Bendita profesión

Non só nas actuais tempos que corren, senón que xa antes de comezar a “crise” foron contadas as veces en que me atopei a xente satisfeita co seu traballo. Xa fose polo tipo de traballo desempeñado, o soldo ou os horarios, aínda que ás veces tamén polos compañeiros.

Eu tiven uns traballos moi variados ao longo da miña vida laboral, e sempre intentei sacar algo positivo de todos eles, porque me ensinaron algo que me axudou a mellorar como persoa e profesional.

Na actualidade estou traballando temporalmente, nunha oficina na que a miña principal función é asesorar e informar ao peregrino que está realizando o Camiño Francés, ademais de informar a calquera turista que me solicite información do concello no que me atopo, labores de mercadotecnia e administrativas. Un dos aspectos positivos do traballo é conversar cada día con xente de distintas culturas e ámbitos, enriquécenos en todos os aspectos e axúdanos a ser mellores no noso traballo.

Tamén lle atopo moitas vantaxes a traballar en domingo, que é cando empeza a miña quenda:

  • Os domingos pola mañá non teño atascos para ir ao traballo.

  • Non teño tirria aos domingos pola tarde como o resto da xente que se deprime pensando que se lles acaba a fin de semana e o luns teñen que ir traballar.

  • Fai que a semana pareza máis curta.

  • Para min os luns son como un martes.

  • Cando os mércores están pensando que aínda están a metade de semana, eu estou en vésperas de coller os meus descansos.

  • Os usuarios son alegres e receptivos. Ao estar de vacacións están máis felices e iso transmítese.

  • Paréceme que aproveito máis o día cando traballo.

  • Temos a sorte de viaxar en tempada baixa con prezos máis asequibles, sen atascos nas estradas, aeroportos,etc; non temos colas para que nos atendan nun hotel ou nunha oficina de turismo,etc co que a atención é mellor porque a persoa que nos atende non está desbordada de clientes e pode dedicarnos máis tempo.

É por todo iso que digo “bendita profesión esta que elixín”.

Oxalá que vostede teña a mesma sorte que eu e dedíquese á súa paixón. Se aínda non a atopou, deséxolle sorte na súa procura.

Goce do día, sexa feliz e honrado.

Delia Gutiérrez Fernández

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: