Na xornada de formación permanente tratouse o tema do patrimonio

O mércores 28 de decembro tivo lugar a xornada de formación permanente baixo o título “O patrimonio eclesiástico: ferramentas para a súa protección e intervención”. O Delegado Episcopal de Patrimonio da Diocese de Ourense, Luis Manuel Cuña Ramos, foi o encargado da primeira comunicación, baseada na carta circular publicada en 1999 pola Pontificia Comisión para os Bens Culturais da Igrexa co título “Necesidad y urgencia del inventario y catalogación de los bienes culturales de la Iglesia”. Luis Manuel falou precisamente da diferencia entre inventario e catálogo. Inventario é a primeira actividade de coñecemento do que hai nunha parroquia, convento… e incluirá unha lista (sen detallar cuestións estilísticas…) e fotografías. Sobre a lexislación actual, mencionou o canon 1283 do Código de Dereito Canónico.

E houbo unha segunda comunicación, a cargo da Subdirectora Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, Beatriz González Loroño, que explicou o réxime xurídico das intervencións en bens de interese cultural e catalogados: os trámites que se deben realizar cando se vaia facer unha intervención e que se presentarán ante a Xefatura Territorial da Xunta. Finalmente falou das sancións que se impoñen cando as intervencións non se realizan conforme ao prescrito.

 A xornada concluíu cunha visita ao depósito de bens culturais da Diocese de Lugo.

Xornadas Europeas do Patrimonio

A Diocese de Lugo súmase à celebración das Xornadas Europeas de Patrimonio, este ano baixo o lema “Patrimonio Sostible”. As primeiras actividades programadas son as seguintes:

O día 14 na igrexa de Santa Mariña de Folgoso do Courel, a restauradora María Teresa López Pérez presenta o relatorio “Restauración do Retablo da Virxe do Rosario”. O obxectivo é mostrar ao público os procedementos necesarios para protexer, conservar e restaurar os bens culturais, neste caso, bens de uso cultual e litúrxico en uso e sensibilizar sobre as técnicas e materiais que se usan en restauración. A todos os asistentes entrégaselles o libro O Courel. Bajo la cruz de Santiago, s. XII – s. XIX

E outra actividade será o sábado 17 de setembro en horario de 10 a 14 horas. Consiste nunha procura de once representacións animais distribuídas pola Catedral de Lugo e o Museo Diocesano Catedralicio. Á entrada da Catedral entregarase aos visitantes un cartel coas once representacións animais que deben buscar e que pertencen a obras de distintos séculos e estilos.

A actividade será conducida polo director do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, Marcos Calles, o cal durante o horario da actividade axudará aos visitantes, explicará a relevancia histórico-artística de cada peza artística, así como a importancia da conservación de cada unha destas obras que forman parte de nosa historia. Actividade sen custo adicional ao prezo da entrada.

A %d blogueros les gusta esto: