Os Mestres do XVIII no Museo Diocesano – Catedralicio

Desde xuño os estudosos da arte e o público en xeral estamos de noraboa pola reapertura do Museo Diocesano – Catedralicio de Lugo; ademais de pola súa coidada museografía e a espectacularidade das pezas seleccionadas este museo destaca pola contorna onde se enmarca. O comezo da visita preséntanos a sala capitular, obra de Domingo de Andrade de finais do século XVII e remodelada por Miguel Ferro Caaveiro no XVIII. Moi próximo a esa sala atópase o arquivo catedralicio (século XVIII) lugar frecuentado por personaxes ilustres como Inocencio Portabales, Amador López ou Francisco Vázquez Saco.

Gran parte do museo atópase na construción da fachada que se levou a cabo a partir de 1770 e onde traballaron grandes mestres do XVIII como Julián Sánchez Bort (planos), José de Elejalde, Alberto Ricoy ou Miguel Ferro Caaveiro; difícil elixir entre os tesouros da exposición, pequenas mostras de todos os puntos da Diocese, pero a importancia do brazo relicario que contén a tibia de San Froilán, pola que tanto loitaron bispos como Pedro de Nero y Castro ou Alonso López Gallo, lévase o meu recoñecemento. O impresionante triforio convértese de novo no escaparate de obras de artistas como Cornielles de Holanda, aclamado escultor do século XVI dos retablos das catedrais de Ourense e Lugo, e onde aquí temos as súas esculturas ao alcance da man. No fondo do triforio do lado do Evanxeo agarda uns de momentos máis especiais, a visión da cúpula de Carlos Lemaur coas pinturas de José de Terán (1766-1768) desde unha proximidade e perspectiva ata agora non vista polo público desde a súa restauración en 2011.

A apertura do museo dá a posibilidade de percorrer a parte superior da fachada do Bo Xesús; pola soa oportunidade de pasear entre as colosais esculturas dos catro evanxelistas que en 1785 realizaba o escultor Santiago Quatrigas Baamonde merece pagarse a entrada, xa que desde aí conséguense as mellores fotografías de Lugo e, mirando ao horizonte, pódese ver o percorrido do Camiño Primitivo e o territorio de parte da Diocese de Lugo (moi ao fondo as históricas terras de Abeancos); unhas vistas espectaculares. Ademais da fachada tamén se permite a subida ás torres que no último terzo do XIX Nemesio Cobreros Cuevillas realizaba baixo os planos orixinais de Julián Sánchez Bort.

Como nos bos menús deixei para o final unha boa sobremesa: a visita ao claustro barroco, unha obra cun valor artístico incalculable e non menor valor histórico: en febreiro de 1708 un novísimo aparellador de Santiago, de nome Fernando, chegaba á catedral para traballar ás ordes de Frei Gabriel de las Casas (mestre de San Martín Pinario); pouco despois, en outubro de 1709 informaba ao cabido da morte deste e preguntaba humildemente se querían buscar un novo mestre ou seguía el coa obra. Será aí onde o cabildo de Lugo cambiará a historia da arte en Galicia confiando o traballo a este aparellador que todos coñecemos agora como o gran Fernando de Casas y Novoa, que, tras terminar o claustro, realizará a maxestuosa Capela da Virxe dos Ollos Grandes (1726-1736) e será eternamente lembrado pola construción máis icónica do Camiño de Santiago: a Fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago de Compostela.

Marcos G. Calles Lombao

Doutorando en Historia da Arte na U.S.C.

Reapertura do Museo Diocesano-Catedralicio de Lugo

O 23 de xuño tivo lugar o acto de reapertura do Museo Diocesano – Catedralicio de Lugo. O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e outras autoridades inauguraron oficialmente a reapertura deste Museo.

O bispo de Lugo afirmou que “a fondura da vivencia dos nosos antepasados, relixiosa e, máis en concreto, cristiá, visibilízase aquí especialmente no conxunto de pezas dedicadas ao misterio da Eucaristía, como representándonos en palabras de arte o antigo lema de Galicia: hic hoc mysterium fidei firmiter profitemur.
Proseguiu recordando que “esta experiencia de fe segue viva entre nós, de modo que a visita pode converterse en encontro, nun momento en que resoen de novo as fibras do noso corazón, non só por sentir próxima a presenza dos nosos maiores e nosas mesmas raíces, senón tamén por axudarnos a recordar e a descubrir de xeito novo a beleza e o valor inapreciable daquilo no que cremos e esperamos”.

Mons. Carrasco quixo agradecer o traballo de tantas persoas e institucións neste museo: “O Museo é, por fin, unha obra feita posible pola colaboración tamén hoxe de homes e mulleres de Igrexa, da Diocese de Lugo e da Xunta de Galicia, asumindo a súa responsabilidade para co noso patrimonio histórico artístico”.

[Ver álbum fotográfico]

A %d blogueros les gusta esto: