Ano Santo, ano de peregrinacións

Todos os camiños levan a Roma, e moitos, a Compostela. Os que conducen a Roma, proceden dos 4 puntos cardinais. Os que levan a Compostela, son principalmente 5:

O camiño Francés, que, partindo de Roncesvalles, cruza as terras de Aragón e, despois de soportar a calor sufocante das planicies castelás, saborea o plácido clima do Monte do Gozo, contemplando a Catedral compostelá, meta da peregrinación.

O Camiño Inglés, polo cal, os peregrinos procedentes do Reino Unido, desembarcan nos portos da Coruña ou de Ferrol, e continúan viaxe cara á capital galega.

O Camiño Portugués. Este camiño pode partir da cidade de Lisboa e, desde alí, os peregrinos diríxense a Galicia.

O Camiño Primitivo, polo cal peregrinou o rei Alfonso II, no século IX.

O Camiño do Norte, percorre as zonas occidentais de Francia e, cruzando a fronteira internacional por Hendaia ou Irún, pasan a España.

Á cidade xacobea pódese acceder a pé por camiños rurais, en tren, por vía aérea… Con todo, para o peregrino, segue sendo acertado o verso de Antonio Machado: “camiñante, non hai camiño, faise camiño ao andar”. O que viaxa para recrearse, o excursionista elixe a ruta máis fermosa e máis cómoda; a que máis lle comprace: busca o seu solaz persoal. Non así o peregrino: o móbil do seu camiñar é relixioso. Camiña por penitencia, faino para dar grazas polos favores recibidos, ou en demanda de novas bendicións. Ao auténtico peregrino, non lle importa a beleza do camiño: busca chegar pronto ao santuario de referencia, para presentar a ofrenda ao Señor. Non busca o confort de suntuosos hoteis para descansar. Prefire os humildes albergues, para recuperar forzas e poder seguir camiñando novamente.

O Camiño do peregrino é fatigoso pero enriquecedor. Os peregrinos comparten horas de sol e de choiva. Tamén comparten a fe e a ilusión con outros camiñantes. O negativo compartido é máis levadío, e o positivo, se se comparte, é máis reconfortante. O encontro duns con outros, fai que o mundo se faga máis pequeno. Para os auténticos peregrinos, as fronteiras, máis que liñas de separación, son lugares de encontro acolledor. Alí está o Señor, convertendo en amigos a xentes descoñecidas.

A experiencia da súa peregrinación convenceulle de que a ausencia de prexuízos acrecenta a certeza de que no mundo queda moita xente da que aínda podemos fiarnos.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Antropólogos europeos cítanse nos Camiños de Santiago

Christiane Stallaert, na Facultade de Formación do Profesorado (Lugo)

Algúns dos máis importantes nomes da antropoloxía ibérica e europea cítanse para unha peregrinación científica polos camiños Primitivo, Francés, do Norte e de Fisterra-Muxía que terá lugar ata o 10 de xullo de 2021 ao abeiro da iniciativa ‘Antropoloxías do Camiño / Camiños da Antropoloxía’, un proxecto da Universidade de Santiago coordinado pola profesora Elena Freire Paz, que reune unhas trinta voces académicas, entre profesorado, investigadores e alumnado de doutoramento, para abordar o fenómeno xacobeo.

Trátase pois, dunha reunión científica internacional por primeira vez itinerante, que comezou o 6 de xullo na cidade de Lugo (Facultade de Formación do Profesorado), cun relatorio da antropóloga, traductora e hispanista belga Christiane Stallaert.

Christiane falou da “universalidade do símbolo de Santiago, a súa traductibilidade, a súa capacidade de comunicar a realidade doutros mundos á vez que se enraíza en novos contextos”. Referiuse ao que supuxo o alonxamento da figura do Apóstolo das súas raíces, da súa áncora no territorio compostelán, cando a partir de 1492 chega o seu culto a América: “De símbolo de guerra defensiva chamando á reconquista fronte ao invasor musulmán, o Santiago Matamouros peninsular convértese en Mataindios, símbolo dunha guerra ofensiva”.

Sobre as “múltiples transmutacións do Santiago latinoamericano: o Santiago dos maias, zapotecas, nahuas, aymarás por moito que os antropólogos persistamos en facer unha lectura deles como copias do orixinal compostelán, son figuras culturais cunha identidade propia, naturalizadas no contexto local onde volveu a botar raíces”

Camiño de Santiago organizado pola Parroquia de San Antonio de Padua (Lugo)

A Parroquia de San Antonio de Padua (Lugo) organiza unha peregrinación a Santiago de Compostela polo Camiño Francés. Un sábado ao mes faise unha etapa. Comezarán en O Cebreiro o 23 de novembro.

As etapas previstas son as seguintes:

· 23 novembro 2019: O Cebreiro – O Biduedo (14,4 km.)

· 14 de decembro 2019: O Biduedo – Montán (14,2 km.)

· 11 de xaneiro de 2020: Montán – Mosteiro (15,1 km.)

· 1 de febreiro de 2020: Mosteiro – Portomarín (15,2 km.)

· 29 de febreiro de 2020: Portomarín – Ligonde (16,5 km.)

· 28 de marzo de 2020: Ligonde – O Coto (17 km.)

· 18 de abril de 2020: O Coto – Ribadiso de Abaixo (17,3 km.)

· 16 de maio de 2020: Ribadiso de Abaixo – A Brea (14 km.)

· 27 de xuño de 2020: A Brea – Monte do Gozo (21,4 km.) (pernocta)

· 28 de xuño de 2020: Monte do Gozo – Santiago de Compostela (4,5 km.)

      12:00 h Misa do Peregrino na Catedral de Santiago.

Mozos de Lugo e Santiago acollen a peregrinos en Portomarín

Un grupo de mozos das dioceses de Lugo e Santiago están desde o 20 de xullo ata o día 28 acollendo en Portomarín peregrinos que fan o Camiño de Santiago. Cada mañá, despois dun tempo de oración, un grupo recibe aos peregrinos no medio do Camiño e outro xa os recibe no propio Portomarín. Son invitados a asistir a un encontro musical ás 18:30 h diante da igrexa e à celebración eucarística das 20 h. Ao final desta, impártese a bendición a cada peregrino persoalmente.

San Xoán Bautista, solsticio de verán, o Camiño de Santiago e a fonte da Fonsagrada

Este ano houbo que esperar un pouco, pero logo de tres días de néboas e nubes, puido verse como os primeiros raios de sol do día impactaban de cheo no centro da Fonte da Fonsagrada.

Este acontecemento, que só pode contemplarse no solsticio de verán, fainos lembrar toda a importancia do sol para a vida da persoas, que se podería estudar desde a antropoloxía e as ciencias, sen esquecer a teoloxía e a Bilblia.

Desde aquí quero ofrecer unas cantas notas que nos poidan axudar a comprender mellor o simbolismo relixioso deste acontecemento, que se repite noutros moitos lugares do mundo, coas súas variacións.

Sobre o solsticio de verán e o día de San Xoán Bautista

O soslticio de verán é o 21 de xuño. O 24 deste mesmo mes, só tres días despois, celébrase a solemnidade do Nacemento de Xoán Bautista, primo de Xesús. Nestas datas gozamos dos días máis longos do ano.

Non se trata, como din algúns, de que o cristianismo “expropie” as antigas festas pagás. O que fan os primeiros cristiáns é encher esas festas de contido trancendente e un sentido cristián, como fixeron con todas as cousas da vida ordinaria.

Zacarías, o pai de Xoán Bautista, refírese a Xesucristo como “o Sol que nace do alto”. Xoán Bautista di que convén que el mingüe para que Cristo creza.

Se nos fixamos, unha vez que chegamos ao día máis grande do ano, 24 de xuño, festa do nacemento de San Xoán, necesariamente a partir desa data empezan a decrecer os días. Será, seis meses despois, o 25 de decembro, día do nacemento de Xesucristo, cando volvan comezar a crecer: Xoán decrece (24 de xuño), Xesucristo crece (25 de decembro).

O caso da Fonte de Fonsagrada.

A tradición vincula os milagres desta fonte ao Camiño Primitivo a Santiago. Unha das lendas conta que chegou un peregrino canso e famento a este lugar, chamou a unha casa a pedir algo de alimento, pero a casa era pobre e non tiñan nada. O peregrino indicoulle á señora da casa que fose buscar auga á fonte para darlle de beber. A muller foi e cando chegou de volta a casa a auga converteuse en leite, da que se alimentaron aquel peregrino e todos os da casa. Esta historia lémbranos a pasaxe de Elías e a pobre viúva e o seu fillo, ademais doutros moitos.

Por este milagre, a fonte é chamada “sagrada” e, fose como fose a historia, o feito é que a este lugar chámaselle desde sempre “Fonsagrada” (Fonte Sagrada). A fonte está dedicada a Santa María, da que hai dúas imaxes na fonte: unha no centro e a outra ao carón. A parroquia deste lugar, situada á beira mesmo da fonte, tamén está dedicada a Santa María. Seguramente, así comezou a historia deste pobo: un peregrino, unha fonte e Santa María.

A esta fonte chega directamente o Camiño de Santiago. Ao coroar a forte pendente que hai desde Paradanova, os peregrinos atópanse de cheo coa fonte. Seguramente noutros tempos, bastante afastados, máis dun peregrino saciou a súa sede nesta fonte e aquí repúxose do cansazo.

Por este último tramo do camiño, que aquí coñecemos como “Caella de Valeriano”, nestes días (21-24 de xuño) entran os primeiros raios de sol do día e iluminan dun modo singular o centro da fonte, coas imaxes de Santa María, como se pode ver na foto.

Concluíndo

No día máis grande do ano, o día de menos escuridade, o Sol que nace do alto (Xesús) é acollido pola Virxe María, para ser a súa nai e poida asumir a condición humana e guiarnos na peregrinación da nosa vida, para que un día podamos gozar da eternidade nun día que xa non terá ocaso.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

Artigo orixinal

A %d blogueros les gusta esto: