A fe ensancha os horizontes da razón

O pasado domingo clausurábase o Ano da Fe. Un ano de graza que a Igrexa nos brindou para descubrir de novo o valor da fe e profundar nela.

Neste comentario semanal á encíclica Lumen Fídei chegamos ao final do capítulo segundo. Nesta serie de números achegámonos, por así dicilo, ao Deus-Creador-Enxeñeiro, que fai que todo o que vemos e somos cadre e teña sentido.

Unha primeira cita do número 34 di:

A luz do amor, propia da fe, pode iluminar os interrogantes do noso tempo en canto á verdade. (LF34)

E a segunda cita dinos:

A mirada da ciencia benefíciase asi da fe: esta convida ao científico a estar aberto á realidade, en toda a súa riqueza inesgotable. A fe esperta o sentido crítico, ao non permitir que a investigación se conforme coas súas fórmulas e axuda a decatarse de que a natureza non se reduce a elas. Convidando a marabillarse ante o misterio da creación, a fe ensancha os horizontes da razón para iluminar mellor o mundo que se presenta aos estudos da ciencia. (LF 34)

En contra do que podería pensarse nun primeiro momento, a fe non pon limites á ciencia nin á razón. Como di o Papa, a fe ensancha os horizontes da razón… case poderiamos dicir que a fe fai que a ciencia sexa ilimitada e non se esgote nunca.

A isto podemos engadir o froito solidario que obtemos da ciencia cando está acompañada pola fe, e destinámola para dignificar e facilitar a vida do home e dos pobos. Ben o sabemos, sen a fe, a ciencia vólvese tremendamente destrutiva, só temos que pensar na bomba atómica ou no aborto.

Deus ilumina todo, porque todo é obra súa, nada é alleo para El, tampouco a ciencia.

                                             Miguel Ángel Álvarez

                                            Párroco de San Froilán

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: