Venerable Luis de Trelles

A Adoración Nocturna de España está de noraboa. O Papa Francisco promulgou o decreto polo que se recoñece ao seu fundador, D. Luis de Trelles, a vivencia heroica das virtudes. É a gran noticia esperada e pedida ao Señor desde fai tempo.
Don Luís nace en Viveiro (1819). Con 14 anos comeza Dereito na Universidade de Santiago. Aos 19 anos é nomeado profesor de Dereito Civil. Trasládase á Coruña, onde exerce como avogado de pobres; aínda non existía a quenda de oficio. Nesta cidade ocupa diversos cargos: Goberno do Colexio de Avogados, traballa para o Ministerio de Facenda e o Colexio de Notarios, fiscal do xulgado de Artillería e Enxeñeiros… En 1852, trasládase a Madrid para desenvolver a súa faceta de político.
Decepcionado, entrégase a unha intensa acción caritativa, tanto individual como colectiva. Así, de novo en Viveiro, funda as Conferencias de San Vicente de Paúl, en axuda aos pobres e marxinados.
En 1863 contrae matrimonio. Home de xenerosidade exemplar, ao remate da III Guerra Carlista crea unha comisión para o intercambio de prisioneiros; pola súa entrega, é nomeado comisario xeral de Canxes (1873-76) conseguindo librar da morte ou do cautiverio a máis de 20.000 prisioneiros.
En París coñece a Adoración Nocturna. Entusiasmado con render adoración ao Santísimo Sacramento, comeza en Madrid, con outros seis laicos, o 3 de novembro de 1877, a primeira noite de Adoración Nocturna de España. Desde entón, dedicarase totalmente ata a súa morte a promover, organizar e consolidar a obra. Funda La Lámpara del Santuario, primeira revista eucarística europea. Morre o 1 de xullo de 1891 en Zamora, en cuxa catedral repousan os seus restos. Agora a Igrexa concédelle a honra de ser considerado ‘venerable’.
O camiño para que un cristián sexa elevado aos altares comeza co recoñecemento de vivir, en grao sumo e heroico, as virtudes cristiás. Para iso, o postulador da causa ha de presentar unha biografía do fiel, os seus escritos e unha lista de persoas que poidan testificar sobre a súa vida. Nese momento ao fiel chámaselle «servo de Deus».
Finalizada esta fase redáctase un documento e envíase á Congregación para a Causa dos Santos. Alí elabórase un relatorio que se entrega á Comisión de Teólogos. Se emiten o seu voto favorable, entrégase aos cardeais e bispos da Comisión. Para rematar, se o seu voto é tamén favorable, preséntase ao Papa a proposta que, ao publicar o decreto, recoñece a vivencia heroica das virtudes e permite que o fiel reciba o título de `venerable’. O paso seguinte é a beatificación e, logo, a canonización, con culto en toda a Igrexa.
Don Luís, avogado, xornalista, deputado, santo! Un exemplo de laico comprometido, no persoal e o social. Un adorador que nos estimula a amar, especialmente na noite, a quen tanto nos ama.
Por Daniel García, Director Espiritual Diocesano da Adoración Nocturna e Párroco de Albeiros

Unha semana de Fe, Esperanza e Caridade

Resulta sorprendente a cantidade de actividades que se fan nunha Diocese pequena como a de Lugo.

Os últimos oito días foron especialmente fructíferos neste sentido. A lista de eventos creo que foi insuperable: xornadas, cursiños, campañas, novenas, conferencias, vixilias, celebracións de santos e todo o demais que fan as parroquias de fóra da cidade. Pódese dicir que foi unha semana de Fe, Esperanza e Caridade

Todo para achegarnos máis a Deus, coñecer mellor a Xesucristo e sentirnos membros vivos da Igrexa.

Non se trata de facer por facer nin de ir por ir. Trátase de compartir e animar a fe, de alimentar a esperanza e de practicar a caridade con Deus e cos irmáns.

Miguel Ángel Álvarez 

“Este ensinar con autoridade é novo”

A opinión dos que vían actuar a Xesús é unánime: a forma que Xesús ten de facer e falar é absolutamente nova, ademais de facelo cunha autoridade indiscutible. Así o escoitamos no Evanxeo da misa do Domingo IV do Tempo Ordinario.

Noutra ocasión será o mesmo Xesús quen diga que El vén facer novas todas as cousas.

A novidade que nos chega con Xesucristo segue sendo a mesma logo de 2000 anos. Nada do que El fixo ou dixo fíxose vello, segue conservando a frescura e orixinalidade do primeiro día. Deus non pasa nunca, de aí está perenne validez das palabras de vida do Fillo de Deus.

Nun mundo vello e con demasiados tópicos, quizais innecesarios, necesitamos acudir sen medo e con decisión a Xesucristo para escoitar a súa palabra de vida, para que nos faga criaturas novas.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Vin onde viviu o Señor

Foto de grupo trala renovación das promesas bautismais

O domingo regresei da viaxe a Terra Santa. Nunca viaxara tan lonxe nin tantos días. Recoñezo que foi unha viaxe moi cansa, pero, ao mesmo tempo, moi interesante en todos os sentidos: espiritual, teolóxico, cultural e de convivencia.

A distancia a Terra Santa é moi grande, por iso é polo que a estancia alí fóra de tantos días. Había que aproveitar para visitar os máximos lugares posibles, e así o intentamos facer.

Alí atopeime con algo do que oín falar centos de veces, quizais miles. Moitos dos lugares bíblicos, sobre todo do Novo Testamento, facíanse reais. Ciertamente, algúns están moi modificados polo paso de 2000 anos e as 10 destrucións completas que sufriu a cidade de Jerusalén; ou polo crecemento desta. Outros están igual mque o tempo bíblico, é o caso do Monte Nebo, o Lago de Galilea, ou ata o lugar do bautismo de Jesús.

Dos Santos Lugares vistos, quedaríame co Lago de Galilea e a súa contorna. Ademais de estar como sempre, favorécelle moito o feito de que a súa contorna non está demasiado urbanizado a excepción do lóxico crecemento da cidade de Tiberiades.

Ler máis

Códice Calixtino, espectáculo xurídico

anton_negroTeoricamente o xuízo polo roubo do `Códice Calixtino’ comeza nesta semana. Digo teóricamente, porque para moitas persoas e algunhas institucións a sentenza xa está ditada. As esperanzas de que fose un proceso xudicial normal teñen pouca base na realidade. Destaco varios feitos que me chaman a atención:
1º. A TVG xa emitiu sentenza antes de que houbera xuízo. Esta afirmación está xustificada porque os pasados días 23 e 30 de Nadal emitiu os dous capítulos dunha serie de produción propia sobre o roubo do `Códice Calixtino’, e ante este feito un pregúntase dende o sentido común: onde queda a presunción de inocencia? como queda a tutela xudicial efectiva das diversas partes involucradas no proceso? ¿onde queda o dereito a un xuízo xusto? estase respectando o que é un estado de dereito? Todo isto agrávase ademais polo feito de que a TVG é unha institución pública e que, por tanto, ten que respectar a separación de poderes e igualmente os dereitos dos cidadáns.
2°-. Durante a instrución do sumario o xuíz instrutor publicou a novela, `La leyenda del santo oculto’, que foi presentada a finais de xaneiro de 2013, e os xornais reiteradamente a presentaron como vencellada ó sumario do `Códice Calixtino’. Isto parece soar a algo así como utilización do cargo público para o lucro privado, ou algo aínda menos aceptable… Evidentemente a promoción para que se vendan moitos exemplares da novela está feita, aínda que para min isto é motivo máis que suficiente para non mercar a antes citada novela, nin sequera lela por cuestións éticas ou, ó menos, estéticas.
No mesmo xulgado sucedeu algo semellante coa novela, `Al infiemo se llega deprisa’, publicada en setembro de 2014, que os medios de comunicación relacionaron directamente coa instrucción do sumario de Asunta Basterra.
3º. Hai indicios de que no xuízo van a provocar moito o MORBOSO tanto para a sociedade coma para o Xurado Popular. As previsións apuntan a que vai haber insinuacións, e algo máis que insinuacións, anticlericais para que «embistan» os periodistas, o xurado e a sociedade.
Para un observador deste proceso vai resultar curioso como se contan historietas ou pseudo-historietas elevadas á categoría de gran escándalo. Despois un pode observar como as mercan os programas televisivos na liña dos `reality shows’ ou telelixo, como as repiten continuamente e as van cambiando para que sexan aínda máis morbosas e escandalosas. Este proceso mirado como espectáculo e sen preocupación, pola xustiza ata pode ser curioso e divertido. Sen embargo facerse unha idea exacta do que sucedeu na realidade vai a ser un traballo penoso e difícil.
A estas altura do proceso aínda queda a esperanza de que o xuíz e o fiscal actúen con profesionalidade buscando a xustiza, e senón aínda quedaría unha segunda oportunidade cos recursos ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Ata agora o proceso visto como espectáculo mediático-xurídico resultou entretido, pero sería desexable conseguir unha sentenza xusta.
Antón Negro
A %d blogueros les gusta esto: