Segunda sesión da Escola de formación sobre a Eucaristía

O 24 de xaneiro tivo lugar a segunda sesión da Escola de formación sobre a Eucaristía. O licenciado en Teoloxía Litúrxica José Sánchez Piso deu unha explicación sobre a liturxia da Palabra relatando algúns intres da súa historia: os primeiros cristiáns lían o Antigo Testamento, pero todo o referido a Xesús. Tras uns anos de estudo, en 1969 establécese a distribución das lecturas tal como se fai hoxe nas eucaristías. Simplificando moito, indicou Sánchez Piso que a 1ª lectura, do Antigo Testamento, é teolóxica (fala de Deus), mentres que a 2ª lectura é exemplificante, moral. Finalmente, falou do acto de incensación, que non só ten como finalidade honrar senón tamén purificar.

O acto estivo organizado pola Delegación de laicos, familia e vida, que programa a seguinte sesión para o 7 de marzo, día no que se tratará sobre o ofertorio e a pregaria eucarística.

Na xornada de formación permanente tratouse o tema do patrimonio

O mércores 28 de decembro tivo lugar a xornada de formación permanente baixo o título “O patrimonio eclesiástico: ferramentas para a súa protección e intervención”. O Delegado Episcopal de Patrimonio da Diocese de Ourense, Luis Manuel Cuña Ramos, foi o encargado da primeira comunicación, baseada na carta circular publicada en 1999 pola Pontificia Comisión para os Bens Culturais da Igrexa co título “Necesidad y urgencia del inventario y catalogación de los bienes culturales de la Iglesia”. Luis Manuel falou precisamente da diferencia entre inventario e catálogo. Inventario é a primeira actividade de coñecemento do que hai nunha parroquia, convento… e incluirá unha lista (sen detallar cuestións estilísticas…) e fotografías. Sobre a lexislación actual, mencionou o canon 1283 do Código de Dereito Canónico.

E houbo unha segunda comunicación, a cargo da Subdirectora Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, Beatriz González Loroño, que explicou o réxime xurídico das intervencións en bens de interese cultural e catalogados: os trámites que se deben realizar cando se vaia facer unha intervención e que se presentarán ante a Xefatura Territorial da Xunta. Finalmente falou das sancións que se impoñen cando as intervencións non se realizan conforme ao prescrito.

 A xornada concluíu cunha visita ao depósito de bens culturais da Diocese de Lugo.

Primeira sesión da Escola de Formación sobre a Eucaristía

O 22 de novembro comezou a Escola de Formación sobre a Eucaristía que a Delegación de Laicos, Familia e Vida organiza este curso, con sesións bimestrais. Na primeira, o licenciado en Teoloxía Litúrxica, José Sánchez Piso, explicou os ritos introdutorios.

Cando se fala das partes da Misa debe facerse desde a espiritualidade, a tradición, a teoloxía, o dereito, a estética, as rúbricas,…

Nun momento da súa intervención referiuse Sánchez Piso a un cambio: “o Misal actual substitúe a fórmula “Preparado o sacerdote…” por “Congregado o pobo…”. Non significa que o sacerdote non deba estar preparado, pero está poñendo o acento no pobo. Xa non é a Misa do cura á que asisten algúns, senón que é a Misa da Asemblea presidida polo ministro ordenado. Como facer que realmente unha morea de individualidades que viñeron da súa casa fagan unha asemblea de verdade? Para iso importa o canto de entrada, que acompaña a unha procesión, ás veces reducida simplemente ao camiño desde a porta da sancristía ata o altar pero outras veces celebrada con solemnidade. E temos os 3 elementos cos que empeza a Eucaristía: a procesión, cantando, para rematar cunha oración. Este esquema é clásico no culto católico, xa fala diso San Agostiño”.

Sobre a oración colecta, Sánchez Piso explicou o motivo de ter ese nome: “chámase así porque recolle o sentido da celebración e as oracións dos fieis. Porque o sacerdote di “Oremos” e para iso hai que facer un intre de silencio e orar”.

Nunha colecta hai distintas partes: “unha invocación (O Deus, Pai eterno…) mencionando a Deus a algún atributo seu. A continuación vén o memorial, que é lembrar un feito salvífico realizado por Deus (Encarnación….). Despois vén a petición e finalmente a conclusión. Nesta dise “Por Xesucristo o Noso Señor” porque as peticións non as facemos a Xesús senón ao Pai eterno, pero nós non somos dignos de dirixirnos ao Pai eterno, polo que ao final de calquera oración dicimos que se facemos a petición é porque poñemos a Xesús como intercesor”.

Sesións de formación en Monforte

En Monforte de Lemos decidiron recoller unha idea que saía repetidamente nos grupos do Sínodo: a necesidade de formación de laicos. E desde o pasado 21 de outubro está habendo encontros de formación quincenais, que seguirán ata xuño e aos que asisten 25 persoas. O primeiro encontro estivo dirixido por Ramón Piñeiro e tratouse sobre as tres dimensións básicas da vida cristiá: Anuncio (Kerigma), Culto-sacramentos (Liturxia) e Compromiso (Diaconía).

O segundo encontro (4 de novembro) tratou do diálogo-resposta evanxélica da Igrexa cos diversos tempos históricos, cuestión presentada por Antón Negro.

Na seguinte sesión de formación (18 de novembro) veranse as tres vocacións na Igrexa e o específico da vocación laical.

Decembro será un mes adicado á Biblia, e xaneiro á dimensión social da fe.

En febreiro tocaranse dous temas: responsabilidade misioneira do bautizado-confirmado e a oración cristiá.

Marzo adícase a temas litúrxicos: oración litúrxica da Igrexa, o ano litúrxico e o Triduo Pascual como eixo da fe.

Abril: catequese (para unha vida laical) na comunidade cristiá laical.

Maio: Antropoloxías contemporáneas (o home cibernético ou o home animal evolucionado) e antropoloxía cristiá.

Xuño: Liturxia e vida, contemplación e acción, Corpus e Cáritas. O último encontro servirá de revisión: o aprendido, as necesidades descubertas e qué facer no seguinte curso.

Formación Permanente

O mércores 26 de outubro iníciase a Formación Permanente do clero deste curso 2022-2023, que estará centrado na temática do “coidado do patrimonio”. Na xornada do 26 de outubro pode participarse de forma presencial no Seminario e poderase seguir por YouTube na canle da Diocese de forma persoal ou nos puntos de conexión habilitados nas distintas zonas pastorais.

Programa do día 26.

10:00- PRESENTACIÓN – ORACIÓN

10:15- Que entendemos por patrimonio eclesial? Patrimonio material e inmaterial da Igrexa. Relator: D. Pablo Delclaux de Muller. Director do secretariado da Comisión Episcopal de Patrimonio Cultural. Conferencia Episcopal Española.

10:55- PAUSA

11:10- A evanxelización, fundamento del patrimonio eclesial. A forza evanxelizadora do noso patrimonio. Pablo Delclaux de Muller

11:50- DESCANSO

12:10- COMUNICACIÓNS.

Que debemos custodiar?

Introdución. D. José Antonio Ferreiro Varela. Delegado Episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico

Arquivo. D. Óscar González Murado. Director Arquivo Diocesano de Lugo

Museo e Catedral. D. Marcos Calles Lombao. Director Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo

Igrexas e Depósito. D. Jesús Salvador López. Director Departamento de Patrimonio Histórico Artístico.

12:45- COMUNICACIÓN.

FUTURE FOR RELIGIOUS HERITAGE. Rede europea para lugares históricos de oración. Dª. Pilar Bahamonde González. Directora de Centro de Estudios Lebaniegos y museo Torre del Infantado

A %d blogueros les gusta esto: