Clausura do Ano Xubilar da Misericordia

eucaristia-clausura-ano-misericordia

O 13 de novembro celebrouse na Catedral de Lugo a Eucaristía de clausura do Ano da Misericordia, presidida polo bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco. Arciprestes, párrocos e fieis de toda a Diocese asistiron a esta celebración que pon fin a este ano Xubilar.

O Bispo de Lugo comezou a súa homilía lembrando que, seguindo as indicacións do Papa Francisco, celebramos unidos a clausura deste ano Xubilar no que se nos abriu de par a par a porta da Misericordia, “como signo eficaz de Noso Señor porque a  misericordia entrou para sempre no mundo e nas nosas vidas”.

Mons. Alfonso Carrasco insistiu en que “a misericordia significa vir en axuda de quen está en dificultades, en calquera forma de miseria, de quen sofre inxustiza, pero busca facer desaparecer todo aquilo que desfigura o rostro da persoa, que escurece e conduce á morte o corazón, en Xesús a misericordia revelouse como fidelidade e compaixón ao home como vitoria sobre a morte, pero non como condescendencia coa mentira o pecado ou a destrución da humanidade de calquera xeito”.

O Bispo de Lugo finalizou dicindo que “o mellor futuro do ano xubilar que clausuramos é que gardemos viva a conciencia de que nós cremos na misericordia, que é real e verdadeira e vitoriosa en Xesucristo, e que poida ser en nós criterio de vida para mirar todas as cousas, a cada persoa e a nós mesmos, porque só neste amor pódese ver como é a outra persoa; só con misericordia saberémola tratar de modo xusto e só así é posible conservar esperanza fundada de felicidade neste mundo”.

Despois da comuñón fíxose unha acción de grazas por este Xubileu da Misericordia.

 E xusto antes de finalizar, o deán da catedral, Mario Vázquez, leu o documento da indulxencia plenaria cotiá perpetua na catedral de Lugo.

[Texto da acción de grazas e memoria das peregrinacións feitas durante este ano]

Jesús Higueras estivo na Semana de Formación dos Cregos de Galicia

jesus-higueras-e-miguel-asorey

 Na XXIVª Semana de formación permanente dos cregos de Galicia (12-14 de setembro) participou Jesús Higueras, Misioneiro da Misericordia: “A experiencia como Misioneiro da Misericordia foi sorprendente, pois non me imaxinaba que fose tanta a xente que acudise este ano a reconciliarse con Deus a través deste sacramento. Moita xente tiña medo pero o Papa Francisco mostra moi amablemente que as portas do corazón de Deus están abertas a todos. En moitas parroquias multiplicouse o número de persoas que comprenderon que o amor de Deus é para todos, e reconciláronse con Deus. Foi unha experiencia moi positiva, oxalá que se repetise moitas veces”.

 Tamén se referiu Jesús Higueras ao papel do sacerdote no mundo actual:

 “Nunha sociedade que carece de sentido, desestruturada, cunha humanidade rota, ferida, a figura do sacerdote que fai unha oferta da garantía do amor de Deus é máis necesaria que nunca. Os sacerdotes somos  moi necesarios porque desde a gratuidade da entrega da nosa vida  seguimos mostrando ao mundo que o amor de Deus é para todos. Nas súas debilidades, nos seus fracasos, todos son amados de Deus. Isto pode facelo o segrar, pero o sacerdote faino a través dos sacramentos da Eucaristía e da reconciliación, a través da comunidade parroquial, en comuñón con irmáns… Polo tanto o sacerdote é unha riqueza para a humanidade, e por suposto para o Pobo de Deus”.

Xubileo dos catequistas

23abril - catequistas

O vindeiro sábado 23 de abril terá lugar a peregrinación á Catedral dos catequistas da Diocese, pois serán os que gañen o xubileo ese día ao mesmo tempo que celebran a súa asemblea anual. Ás 11 da mañá no Seminario diocesano haberá unha conferencia a cargo do Jesús Martínez Carracedo, director do departamento de saúde da Conferencia Episcopal. Ás 12 e cuarto sairán cara á Catedral para entrar nela pola porta da misericordia e ás 13h presidirá a Eucaristía o bispo. Mons. Alfonso Carrasco.

Peregrinación de parroquias do Páramo á Catedral

 

Xubileo parroquias do Páramo 3 - copia

O 17 de abril máis de 70 persoas de sete parroquias do Páramo peregrinaron á Catedral de Lugo para gañar o Xubileo no actual Ano da Misericordia. Ás 11:30 h concentráronse na Praza de Santa María, onde os recibíu o bispo, mons. Alfonso Carrasco e o deán da catedral, Mario Vázquez, quen despois dunha explicación dos ritos do xubileo e o significado da entrada pola porta santa, presidíu a celebración eucarística, concelebrada polo párroco, José Manuel Castro. Rematada a Misa, visitaron a Catedral e, no claustro, o cóengo César Carnero, fixo un percorrido pola historia da mesma. A continuación compartiron  un xantar de confraternidade.

%d bloggers like this: