Elena Roquier, autora do libro “Santiago Apóstol El Mayor”

María Elena Roquier no acto da presentación do libro

A escritora e escultora arxentina María Elena Roquier inicia o 11 de maio en Lugo o Camiño de Santiago. O día anterior presentou a súa obra Santiago Apóstolo El Mayor e antes do acto respondeu a algunhas cuestións.

– Como xurdiu a idea de escribir sobre o Apóstolo Santiago?

– Uunha amiga que vive en Córdoba (Arxentina) fixo como catro ou cinco veces o Camiño de Santiago e contábame moitas historias sobre a súa experiencia nese peregrinar. Logo xurdiu un intercambio con Xavier Eguiguren: eu enviáballe unha novela miña, el enviábame unha obra súa, e unha que considero moi interesante del  é a titulada 730.000 Pasos sobre os Camiños de Santiago. Vin a necesidade de comezar a buscar material sobre o Apóstolo Santiago e chegou un momento en que dixen “eu teño que escribir sobre este santo”. Cando tiven unha cantidade de información que me pareceu que era a que me servía realmente para imaxinarme ao Apóstolo evanxelizando, falando coa xente, foi cando xa me puxen a escribir, en plena pandemia.

– Que personaxes aparecen na obra, ademais do Apóstolo?

– Recorrín á Biblia e tamén inventei algúns personaxes, deilles vida. Hai unha nena que é un personaxe moi particular: está ao comezo, no centro da novela e tamén ao final. E van xurdindo outras persoas que o Apóstolo se vai atopando no camiño e que lle fan lembrar a Xesús e o que aprendeu del. Xesús brindoulle dons para que chegase el á situación á que chegou, que dixo agora si beberei o cáliz que Ti bebiches e que eu non entendín no seu momento. Foi cando decapitaron a Santiago.

– A que público vai dirixida o libro?

– Persoas que xa o leron consideran que pola linguaxe e outras características desta novela, está moi dirixida aos nenos. Por suposto que para os adultos tamén.

Antropólogos europeos cítanse nos Camiños de Santiago

Christiane Stallaert, na Facultade de Formación do Profesorado (Lugo)

Algúns dos máis importantes nomes da antropoloxía ibérica e europea cítanse para unha peregrinación científica polos camiños Primitivo, Francés, do Norte e de Fisterra-Muxía que terá lugar ata o 10 de xullo de 2021 ao abeiro da iniciativa ‘Antropoloxías do Camiño / Camiños da Antropoloxía’, un proxecto da Universidade de Santiago coordinado pola profesora Elena Freire Paz, que reune unhas trinta voces académicas, entre profesorado, investigadores e alumnado de doutoramento, para abordar o fenómeno xacobeo.

Trátase pois, dunha reunión científica internacional por primeira vez itinerante, que comezou o 6 de xullo na cidade de Lugo (Facultade de Formación do Profesorado), cun relatorio da antropóloga, traductora e hispanista belga Christiane Stallaert.

Christiane falou da “universalidade do símbolo de Santiago, a súa traductibilidade, a súa capacidade de comunicar a realidade doutros mundos á vez que se enraíza en novos contextos”. Referiuse ao que supuxo o alonxamento da figura do Apóstolo das súas raíces, da súa áncora no territorio compostelán, cando a partir de 1492 chega o seu culto a América: “De símbolo de guerra defensiva chamando á reconquista fronte ao invasor musulmán, o Santiago Matamouros peninsular convértese en Mataindios, símbolo dunha guerra ofensiva”.

Sobre as “múltiples transmutacións do Santiago latinoamericano: o Santiago dos maias, zapotecas, nahuas, aymarás por moito que os antropólogos persistamos en facer unha lectura deles como copias do orixinal compostelán, son figuras culturais cunha identidade propia, naturalizadas no contexto local onde volveu a botar raíces”

Graciñas, Señor Santiago

Escultura de Santiago o Maior en madeira de nogueira policromada (s. XV) Museo Diocesano-Catedralicio

Vou observando que é unha tendencia moi común nos humanos a de que case todos os que por unha ou por outra razón tiveron que deixar a súa terra, aspiran a repousar nela in saecula saeculorum. Ben é certo que non sempre é posible tal aspiración.

Teñen que ser moitas as causas que están detrás desta tendencia tan enraizada nos pobos que foron deixando de ser nómadas. Non faltarán analistas que as destripen co máximo rigor; pero ocórreseme, deixando voar un chisquiño a imaxinación, que toda a terra está animada desde que o Creador lle infundiu un sopro de vida a un anaquiño dela, tomando a parte polo todo, e por iso sempre a propia terra tira moito. Especial forza de atracción ten que exercer aquela máis inmediata que nos configura para reclamar as porcións que cedeu só en empréstito temporal.

Nos casos en que este desexo de ser enterrados na terra de onde partimos non pode levarse a cabo, tamén hai múltiples e variadas causas. Unha delas, e non das máis pequenas, é que o corazón botase raíces de afectividade máis fortes noutros sitios.

Pois ben, penso, xa que logo, que por aí poderán andar os motivos de preferir ser enterrado nestas terras húmidas de Breogán, superando a tendencia primaria de selo nas súa orixinarias desertas de Xudea o Apóstolo Santiago o Maior, o fillo de Zebedeo e Salomé, tamén alcumado como o Fillo do Trono, o Boanerxes, despois de que Herodes Agripa I dese orde de cortarlle a cabeza en Xerusalén a onde retornara de paso, só pra acompañar á Virxe María na súa dormición final.

Moitas querenzas debía ter aquí o Señor Santiago para deixarlles disposto ós seus discípulos, os sete Varóns Apostólicos, que se fixese oportunamente o traslado dos seus restos, se lle pasaba algo malo por aló,  desde  Israel ós soutos do Pico Sacro.

Parece que non faltan mentes pragmáticas que, coma o Iscariote,  devanan sobre que sería mellor dar ós pobres o que se gastou no traslado. Polo visto non foron moitos os gastos, tanto se prevalece a tese de que foi cousa duns anxos xardineiros dos tapices de mil verdores desta terra, como se resulta máis crible a outra de que veu nunha barca de pedra autopropulsada atravesando o Mediterráneo e dobrando polo Atlántico arriba ata entrar por Iria Flavia. Pouca era a tripulación daquela orixinal embarcación, só un vello mariñeiro xubilado de Tiberíades que acadara a invisibilidade en noites de luar. Daquela non había perigos de abordaxes de pateras nin de barcos ingleses, porque aínda o Mediterráneo non era o meirande cemiterio do mundo, debido a guerras, mafias e miserias antievanxélicas, nin unha colonia da Gran Bretaña o Peñón.

Non son historiador, máis ben son algo soñador, por iso non entro en se Santiago veu ou non á Gallaecia de daquela, nin en desentretiñar canto de lenda pode corresponderlle a el e canto a Prisciliano. Só afirmo rotundamente que o Señor Santiago está en Galicia e máis concretamente en Compostela. Somos milleiros e milleiros os que podemos dar testemuño de que alí nos encontramos con el e moitos máis dunha vez. E fronte ós pragmáticos comenenciudos de sempre, afirmo tamén que a súa presenza foi, é, e será pan para moitos pobres, e para algún rico tamén, tanto en Compostela mesmo, como ó longo dos camiños que atravesan continentes e océanos e que nela conflúen.

Pero non se vaia pensar que esa presenza é só pan para o bandullo, porque tamén é compango por ser fonte dunha cultura peculiar tecida das múltiples culturas que a xunto del aquí chegaron e foron deixando os seus pousos na cidade santa das peregrinaxes e nos camiños que levan a ela ou dela retornan. Compango tamén é a recuperación de esperanzas co estímulo que nace da fe que nos legou e que se materializan nas incontables luciñas bulideiras que lastran o seu camiño de estrelas.

Máis dunha vez teño matinado no porqué dun Camiño de Santiago polo ceo cando aínda ninguén podía matinar en controladores aéreos nin en barcos á deriva. E cheguei á conclusión de que Deus agasallou ó seu Apóstolo cun Camiño moito máis primitivo có Primitivo no ceo para que puidesen chegar a bo porto os que teñen que andar incertos camiños por mares embravecidos lastrados de perigos ou fendendo tempestades.

Aínda que todo o dito tivese unha boa parte de lenda ou mito, non por iso deixa de ser certo, xa que a lenda e o mito é outro xeito de expresar realidades que nos transcenden. Poi iso, moitas grazas, Señor Santiago, e que por moitos anos repouse en paz aquí entre nós!

Xosé Manuel Carballo

Nota dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago ante a Solemnidade de san Xosé

PROVINCIA ECLESIASTICA DE SANTIAGO

O próximo día 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto na Igrexa Católica, non aparece incluído no calendario de festas do ano 2013 na Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que si nalgúns concellos. Polo tanto, considérase, civilmente, como día normal de traballo.
Tendo en conta o arraigamento desta festividade no noso pobo, os Bispos das Dioceses da Provincia Eclesiástica Compostelá nesta circunstancia, para a orientación da conciencia dos nosos fieis, dispoñemos: Manter o 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto, coa obriga de participar na Santa Misa, aínda que sexa laboralmente hábil.

  1. Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na Eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, Esposo da Virxe.
  2. Recoméndase a todos os sacerdotes, máxime aos párrocos e reitores de igrexas, que dean as facilidades oportunas para cumprir co precepto a todos os fieis cristiáns, facilitando un horario apropiado para iso.
  3. Pedir, igualmente, aos párrocos e reitores de igrexas que comuniquen aos fieis o contido desta nota e os horarios de misas coa debida antelación.
  4. Ao coincidir a celebración do Día do Seminario coa festividade de San Xosé, a oración e a colecta para o Seminario Diocesano serán trasladadas á tarde do sábado, día 16, e ao domingo, día 17 de marzo.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2013.

+ Julián, Arcebispo de Santiago.
+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.
+ Manuel, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.
+ Alfonso, Bispo de Lugo.
+ José Leonardo, Bispo de Ourense.

A %d blogueros les gusta esto: