Conclusións do Sínodo da Familia

Entresacamos 10 parágrafos das conclusións do Sínodo da Familia:

1. “A indisolubilidade do matrimonio corresponde ao desexo profundo de amor recíproco e duradeiro que o Creador puxo no corazón.humano, e é un don que a Igrexa mesma fai a cada parella”.

2. “No caso en que se consuma un doloroso final da relación, a Igrexa sente o deber de acompañar este momento de sufrimento, de modo que polo menos non haxa conflitos penosos entre os cónxuxes. Particular atención debe ser prestada sobre todo aos fillos”.

3. “A presenza das familias numerosas na Igrexa é unha bendición para a comunidade cristiá e para a sociedade, porque a apertura á vida é unha esixencia intrínseca do amor conxugal”.

4. “En moitos países un crecente número de parellas conviven, sen ningún matrimonio. Isto ha de ser afrontado de xeito constructivo, buscando transformar tal situación en oportunidade de camiño de conversión cara á plenitude do matrimonio e da familia á luz do Evanxeo”.

Ler máis

Nadal en Teixeiro

Hai acontecementos que, pola súa grandeza e creatividade, ben merece a pena que sexan coñecidos. E con moita máis razón se eses acontecementos parten da iniciativa popular, da ilusión duns veciños cargados de esperanza e coas pretensións propias de desexar facer o ben, congregar as familias, e contribuír a unha sociedade mellor e máis feliz.

A festa do Día da Sagrada Familia celebrada o 28 de decembro na Igrexa de España e, na Diocese de Lugo, na pequena parroquia rural de Santa María de Teixeiro, é un froito maduro da unión e da colaboración da parroquia citada, e tamén, das de Santa Eulalia de Dumpín e de San Pedro de Arcos.

Contan que, o actual párroco, don Gerardo Sampayo, ía constatando, paseniñamente, e con moito desgasto, a desestructuración dalgunhas familias na bisbarra, e as dramáticas consecuencias ético-sociais, psicolóxicas e económicas que conleva. Tamén é verdade que este problema pódese extrapolar, por desgracia, a outros lugares e bisbarras de España. Consciente, o párroco e os fegreses, de que con lamentos non se arranxa nada, hai un ano, decidiron entronizar a imaxe da Sagrada Familia en Santa María de Teixeiro. Para esta celebración invitaron ao Bispo, celebraron a Eucaristía, e fixeron unha festa de fraternidade. Todo un símbolo e unha homenaxe ás parellas e ás familias que son capaces, ano tras ano, de amarse de verdade, conservar a fidelidade e a paz, evitar calquera conflito e educar serenamente e con paciencia aos seus fillos.

O día vinteoito a festa engrandeceuse en concorrencia e celebracións. Contou co apoio dos alcaldes da zona, do señor alcalde de Lugo, coa presenza do Cardeal Emérito de Madrid, Monseñor don Antonio María Rouco Varela, e coa dos bispos de Lugo e Mondoñedo. Xa sei, dirán algúns, que estes acontecementos son coma foguetes que leva o vento: «pasou o día, pasou a romería», pero a vida, a felicidade das persoas, e as cousas grandes como son os proxectosda familia, construénse día a día, con actitudes e feitos pequeniños que son capaces de engradecer espiritualmente e de encher de sentido a `igrexa doméstica’, a célula básica de toda sociedade, que sostén, garante e fai posible a existencia de países civilizados, estables, felices e grandes. A crise que estamos pasando, sopórtase, sen dúbida, grazas á fortaleza e á solidariedade de moita xente e das familias. ‘

Teixeiro, lugar de encontro, de convivencia, de xuntanza, de paz… de futuro. Ogallá que en moitos lugares da terra se honre axeitadamente ás familias, á vida, e á felicidade.

J. Mario Vázquez Carballo,

Vicario xeral

Festa da Sagrada Familia

Festa da familia

O día 28 a partir das 11h a parroquia de Santa María de Teixeiro acolleu a celebración da Familia. Os actos foron os seguintes:

  • Conferencia de Elena Otero-Novas, avogada do Estado

  • Coloquio sobre a familia, con Alejandro Fernández Pumariño, avogado, e Mariano Castiñeira Vilaseca, médico

  • Eucaristía presidida polo cardeal D. Antonio Mª Rouco Varela. Intervención musical do Orfeón Lucense

  • Concerto de Nadal a cargo da Banda de Vilalba

JUAN DE DIOS LARRÚ: “Identificar amor con emoción impide a maduración da persoa”

O sacerdote e teólogo Juan de Dios Larrú será o relator da 5ª xornada do Curso de formación en matrimonio e familia que se celebra en Silleda. A súa intervención leva por título “A familia e a educación en virtudes”. Juan de Dios Larrú é Doutor en Teoloxía e Decano do Instituto Juan Pablo II en España.

-Na sociedade actual fálase moito de valores. Son o mesmo cás virtudes?

– Virtudes e valores non son sinónimos. As virtudes son hábitos operativos bos e configuran a fisonomía moral da persoa que actúa. O valor é un concepto vinculado á motivación. É un contido esencial do acto humano dentro da súa dimensión de especificación. Por iso, máis que unha definición do mesmo, existe unha caracterización dos seus elementos definitorios mediante unha vía máis descriptiva da experiencia.

– Que son as virtudes e que importancia teñen na educación dos fillos?

– As virtudes son os modos de recibir os dons de Deus. Indican, pois, a inmensa capacidade receptiva humana, que fai crecer e madurar ás persoas. Teñen unha estrutura comunional, pois a plenitude á que apuntan é a comuñón das persoas.

– A cultura na que vivimos condiciona o modo en que pensamos, vivimos e nos relacionamos cos outros. Por que é negativo identificar amor e emoción?

– Porque é unha redución do amor, que impide o crecemento e a maduración da persoa no espazo e no tempo. O amor atópase na orixe dos afectos, e tamén é unha virtude e unha acción de toda a persoa. Ninguén nega a importancia do sentir, pero a persoa é máis grande cás súas emocións.

– Realmente ten a familia capacidade para influír na educación dos fillos ou son outros os que educan (medios de comunicación, amigos…)?

– A educación no uso dos medios de comunicación é singularmente relevante e delicada, pois estes medios cambiaron o noso modo de relacionarnos. A familia, indubidablemente protagoniza a tarefa educativa, e é preciso que aprenda a introducir prácticas concretas que axuden a usar estes medios segundo a idade e madurez dos fillos, dun modo virtuoso.

Ler máis

A Delegación Diocesana de Pastoral Familiar organiza un encontro de matrimonios novos

MALopezFolg

Está previsto un primeiro encontro o sábado 18 de outubro, en Lugo, ao que están invitados todos os participantes en cursos prematrimoniais na Diocese de Lugo o curso 2013-2014 e 2012-2013, e outros matrimonios ou persoas que sexan invitados por quen imparten estes cursos.

O encontro será de 18h a 20h no Gran Hotel Lugo (avda. Ramón Ferreiro, 21, Lugo) e cóntase co psicólogo clínico e experto en sexoloxía, Miguel López Folgueira (na foto), con quen se conversará sobre o tema da comunicación.

Ao final do acto haberá unha cata de queixo e unha actuación musical informal.

A %d blogueros les gusta esto: