Somos un pobo que camiña

O día 12 de outubro celebramos a festa relixiosa da nosa Señora do Pilar e a festa civil do Día da Hispanidade. É habitual que a Igrexa, por medio das festas dos santos ou da Virxe María, estea presente nos grandes acontecementos da sociedade civil. O que é importante para as persoas tamén o é para Deus. Como este ano coincide en domingo, teremos a oportunidade de celebrar máis conscientemente a dimensión relixiosa.

Este ano celebraremos este día coa sensación de que iso da hispanidade é un concepto que non está demasiado claro. Parece que o desexo de independencia dalgunhas comunidades autónomas e grupos de pensamento contrasta coa globalización que actualmente predomina no mundo.

Xa case non hai fronteiras para a información nin para os produtos de consumo, pero cada vez hainas maiores para as persoas. Estamos utilizando a riqueza das distintas linguas e tradicións culturais para separarnos, no canto de unirnos.

A palabra “Hispanidade” fálame dun pobo que camiña unido e ao que nin a inmensidade do océano conseguiu poñer fronteiras. Pero actualmente teño a sospeita de que non é así.

Tanto as ideas de ‘hispanidade’, referida á sociedade civil, como a de ‘comunidade’, referida aos membros da Igrexa e seguidores de Xesucristo, non están moi de moda.

Preferimos facer sós o camiño porque tememos contaminarnos dos “ébolas” dos demais, ou que a oración, se é de moitos e por moitos xuntos, non chegue suficientemente a todos.

Como sempre, podemos acudir á Virxe María, na advocación do Pilar. Ela, sempre atenta aos seus fillos, mostraranos o camiño que leva a Xesucristo.

Déixovos dúas cancións que me inspiraron a reflexión anterior:

http://www.youtube.com/watch?v=VJulvJVzeuI

http://www.youtube.com/watch?v=IVrKSK7l9jY

Miguel Ángel Álvarez

San Froilán e o “pulpo”

Festas de San Froilán

Se un di que en Lugo non hai moita devoción a San Froilán exponse a recibir algunhas críticas. Dareivos os argumentos nos que me baseo para dicilo: para empezar, non se fai unha procesión pola rúas coa imaxe do santo como noutras festas; é certo que hai algunhas novenas, pero a xente non acode de xeito masivo como, por exemplo, á novena da Milagrosa ou do Carmen; e para rematar, se buscamos na internet “imaxes de San Froilán” na maioría das fotos aparecerá o “pulpo”. Na miña opinión, de todo isto dedúcese unha gran confusión e descoñecemento sobre a historia do noso patrón. Confésovos que coñecía a historia do lobo, pero na súa biografía non aparece a do “pulpo”.

Estou de acordo co costume celebrar as festas relixiosas con “misa e mesa”. En Lugo as familias, grupos de amigos, compañeiros de traballo, etc., xúntanse para comer. E, por suposto, estou convencido de que hai que coidar e aproveitar todo o que favoreza a unidade, a amizade e a fraternidade.

Pero invádeme unha gran tristeza comprobar que celebramos dez días de festas en honor dun perfecto descoñecido. Non podemos reducir a misión dos santos a algo que só sexa unha escusa para facer aquilo que máis nos apeteza. Nos programas dalgunhas festas, que din ser patronais, pódese ver á beira da Misa solemne calquera outro evento en grao sumo variopinto que nada ten que ver co santo nin co respecto á dignidade das persoas.

Podemos acudir a un santo en busca de exemplo, axuda para as nosas vidas e as dos demais e solicitando protección para unha parroquia ou cidade…

Afortunadamente, san Froilán e os demais santos “xogan noutra categoría” e, malia as nosas incoherencias, están sempre preocupados pola vida do mundo.

Miguel Ángel Álvarez

Celebrar a San Froilán. Tempo de preparación

S Froilán igrexa de S Froilán

Sabemos ben que o tempo que dedicamos a preparar calquera evento ou proba da nosa vida é fundamental. Sen preparación non hai un bo resultado final. Pasa así tanto cos exames como coas festas, e, de feito, investimos moito máis tempo na preparación que no desenvolvemento do acontecemento en si. Pois o día da festa pasa voando.

O Ano Litúrxico tamén nos ofrece dous grandes tempos de preparación: Advento e Coresma para celebrar o Nadal e a Pascua, as dúas grandes festas dos cristiáns. Pero tamén nos preparamos para outras festas “máis pequenas”.

Por outra banda, os tempos de preparación adoitan ser difíciles e pouco agradecidos. Supoñen esforzo, estrés, incerteza polo resultado, cansazo, etc para ter todo a punto e gozar da festa cos demais.

A festa de San Froilán, patrono de Lugo e da parroquia de Lugo que ten esa advocación, está xa próxima e hai que empezar a prepararse. Hai que recoñecer que se fala moito das festas de San Froilán, pero iso non implica que entre os lucenses haxa moita devoción a este santo que foi paisano noso. É certo que San Froilán naceu en Lugo, pero non foi aquí onde predicou, senón en León, e é alí onde si é un santo querido e venerado.

Aos de cerca e coñecidos sempre é máis doado pedirlles algo cando o necesitamos. San Froilán é de cerca e dos nosos, un lucense. Poñámolo tamén de intercesor das nosas oracións e necesidades. Seguro que algo de recomendación fainos.

Termino o comentario de hoxe recordando a emoción que sentín, cando fai algo máis de ano, bauticei a un Froilán na parroquia.

San Froilán, roga por nós.

 

Miguel Ángel Álvarez

O valor da Eucaristía dominical

Aos 8 días da resurrección, o primeiro día da semana, cando estaban os discípulos reunidos, Xesucristo faise presente outra vez no medio deles para bendicir e partir o pan.

Hai moitas cousas que intentamos facer cada 8 días, aínda que non sempre o conseguimos, ás veces fallamos.

Pero hai algo que se leva facendo case 2000 anos sen interrupción: a Eucaristía dominical. Desde aquel momento que cambiou o rumbo da historia e da metahistoria coa resurrección de Xesucristo, cada 8 días repetimos o memorial do seu misterio pascual.

Unha única Eucaristía da que facemos actualización e memorial. Con variación de detalles segundo lugares e circunstancias, pero sempre a única e mesma Eucaristía que instituíu Xesucristo coa súa vida, toda ela salvífica.

Aínda que non sempre conseguimos facer interesante ou atractiva a Misa, non debemos desanimarnos ou facer que nos pase desapercibido o esencial da Eucaristía e, polo tanto, que non recibamos todos os seus beneficios.

Miguel Ángel Álvarez

Juan José Pérez-Soba: “Crer que nalgún momento un non terá problemas é absurdo”

J J Pérez-Soba

O sacerdote e teólogo Juan José Pérez-Soba será o ponente da 4ª xornada do Curso de Formación en Matrimonio e Familia. A súa intervención leva por título “Amor conyugal e vocación á santidade”.

1. Propuxéronlle participar como docente neste curso. Por que aceptou?

Porque estou convencido de que a Igrexa debe afrontar hoxe o reto de construír unha nova pastoral cuxo centro é a Familia. Trátase dun campo que hai que abrir, que é importante e que necesita agora un impulso primeiro e especializado.

2. Por que podería interesar a alguén hoxe escoitar a un sacerdote falar de santidade e amor conxugalidad?

A santidade non é un ideal, algo inalcanzable, senón unha vida grande. Isto interesa a calquera persoa, como a todos nos interesa a sanidade. O contido fundamental desta 4ª xornada do curso é a santidade, o seu significado, e descubrir que santidade e amor están unidos, e por iso tamén o están o amor e a conxugalidade. Trátase de que a familia aprenda a vivir a vida que Deus lle comunicou como un don e unha aventura fantástica chea de aliciente. Entre outras cousas, porque deixamos de estar centrados nos problemas a resolver e pasamos a responder ao Amor divino que nos chama a unha misión espléndida para a que conta connosco. Nesta tarefa o sacerdote e a familia están íntimamente unidos como nolo ensinou San Paulo co matrimonio de Aquila e Priscila nunha colaboración que tivo uns froitos tan copiosos. Esa é a verdadeira imaxe da Igrexa que revitaliza a familia como “Igrexa doméstica”.

3. A que retos se enfronta hoxe quen desexa vivir plenamente a vocación matrimonial e familiar?

Os retos son -no fondo- sempre os mesmos. Trátase de responder a unha vocación de Deus; ese é xa un gran reto. Ao mesmo tempo, na actualidade hai que ser especialmente creativos, porque cambiaron moito as circunstancias da familia e hai que escoitar máis especialmente aquilo que Deus pide. E o reto maior creo eu que é atopar unha misión, a cal require unha entrega grande por parte do matrimonio.

Ler máis

A %d blogueros les gusta esto: