Vivir é froitificar

Escoitemos a semente: “Algo me di que me entregue totalmente e sepúltame no escuro da terra, na esperanza de ser transformada en árbore. Por que, para cara arriba teño que ir cara abaixo, e pensar que toda árbore pode brotar de min?” (E. A. Gloeggler). Este soliloquio da semente non precisa, quizais, moita explicación, senón reafirmación e confirmación. Porque, en rigor, nada está perdido para a semente ao desaparecer no escuro da terra. Ao contrario, sepultarse e ir cara abaixo é a condición para froitificar. Sepultarse na terra vivifica a semente, desenvólvea. Ir cara abaixo non inutiliza, madúraa. Estamos, un ano máis, no tempo coresmal. Lembramos a quen “se humillou a si mesmo” (Flp 2, 8), Cristo, que abaixado e asumindo plenamente a nosa humanidade, fíxose semente que leva à plenitude da Vida à humanidade.

A Coresma é tempo para volver a dirixir a mirada ao escuro da vida. Para imitar a paciencia de Deus que segue “agardando o froito precioso da terra” (St 5, 7). Tempo para converternos en semente que produza bos froitos. Tempo, para volver a dirixir a mirada ao Sementador que agarda bo froito da terra boa.

Como ensina o Papa Francisco, tempo novo coresmal invítanos “ao xaxún, a oración e a esmola, tal como os presenta Xesús na súa predicación (cf. Mt 6, 1-18), que son as condicións e expresión da nosa conversión. A vía da pobreza e da privación (o xaxún), a mirada e os xestos de amor cara ao home ferido (a esmola) e o diálogo filial co Pai (a oración) permítennos encarar unha fe sincera, unha esperanza viva e unha caridade operante”. (Mensaxe do Para para a Coresma 2024).

Coresma, tempo novo no que vivir é froitificar. Mirémonos no espello da nosa propia vida e rompamos a coartada de esquivar o noso fracaso á hora de dar os froitos necesarios de conversión. Quizais o noso fracaso sexa mirar e buscar só o superficial, o que aparenta, o frívolo, o mediocre. Busquemos no agochado e fondo do corazón o crecer silencioso como o da semente. Acaso poidamos recuperar a mirada ao interior, afondar no profundo de onde nacen e susténtanse os froitos. Porque a árbore -a vida- máis esvelta e de mellores froitos é a que ten boas raíces.

Daniel García

Párroco de San Lourenzo de Albeiros e San Xosé das Gándaras

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: