumar 80 por levar escrito FLY EMIRATES  e 70 por HP, e algún incentivo máis. NIKE paga 105 ao Barcelona e súmanse 70 por SPOTIFY e 12 por AMBILIGHT… Financian outros equipos, seleccións, deportistas, eventos e campionatos. Algúns exemplos:

– ADIDAS financia ao Manchester United con 94 millóns de €, Bayer de Munich 90, Arsenal 68… Seleccións: Alemaña máis de 50, España máis de 40, Arxentina 23… Deportistas: Messi 31, Patrick Mahomes 20, James Harden 15,7 millóns…

– NIKE ao Liverpool con 82 millóns, Paris S.G. 80, Chelsea 76… Seleccións: Francia 42,6, Inglaterra 34,5, Brasil 30,7… Deportistas: Haaland 25, Ronaldo 17, Mbappe 16, Sinner 15, Rory McIlroy 22, Kevin Durant 30, Lebron James 30.

A cuestión é por que empregan tanto diñeiro as marcas en deportistas e equipos. O que buscan é convertelos en ídolos aos que se lles dá unha aureola sacralizadora de admiración e devoción coa finalidade de conseguir un maior beneficio para as empresas e os patrocinados.

A aureola sacral e idolátrica ao redor deses deportistas explica feitos como que uns mozos lle preguntasen nunha ocasión ao responsable de son nas roldas de prensa dun equipo de fútbol famoso como eran os seus admirados xogadores, os seus ídolos, e este contestoulles que eran in-so-por-ta-bles!

O famoso escritor inglés Chesterton afirmaba con claridade que “o malo de que os homes deixasen de crer en Deus non é que xa non cren en nada, senón que están dispostos a crer en calquera cousa”. Idolatrar a estes equipos e xogadores é o que explica que haxa persoas dispostas a pagar máis do dezmo, 10 %, do seu soldo nunha camiseta de determinado xogador do seu equipo. E que ademais os “máis devotos” xúntense en quedadas para enfrontarse e derrotar aos adversarios, inimigos, dos seus deuses e, como contan os medios de información, ás veces terminan con mortos.

Cítase moitas veces a frase do escritor francés, Bernanos, “un cura menos e 100 bruxos máis”. Así atopamos cantidade de adivinos, botadores de cartas, astrólogos, quiromantes e outros feiticeiros que continuamente vemos nas televisións, radios etc. Ademais sabemos de personaxes importantes que acudían a eles antes de tomar decisións relevantes. Lembremos só dous exemplos:

– François Miterrand, un dos presidentes (1981-95) máis influente de Francia, consultaba coa astróloga Élizabeth Teissier pedíndolle consello sobre o mellor día para iniciar a intervención militar na Guerra do Golfo (1991), para celebrar o referendo de ratificación do Tratado de Maastricht… Recibíaa no Elíseo e aceptou a súa petición de gravar as conversacións para os seus netos e para un libro.

– Ronald Reagan, presidente de EEUU (1980-88), consultaba á astróloga Joan Quigley moitas medidas como revelaría anos despois Donald Regan: “Practicamente todos os grandes movementos e decisións que Reagan tomou durante a miña época como xefe da Casa Branca (1985-87) acordáronse de antemán cunha muller de San Francisco, que elaborou os horóscopos para asegurarse de que os planetas estaban nunha aliñación favorable”. Quigley titulou as súas memorias Os meus sete anos como astróloga da Casa Branca para Nancy e Ronald Reagan. Definía a súa achega como un “traballo técnico” de “astroloxía política” e as súas predicións determinaban datas e horas de discursos presidenciais, roldas de prensa e desprazamentos do avión Air Force One. Atribúenselle as estrañas 12:10 horas para o comezo do acto oficial do nomeamento de Reagan como gobernador de California en 1967.

A existencia de ídolos leva consigo unha despersonalización do ser humano, pois os ídolos esixen sacrificios humanos nun sentido amplo, que poden ir desde desprezar e odiar ás persoas que son doutros equipos e xogadores (seitas) até sacrificar vidas alleas. Isto permite entender o que hai anos por gañar 0-5 ao Real Madrid no Bernabéu dixo un afeccionado do Barcelona: “Agora xa podo morrer tranquilo”!!

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: