Tres notas do traballo dunha Delegación de Misións: apertura, respecto e compromiso

Hoxe atopámonos ante unha nova etapa misioneira que pide unha nova conciencia e comprensión dos aspectos teolóxicos e pastorais da misión. A Igrexa enfróntase a novos interrogantes: que significa evanxelizar nun mundo traspasado pola inxustiza e a desigualdade cada vez máis grande entre ricos e pobres; como evanxelizar a nova cultura que está nacendo; como afrontar o diálogo interrelixioso, sobre todo cando crece a persecución contra os cristiáns por parte de certos grupos fundamentalistas; que significa “saír ás periferias“ para unha Igrexa envellecida e con pouca vida como é a europea; como facer crible unha mensaxe de amor e misericordia cando moitos dos seus membros principais aínda hoxe continúan vivindo como auténticos príncipes…

Todos estes interrogantes hai que respondelos a partir dunha serie de constantes que deben estar presentes en todo momento:

A primeira constante é o que da misión. En primeiro lugar, temos de aclarar o concepto “territorio de misión“. Hoxe utilízase este concepto para designar a aquelas circunscripcións eclesiásticas que están baixo o amparo da Congregación para a Evanxelización dos Pobos, ao ser comunidades eclesiais que non poden subsistir por si mesmas, debido á falta de recursos humanos e económicos. Actualmente están catalogados 1.113 territorios de misión por África e Asia, as illas de Oceanía e América. A misión sempre é ad gentes. Xa que logo, unha Igrexa misioneira é aquela que entra en contacto cos chamados territorios de misión, para anunciar o Evanxeo a quen aínda non oíu falar del, non unha Igrexa que, por comodidade ou medo, queda no seu propio territorio e só pensa nos seus problemas.

A segunda constante é o como da misión. En 1622, o Papa Gregorio XV funda a Congregación Propaganda Fide coa intención de poñer toda a actividade misioneira baixo o seu control e desligala da actividade colonial. E no ano 1659, a Congregación dirixe unha Instrución que se converteu nunha especie de Carta Magna das misións, posto que mostra como ha de levase a cabo e que calidades han de adornar ao mensaxeiro. A grandes liñas, a Instrución recolle o antigo concepto das “sementes do Verbo presentes en todo home“ para mostrar que a misión non se pode realizar dun xeito colonialista, impoñendo os criterios e modos de pensar e de actuar, senón respectando, acollendo e valorando positivamente o bo que hai noutras culturas e relixións, posto que nelas atopamos o abono axeitado para a semente do Evanxeo.

A terceira constante é o quen da misión. O Vaticano II considera a misión como algo propio de todo o Pobo de Deus, posto que forma parte da natureza da Igrexa e ten a súa orixe na Trinidade: na misión do Fillo e do Espírito Santo, segundo o propósito do Pai (cf. Ad Gentes 2). Por iso, Evangelii Gaudium 119-121 fala da Igrexa como un pobo de discípulos misioneiros.

Estas tres constantes -que, como e quen, que se poden definir como apertura, respecto e compromiso- han de ser a base de toda a acción misioneira da Igrexa en xeral, e do traballo que realizamos na Delegación de Misións de Lugo en particular. O noso traballo vertébrase en dúas direccións que, lonxe de afastarse, están en permanente contacto:

Unha parte importante do mesmo é o contacto e a axuda aos misioneiros.

A nosa Diocese ten canles de colaboración económica con eles. Pretendemos que en todo momento sintan o alento e o ánimo da súa Diocese. Mantemos contacto con eles e escribímoslles unha carta persoal en Nadal e polo seu aniversario. Con algúns misioneiros mantemos contacto fluído e de colaboración en proxectos. Sen iso nosa tarefa carecería de sentido. Na actualidade, contamos con 57 misioneiros lucenses en distintos continentes: 47 en América, 3 en África, 2 en Asia e 5 regresados a Europa.

Por outra banda, a nosa Delegación ten como tarefa a animación misioneira dentro de nosa Diocese para que a misión ad gentes, tal como a definimos anteriormente, sexa unha constante de toda a comunidade diocesana. Para iso contamos co valiosísimo medio das Obras Misionais Pontificias (OMP). O perigo que axexa constantemente é reducir a misión ad gentes a unha campaña. É por iso que intentamos actualizar as campañas para enchelas de contido profundo e cheguen con aire renovado ás comunidades. Non sempre o conseguimos, unhas veces porque nos instalamos nós na comodidade, e outras porque pertencemos a unha Igrexa envellecida no seu espírito, cohibida, chea de medos e que se está mirando constantemente o seu propio embigo.

En definitiva, o traballo dunha Delegación de Misións sempre ha de ser un traballo de apertura, de respecto e de compromiso. De apertura, posto que a misión ad gentes, mirando cara aos territorios de misión é o noso ADN; de respecto, posto que toda axuda que prestemos coa colaboración económica procedente das campañas de OMP vai ir destinada a que as igrexas dos territorios de misión crezan segundo a súa cultura e forma de ser e de vivir a fe, non segundo os nosos criterios; e de compromiso, posto que buscamos que toda a comunidade diocesana, todos os seus membros, acollan as palabras do Señor: “Ide, pois, e facede discípulos a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo“ (Mt 28,19).

Jesús Manuel Santiago Vázquez

Delegado Diocesano de Misións

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: