15 de maio, Día do Mundo Rural

15 maio Día do mundo rural

Os segrares, crecendo como persoas e como cristiáns, deben ir tomando responsabilidades nas comunidades rurais, en moitas das tarefas eclesiais que poden facer: a organización, o coidado e preparación do templo para as celebracións, a organización de procesións, de romarías, ou de novenas, impartir catequese a nenos e aos seus pais, preparación de cursos de formación, celebracións da palabra, etc. Exercendo estas responsabilidades fai que o fiel se considere máis partícipe da Igrexa e a considere súa.

Doutra banda, o feito de que xente con inquietude relixiosa se reúna para a preparación e a celebración de festexos populares, romarías, procesións… é unha oportunidade de chegar a ela por medio dunha esmerada reflexión en torno ao que se está organizando.

As confrarías e as asociacións próximas ás parroquias e a determinados santos e virxes son grupos que están máis sensibilizados para madurar no seu ser cristián. Poden estar accesibles a ir crecendo como cristiáns, a iniciar un camiño de formación na fe. Desde aí tamén xorden compromisos de participación na nosa Igrexa, sen necesidade de que o sacerdote estea permanentemente presente en todas as actividades de evanxelización.

O feito de ser menos persoas que nas cidades (tan despersonalizantes), de coñecerse todos, leva a ser máis humanos, máis próximos uns a outros, a ter máis empatía cos demais, e xa que logo a gozar cos gozos dos demais e a sufrir coa súa dor.

Facilita acudir a ver ás persoas soas, que necesitan coidados puntuais, que están enfermas de soidade. A Igrexa-pobo de Deus non é igual na cidade que nos pobos. Nestes a relación é máis humana, máis sinxela, máis próxima, acompáñase na soidade, nos funerais, nas perdas, no sufrimento. É máis doado acoller o proxecto de home-sociedade-Igrexa que Xesús quere.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: