Solemnidade do Corpus Christi

Corpus Christi 2016

Centos de fieis asistiron o 29 de maio á celebración do Corpus Christi na Catedral.

Acompañaron a celebración o Orfeón Lucense, o coro Solo Voces, e a Banda Filharmónica de Lugo.

Logo da eucaristía, as autoridades, movementos, asociacións, confrarías, representantes das parroquias, colectivos doutros países con presenza na nosa Diocese e fieis participaron na procesión de Corpus polas rúas da cidade. Tamén asistiron nenos de Primeira Comuñón. Durante o percorrido o Grupo Tradicional “Os Xílgaros de Lugo” dirixido por Óscar Pérez e o grupo de baile tradicional de “Espazo Artístico 10”, dirixido por Xabier Iglesias, interpretaron danzas en Ofrenda ao Santísimo Sacramento.

Na súa homilía, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, recalcou o especial significado que a festa do Corpus Christi ten na nosa cidade e na nosa Diocese: “Ante o Santísimo Sacramento expresamos a conciencia que temos de nós mesmos, da nosa fe e da nosa identidade”.

“Ao instituir a Eucaristía, – continuou Mons. Alfonso- o Señor non só nos di que morrerá na cruz e resucitará por nós e pola nosa salvación; senón que tamén se nos dá El mesmo como alimento, como pan de vida (…) O sacramento da Eucaristía significa que o Señor sálvanos conseguindo que a súa vida e o seu amor entren tamén no noso corazón, que lata ao unísono co seu, que recibamos o seu Espírito. Sálvanos restaurando a nosa responsabilidade e a nosa dignidade”.

Nesta festa do Corpus, que celebramos con toda solemnidade e na que honramos o Corpo de Cristo expresamos e “afirmamos que o seu amor é a nosa esperanza, que esta amizade única que El establece no mundo é o camiño da vida e da verdade. E polo tanto confiamos na grandeza deste don eucarístico para renovar a nosa persoa, a nosa relación co próximo e con todo o mundo. (…) Coa súa vida entregada o Señor maniféstanos que todo o meu é voso, como todo o voso é meu. Tamén as vosas penas e a vosa morte é miña; como o meu amor, o amor inmortal de Deus que alenta no meu corazón, a miña vida resucitada é vosa”

Terminou a súa homilía recordando que o Corpus é tamén a festa de Cáritas: “Non esquezamos nunca como o Señor nos amou, contemplémolo sempre no Santísimo Sacramento; para poder amarnos tamén así os uns aos outros. Non esconderemos entón o rostro ante o sufrimento, recoñeceremos as necesidades e as miserias, os nosos propios pecados, practicaremos a xustiza; movidos íntimamente por este sacramento da unidade, da caridade e da paz”.

Corpus Christi 2016 a

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: