O inmundo

Hai uns días. Oito de decembro. Solemnidade da Inmaculada. Festa nacional vinculada á tradición católica. Patroa de España. Os sacerdotes españois teñen o privilexio de vestir casulla azul celeste, cor inmaculista, na celebración da Eucaristía.

Habituados a certas expresións e celebracións (a solemnidade da Inmaculada) paréceme pedagóxico titular este artigo polo seu oposto. O sucio, o inmundo, é o antónimo do inmaculado e, por antonomasia, da Inmaculada Concepción da Santísima Virxe María: a impoluta, a limpa, a intachable, a impecable, a pulcra. Cualificativos que habitualmente utilizamos para resaltar a beleza e a limpeza interior. A este respecto, pensadores actuais refírense a actuacións éticas asignadas á esfera do público coa nostalxia propia dunha praxe política onde parece que xa non existe a virtude. E o peor é que se intúe pero nin sequera é desexado. Xa case ninguén fala de virtudes, senón de valores (sen entrar en debates, afirmo que os valores sen virtudes deixan de ser principios básicos que poidan rexer a existencia humana). As virtudes, é dicir, as teologais e cardinais: a fe, a esperanza, a caridade, a prudencia, a xustiza, a fortaleza e a temperanza parecen ocupar espazos nos faiados de antigos edificios en decadencia e necesitados de urxente reconstrución. Gran erro.

Que quere dicir que algo é inmundo? A nosa intuición cotiá remítenos á orde do sucio, o repugnante. O termo latino inmundus aparece na Biblia para designar literalmente o que é impuro ceremonialmente, “o que está sucio ou o que é feo”. Resáltase así tamén, por contraste, o significado fondo e actual da Inmaculada, da figura de Maria na historia da humanidade e a súa achega para o futuro.

Algúns datos significativos respecto da figura de María: Ela é o rostro materno de Deus. É o que Deus pretende e elixiu para si mesmo do feminino. É a Gran Nai, a Theotokos (Nai De Deus) dogma acollido con gran entusiasmo no pobo cristián. Organizouse en Éfeso unha gran manifestación grandiosa, con fachos, para proclamar este dogma arraigado na alma popular. Miles de voces cantaban o nome de Maria, Nai de Deus. Pero non sucedeu soamente en Éfeso. Ante a figura de María, tamén se desbordou a piedade tradicional do pobo español. Foi España quen máis impulsou o dogma da Inmaculada Concepción, mesmo ante a oposición dalgúns teólogos e santos. A devoción filial a María, enraizada en todo o que a nai significou en moitas culturas, chegou mesmo a esaxeracións, pero no fondo da gran devoción latexa o feito de que nunha pobre gruta aconteceu o máis transcendente da nosa historia: unha sinxela muller de Nazaret dixo si a Deus e o Verbo fíxose carne. E habitou entre nós.  Ela foi ditosa porque creu.

Se se considera a María como expresión suprema do feminino, como o contrapunto da inmundicia e da corrupción, como o modelo da transparencia e da pureza, por que non podemos afirmar que aquela pobre de Nazaret, que con tanto gozo cantou o Magníficat, é o noso modelo de integridade, interioridade e fe?

Convido a contemplar algunhas das fermosas imaxes da Inmaculada na nosa Catedral de Lugo: en pintura, fermoso cadro anónimo do século XVII, na Sala Capitular. Na capela de San Xoán Bautista, coroando o retablo, unha bela imaxe da Inmaculada. O noso Seminario Menor tamén está dedicado á Inmaculada. Parabéns a todos os que aspiran a encarnar nas súas vidas o decoro, a beleza, a verdade e o ben.

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

“Madre ven” na Diocese de Lugo os días 26 e 27 de xullo

Tras rememorar a visita da Virxe ao Apóstolo Santiago, unha escultura da Inmaculada peregrina desde Zaragoza ata Compostela, e despois a imaxe estará en Lugo e O Corpiño os días 26 e 27 de xullo.

Un grupo de laicos e sacerdotes propúxose levar á Virxe aos fieis españois para pedirlle consolo e esperanza en Cristo. E tamén a renovación de España como Terra de María.

A peregrinación ten dúas partes:

– Nun primeiro momento, de Zaragoza a Compostela, pasando por Loyola. É un camiño dacabalo e a pé. Comezou en Zaragoza en maio e chega a Santiago para a Festa do Apóstolo o 25 de xullo.

– A segunda parte durará até o 12 de outubro e nese tempo a imaxe irá visitando outras dioceses españolas, comezando pola de Lugo, onde estará os días 26 e 27 de xullo.

O luns 26 subirá pola rúa do Carme para estar ás 11 h na Capela do Carme, desde onde irá en procesión ata a Catedral, celebrándose aí unha Misa solemne ás 12 h na honra da Inmaculada.

Pola tarde partirá para o Santuario da Nosa Señora do Corpiño (Lalín, Pontevedra) onde será recibida polo reitor e os fieis para logo ser levada en procesión.

Ás 18:00 h. celébrase unha Misa Solemne no Santuario do Corpiño.

Ás 20:00 h. hai unha Vixilia coa Virxe: adoración ao Santísimo Sacramento, rezo do Santo Rosario e rezo de vésperas.

A imaxe da Inmaculada permanecerá no Santuario até o día 27 de xullo pola mañá.

Consagración á Santísima Virxe María

Queridos irmáns:

Recibimos a invitación de unirnos a unha magnífica iniciativa, proposta pola Conferencia Episcopal Portuguesa a todos os fieis cristiáns de España e Portugal:

O día 25 de marzo, festa da Anunciación a Nosa Señora, ás sete e media da tarde, retransmitirase o rezo do Rosario desde a Basílica de Fátima, pedindo polas vítimas do COVID-19, os seus familiares, o persoal sanitario, etc. Presidirá ese acto o Bispo de Fátima, Card. António dos Santos Marto.

Ao finalizar o rezo do santo Rosario, o Card. Patriarca de Lisboa fará a consagración da Península Ibérica e as súas illas á Santísima Virxe María.

Pareceunos fermoso ese acto de unión dos Bispos e as Dioceses de España coas de Portugal, poñéndonos a todos baixo a protección da Virxe de Fátima, á que tanta devoción se ten nas nosas parroquias e comunidades cristiás.

Como Diocese de Lugo acollemos de corazón esta proposta e unirémonos desde as nosas casas a este rezo do Rosario e ao acto de Consagración á Virxe. Poderemos seguilo a través da COPE e TRECE TELEVISIÓN.

Sigamos pedindo ao Señor con constancia polas vítimas da pandemia, polos seus familiares, polos que viven a enfermidade en soidade, e por todos os que xenerosamente están expoñendo as súas vidas para axudar a superar esta situación tan dolorosa.

Co meu afecto e bendición

+ Alfonso,

bispo de Lugo

[Texto en castellano]

No Advento: María, porta do ceo

A salvación non é oferta gratuíta de Deus. O Señor ofrécea a todos os homes. A cambio só pide que a aceptemos con confianza e con fe.

Deus, que fixera boas todas as cousas, ás persoas fíxonos moi boas: deunos a conciencia; concedeunos o señorío sobre o universo e regalounos a inmortalidade. Pero pronto lle saíu competidor, que envexoso da grandeza do home, moveu a este non recoñecer a soberanía de Deus, desobedecendo os seus divinos mandatos. Enganado polo inimigo, o home perdeu os dons que o Creador lle regalara, pero non deixou de ser amado polo Señor. E o Señor, que, posto a amar, ama para sempre, decretou recuperar ao home, devolvéndolle a dignidade primeira. Para iso, non se limita a usar paliativos que suavicen a calamitosa situación en que o home caera. A terapia que o Señor vai utilizar, é unha terapia sanante, redentora. O fillo unixénito do Pai, ponse en lugar dos fillos pecadores, e ofrece como rescate da humanidade caída, todo o seu sangue derramado na árbore da cruz. Diríase que no calvario realízase unha verdadeira transfusión de sangue. Agora polas veas da alma dos homes corre sangue redentor de Cristo, e o pecado que danara mortalmente o corazón do home, queda perdoado pola misericordia infinita do corazón de Deus.

Como foi o proceso? Unha muller que santificada pola que os teólogos chaman “redención preservativa”, é preservada do pecado orixinal e enriquecida con plenitude de graza e de virtudes, di “SI” ao anxo anunciador do misterio da encarnación, e o milagre produciuse. Desde esse intre, o mundo que estaba impresentable polo pecado que afeaba o corazón dos homes, agora é obxecto de compracencia do Señor porque nel está Cristo, o seu Fillo santísimo, e porque María co seu “Si”, converteuse no primeiro templo que Deus construíu na terra. Co “SI” de María, comeza unha humanidade nova. Por Ela, Deus cumpriu as súas antigas promesas. A ofrenda de salvación mantena o Señor perpetuamente. Agradezamos ao Señor o seu amor redentor, e encarnemos o “SI” de María nas nosas vidas, para que sempre sexa Nadal no noso mundo.

Mons. Indalecio Gómez Varela

Cóengo da S. I. Catedral Basílica de Lugo

[Artículo en castellano]

A Virxe María. Grazas

No último domingo de Advento aparece en escena a gran protagonista do misterio da Encarnación: A Virxe María. No Evanxeo deste domingo escoitaremos a pasaxe da Anunciación. O Anxo trae a noticia máis esperada de todos os tempos e María fíase de Deus.

Do “si” de María dependía a esperanza da humanidade. Se ela non aceptase o plan de Deus hoxe continuariamos vivindo nas tebras dun mundo sen esperanza máis aló da morte.

A entrega de María foi moi xenerosa. Renuncia aos seus plans e pensa máis nos demais que en si mesma. As consecuencias para ela coñecémolas: sen fogar, pobre e ver ao fillo das súas entranas sufrindo ata a morte. As consecuencias para nós, aínda que o esquezamos ás veces, tamén as coñecemos: a vida eterna que nos alcanza Xesucristo, o fillo de María.

Nunca lle agradeceremos abondo todo isto a María de Nazaret. Existen miles e miles de santuarios marianos por todo o mundo, pero a maioría das veces só acudimos a eles para pedir cousas para nós.

Cantas veces agradecemos a María o agasallo de facer posible a Boa Noticia da salvación que nos trouxo Xesús? Dito doutro xeito: cantas veces agradecemos a María o que a nosa vida e a nosa morte teñan sentido?

E ela aí está: discreta, silenciosa, atenta. Xesús na cruz entregóunola como nai de todos:”aí tes ao teu fillo” díxolle a Xoán, que nos representaba a todos. E desde aquel momento todos pasamos a estar protexidos por este abrazo maternal todos os días da nosa vida.

Grazas, María. Grazas por darnos ao autor da Vida, Cristo, o Señor. Grazas polo teu consolo e protección maternal. Grazas, María, porque grazas a ti todo é posible.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: