Seminario Diocesano: apertura solemne do Curso Académico

O domingo 1 de outubro terá lugar a solemne apertura do Curso Académico 2017-2018, do Seminario Diocesano, o Instituto Teolóxico Lucense e o Instituto Superior de Ciencias Relixiosas San Dámaso. 

 Ás 17:00 h. na Capela Maior do Seminario hai unha Eucaristía Votiva do Espírito Santo, presidida polo Sr. Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

Ás 18:00 h na Aula Magna comezará o acto académico:

  • Lectura da Memoria do Curso 2016-2017 por parte da Secretaria do Seminario Diocesano, Montserrat López Vázquez
  • Apertura do Curso polo Sr. Bispo
  • Lección inaugural: «1517-2017. Del conflicto a la comunión», por D. Benito Méndez Fernández, Profesor Titular de Cátedra no Instituto Teolóxico Compostelán. Docente de Teodicea, Eclesioloxía Fundamental e Sistemática, e Cursos do Bienio. Profesor extraordinario de Eclesioloxía no Instituto Teolóxico Lucense.

Máis de 40 seminaristas cursarán no Seminario Menor os diversos cursos da ESO e do BAC, nas súas diversas modalidades. Deles, 25 alumnos son residentes internos no Seminario, e o resto mediopensionistas. Como novidade, este ano o Seminario Menor estrea a xornada única, distribuíndo en horario só de mañá as clases e dedicando as tardes ao estudo, á formación espiritual, ao deporte e a outras actividades extraescolares.

No Seminario Maior vivirán este curso catro seminaristas, que estudan o Bacharelato/Grao de Estudos Eclesiásticos no Instituto Teolóxico Lucense (ITL), afiliado á Facultade de Teoloxía da Universidade Eclesiástica San Dámaso. Ditos estudos están dispoñibles para que se matricule calquera persoa interesada nunha formación filosófico-teolóxica de nivel universitario. Un quinto seminarista, xa diácono, amplía estudos en Madrid e colabora na parroquia da Milagrosa as fins de semana durante a súa etapa pastoral. A eles súmanse como alumnos do ITL, os seminaristas do Seminario Misioneiro Redemptoris Mater (pertencente ao Camiño Neocatecumenal), erixido na Diocese de Lugo. Foron cinco seminaristas no último curso e espéranse novas incorporacións para o presente.

No Instituto Superior de Ciencias Relixiosa San Dámaso estudan, ben todos aqueles interesados na titulación de Bacharelato/Grao en Ciencias Relixiosas (que capacita, entre outras cousas, para a docencia do Ensino Relixioso Escolar ESO/BAC), ben aqueloutros que, coa titulación de Grao en educación infantil ou primaria desexan optar a ser docentes de Ensino Relixioso neses niveis. Ao ser un centro a distancia, acolle alumnos en formación nestes dous ámbitos de todas as zonas da comunidade autónoma.

Por outra banda, no edificio do Seminario Diocesano, que se abre o domingo ao longo do curso, teñen lugar moitos eventos de interese diocesano, como retiros, cursos de formación, convivencias… así como colaboracións diversas con outras realidades. Como mostra, desde fai uns meses o Seminario é o lugar de ensaio da Banda Filarmónica de Lugo, e das súas novas iniciativas: a banda infantil e o coro infantil. O edificio nobre do Seminario segue ofrecendo, na súa segunda planta, o servizo de Casa Sacerdotal para os sacerdotes da Diocese que desexan residir nela.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: