Bo Nadal!

 

É unha gran sorte a que temos os cristiáns ao saber o que vale de verdade e quen é o fundamento de todo: Xesucristo, o Deus feito home para que nós podamos participar da súa divinidade. Non hai nada máis grande que isto, aínda que en momentos de debilidade fagámonos ilusións coa lotaría.

Todo o demais pasará e acabarase, aínda que nos toque unha morea de millóns de euros na lotaría. E se non se acaban os euros, o que si é seguro é que nós acabarémonos. Falta fai que Deus nos recolla cando se acaben os nosos días.

Vivimos no mundo e non podemos permanecer alleos ás cousas do mundo. Pero os cristiáns podemos mirar todas estas realidades mundanas ou sociais co prisma da fe. Todo se verá distinto e gañaremos en felicidade.

O misterio da encarnación do Fillo de Deus está por riba do que vou cear en Noiteboa, ou de se vou estar só ou acompañado, e tamén por riba do que teñamos vivido ou sufrido durante este ano.

O 24 á noite e os días seguintes celebramos que somos fillos queridos dun Deus que se achegou a nós para dárnolo todo. Así que, con máis ou menos alegría exterior, coa nosa pobreza como os pastores, coas nosas riquezas como os magos, acerquémonos ao portal de Belén para estar co Neno Xesús. Feliz Nadal.

Miguel Ángel Álvarez

Imaxe: Autor do texto

Tomado de falandobaixino.es

La de Dios!!!

Queque Bayo

Despois de máis de 100 horas de curso sobre pedagoxía e didáctica da relixión, fai case que un carto de século nunha recoñecida universidade castelá, a conclusión que un servidor sacou, de todas aquelas tardes e mañás de estudo e traballo dun mes de agosto realmente caluroso, non puido ser outra que: “bueno, pero ya se sabe, enseñar religión es enseñar religión”. Moitos obxectivos, contidos, actividades e avaliacións cos seus criterios e principios, moitos currícula…pero ao final…o de sempre…

Non é dificil decatarse de que hai unha perspectiva de comprensión da materia de relixión como de unha maría , dotada de importancia académica e seriedade docente e discente máis que xustiña.

Qué é a clase de relixión?

É sabido que a lexislación española contempla as ensinanzas das relixións na escola. Non entraremos nese asunto agora; tampouco no dereito constitucional sobre a libre elección de ensino. Entraremos só na importancia de que tomemos en conta, dende tódolos ámbitos e puntos de vista, a relevancia da presenza da materia de relixión como materia escolar.

Despois dun carto de século ligado ao ensino da relixión en distintas etapas e en variadas modalidades; despois de moitos cursos de formación recibidos e impartidos, organizados, asesorados e dirixidos….aínda me sorprendo de que en moitos ambientes da nosa sociedade perdura  a idea do pouco ou nulo valor académico da materia de relixión.

Pois ben, a materia de relixión, de libre elección para o alumnado, conta cun currículo académico da mesma entidade que o resto de materias, cos seus contidos, estándares de aprendizaxe e demáis elementos normativo- prescriptivos.

Que se traballa na materia? Dun xeito resumido diremos que o alumnado que cursa a materia de relixión, en secundaria e bacharelato, obterá uns conceptos clave acerca da orixe da relixión, a concepción da divinidade, a pregunta polo sentido da vida, a diversidade das relixións na historia e na actualidade, a persoa de Xesucristo, a historia da Igrexa,.a Biblia, a arte…

Tamén poderá traballar os principios básicos da ética cristiá e as súas ofertas para a persoa, a xustiza social, a solidariedade, a construción dun mundo máis xusto e libre…e desenvolverá uns estándares de aprendizaxe similares aos do resto das materias.

A pouca carga horaria da que goza a materia non quere dicir que neses poucos espazos e tempos non se poida traballar, aprender e contribuír ao logro das competencias clave do alumnado.

Eso sí, en todo caso, como lle digo ao meu alumnado ao comezo de cada curso escolar: benvidos a esta materia, é : La de Dios!!!!

Queque Bayo

Profesor de Relixión

Aprendendo do feito catalán

Antón Negro

O ser humano caracterízase porque pode aprender do que lle pasa. Todo acontecemento vivido, tamén o sucedido en Cataluña, pode ser fonte de múltiples ensinanzas para acollelas e facer con elas experiencia de vida; é máis, co paso do tempo aínda unha persoa pode seguir sacando novas ensinanzas para a vida persoal e a vida social nas súas diversas expresións. A pesar de que algúns din que hai que ter vivido certas realidades para poder falar delas, é certo que se pode escarmentar en cabeza allea, é dicir, que se pode aprender do que vemos que lles pasa a outras persoas, tamén a través dos libros e doutros medios de información e formación.

Nesta reflexión resúmense as seguintes ensinanzas:

1) Na vida persoal e asociada OS SENTIMENTOS E EMOCIÓNS NON DEBEN SER O CRITERIO ÚLTIMO PARA TOMAR DECISIÓNS. É verdade que na prensa rosa e nos programas de corazón e cotilleo suxírese que se debe actuar por sentimentos e emocións. É máis, os sociólogos e profesionais dos estudos de Opinión Pública coas súas investigacións sobre “se me sinto só catalán, máis catalán ca español, igual catalán ca español, etc.” tamén colaboran a esa maneira de tomar decisións en base á emocionalidade.

Nembargantes non me cabe dúbida que o criterio fundamental para tomar decisións persoais e comunitarias ten que ser O QUE ESTÁ BEN, O QUE É XUSTO, O QUE É VERDADEIRO, O QUE É MÁIS SOLIDARIO… As emocións e sentimentos hai que saber gobernalos e dirixilos cara ao ben… Un pode sentir moitas cousas, pero debe actuar con xustiza e ética.

2) É de gran importancia NON CONFUNDIR A UTOPÍA COA REALIDADE, os soños coas realidades. Na vida necesitamos utopía, metas a acadar, ideal de vida… unha gran esperanza que nos alente nos traballos cotiáns e nos dea forzas para afrontar os obstáculos e dificultades da vida, que ademais teñen que superar o exame da ética e da xustiza. Pero igualmente necesitamos ter unha boa análise e coñecemento da realidade, se non queremos estrelarnos, e coñecer, tamén, o que outros decidirán ante os diversos acontecementos que se poñan en marcha.

3) Ninguén debe ignorar que OS COMPORTAMENTOS TEÑEN CONSECUENCIAS. Cando falo con algúns profesores de Ensino Secundario coméntanme a dificultade de facerlles entender aos adolescentes que as accións humanas teñen consecuencias, e que teñen que prevelas con anterioridade. No caso dos adultos, que non o saiban ou non o entendan, é aínda máis grave.

4) Debemos ser conscientes de que TODOS OS POBOS SON PLURAIS. Dicir que os cataláns, galegos, andaluces… queren “isto” ou “aquilo” nunca adoita ser certo, pois a experiencia móstranos que queren cousas distintas e mesmo contraditorias. Ademais esa pluralidade dáse nas diversas institucións sociais, incluída a familia e o matrimonio. As decisións humanas (políticas, económicas, culturais…) deben promover o Ben Común e non o interese egoísta e corporativo.

5) En diversas nacións do planeta AS REXIÓNS QUE RECLAMAN CON MÁIS FORZA A INDEPENDENCIA SON AS MÁIS RICAS. Tal como dicía a vella canción española: “Todos queremos más, y más y mucho más…”. Non deixa de ser curioso como a oligarquía económica catalá alentou e financiou o independentismo coa finalidade de sacar eles máis vantaxes dentro de España… pero ao ver que a independencia pode ser real, a fuxida de empresas e capitais faise case estampida.

En contraposición, alégrame que haxa unha institución que propoña continuamente camiñar cara á pobreza e nela hai bastantes que intentan vivir o voto de pobreza con máis ou menos dificultades. A virtude da pobreza manifesta que Deus é o Noso Pai e que debemos vivir en fraternidade.

6) Un cristián debe entender, con máis razón se desempeña cargos de responsabilidade, que A SALVACIÓN NON VÉN polos nacionalismos-independentismos, nin por levantar fronteiras e muros, SENÓN POR derrubar muros, tender pontes… e sobre isto o Papa Francisco realizou moitas accións. Tamén a Opción Preferente polos Pobres e o Destino Universal dos Bens teñen esixencias claras nestas cuestións.

Tamén sería boa ocasión para aprender algo de constitucionalismo e Constitución, Estado de Dereito e xerarquía normativa, tratados internacionais e dereito internacional. Igualmente sobre outras temáticas como a nación e a política vividas como secta relixioso-mística, o poder da ideoloxía e da economía, entender como grupos políticos irreconciliables entre si poden unirse contra outros cos que teñen moitas máis cousas en común… pero excede as posibilidades deste artigo.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deus non é un sentimento

Antes de nada quero aclarar que os sentimentos non son malos. Sabemos ben que os sentimentos, entendidos como un estado de ánimo ou disposición emocional cara a unha cousa, un feito ou unha persoa, son propios e exclusivos do ser humano.

Pero isto mesmo non impide que nos traizoen  os sentimentos de cando en vez e distorsionen abundantemente a realidade. O de “ollos que non ven, corazón que non sente” só serve para anestesiarnos por un tempo, pero non cambia a realidade. Sabémolo ben: as cousas non deixan de existir porque nós non as vexamos ou non as sintamos ou, simplemente, non as coñezamos. Cantas realidades hai que eu non coñezo!.

Pasando ao campo da relixión e a fe atopámonos con máis do mesmo. Con frecuencia escoitamos o de “só vou a misa cando me apetece”, “Deus para min non existe”, “Non creo que Deus exista”, “Deus é só un sentimento no meu interior”.

O razoamento é claro: a existencia de Deus (precisamente Deus) non está suxeita ás crenzas ou sentimentos das persoas, como tampouco o está calquera das outras realidades do universo.

Con frecuencia acudo a estas as palabras de Benedicto XVI na encíclica Deus caritas est: “Non se comeza a ser cristián por unha decisión ética ou unha gran idea, senón polo encontro cun acontecemento, cunha Persoa, que dá novo horizonte á vida e, con iso, unha orientación decisiva”.

Certamente, por moi bonito ou melancólico que puidese parecer, Deus non é un sentimento, unha idea ou unha decisión ética. Un deus así non achegaría nada á nosa vida nin, moito menos, poderíanos salvar ou darnos a vida eterna.

Deus é un ser persoal e deuse a coñecer plena e definitivamente no acontecemento da encarnación do seu fillo Xesucristo. O acontecemento de Xesucristo non é un día si e outro non. Non depende da situación na que nós esteamos. Se fose así, sería un deus moi débil ao que non poderiamos chamar deus. Non nos serviría de moito un deus que tivese condicionada a súa existencia e as súas capacidades polos nosos sentimentos, aínda que estes sempre fosen bos.

É verdade que non sempre estamos na mellor disposición para as cousas de Deus (nin as do mundo). A todos pódenos ás veces o cansazo, a apatía, os problemas, etc. Pero non lle podemos botar a culpa a Deus de que nós non sexamos capaces de coñecelo ou de velo con máis claridade. Deus está onde ten que estar, revelouse totalmente e respecta absolutamente a nosa liberdade, tamén cando nos equivocamos.

O anterior non quere dicir que o Deus de Xesucristo se desentenda de nós. Coñécenos perfectamente, está pendente de nós e impórtanlle as cousas da nosa vida. Abonda que nos acheguemos aos Evanxeos para ver que é así. Sabe o que necesitamos moito antes de que llo pidamos.

Estamos ante un Deus que é pai e que coida con amor entrañable dos seus fillos. Non é un Deus ausente ou impasible.

Nas nosas mans está, en boa medida, parte da solución á súa, ás veces, aparente ausencia: buscar a Deus onde se lle poida atopar, ou deixarnos atopar por Deus, porque El sempre nos busca.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Cura de A Fonsagrada

Imaxe: cathopic

Protagonismo dos pobres na súa liberación

No artigo anterior, “Pobreza herdada”, lembraba ao Papa Francisco chamando a unir as Xornadas Pontificias nun “Día Mundial dos Pobres” (19-XI-2017), na liña do que ben dicía León Bloy: “a máis tremenda das maldades é a de oprimir aos febles, aos que non poden defenderse”

O compromiso cos pobres, presente na historia da Igrexa, hoxe debe asumir a súa liberación segundo di San Xoán XXIII en Mater et Magistra: “Estamos convencidos, sen embargo, de que os autores principais do desenvolvemento económico, da elevación cultural e do progreso social do campo deben ser os mesmos interesados”. (nº 144).

Cando esta se publicou o cardeal Herrera Oria escribiulle ao Papa dicíndolle que había un erro de tradución, pero o Papa respondeulle que non había erro de tradución, en tal caso sería un erro do Papa (iso lle oín varias veces ao seu amigo persoal Julián G. del Castillo).

Fai anos un mozo, amigo persoal meu, preguntoulle a Jon Sobrino nun coloquio se el estaba de acordo con que os pobres son os protagonistas da súa liberación como dicía o Papa. Contestoulle que “os pobres e máis outros”, que se pode traducir como que os pobres precisan líderes, guieiros… como sosteñen moitos dirixentes e intelectuais.

Defender o protagonismo dos empobrecidos na súa liberación é ensinanza oficial na Doutrina da Igrexa. Ollemos esta clara clave para analizar  todas as realidades económicas dos Estados e Institucións Sociais: “Hai que avaliar as decisións (de política económica) á luz do que fan POR os pobres, do que fan Aos pobres e do que posibilitan que os pobres fagan POR SI mesmos. O criterio moral fundamental para tódalas decisións, políticas e institucións económicas é o seguinte: As mesmas deben estar ó servizo de todos e especialmente ao servizo dos pobres”. (Bispos USA, Xustiza Económica para Todos, nº 24). Lembremos que non é o mesmo permitir ca POSIBILITAR.

Este protagonismo está recoñecido en moitos lugares, por exemplo, nos estatutos da 1ª Internacional: “Considerando que a emancipación dos traballadores ten de ser obra dos traballadores mesmos” (Xenebra, setembro de 1866).

A pobreza non é só material, senón tamén cultural e de illamento das persoas. Por iso a historia do Movemento Obreiro lémbranos o seu berro: “Contra a ignorancia, libros!, e contra a miseria, Asociación!”. Traballar seriamente nestes dous ámbitos é a acción máis importante que podemos realizar para a liberación dos empobrecidos.

A formación, “a elevación cultural” da que falaba Xoán XXIII, é básica nos procesos de liberación humana. Poden axudar a entendelo as palabras de García Lorca na inauguración da biblioteca do seu pobo Fuente Vaqueros-Granada, que comeza coas palabras de Xesús:

“NON SÓ DE PAN VIVE O HOME. Eu, se tivese fame e estivese desvalido na rúa non pediría un pan; senón que pediría MEDIO PAN E UN LIBRO… Ben está que tódolos homes coman, pero que tódolos homes saiban. Que gocen tódolos froitos do espírito humano porque o contrario é convertelos en máquinas ao servizo do Estado, é convertelos en escravos dunha terrible organización social…”. (setembro 1931)

A importancia da Asociación está contida na proposta de Vida Comunitaria que fai a Igrexa, porque cremos nun Deus Trinitario, Comunitario, e somos sociais por natureza. Por iso é de todo lóxico que manifestacións dos obreiros fosen baixo a pancarta: “Asociación ou morte!” (exemplo: Barcelona 3-VII-1855). Nos inicios do Movemento Obreiro tiñan claro que a forza dos pobres é a solidariedade, e a Asociación debe ser a canle organizada da solidariedade.

Para compartir cos empobrecidos o seu proceso de liberación, obriga de xustiza, é necesario atoparse vitalmente e desde a Fe con eles como dicía o Papa Francisco na convocatoria para dita Xornada: “Se realmente queremos atopar a Cristo, é necesario que toquemos o seu corpo no corpo chagado dos pobres, como confirmación da comuñón sacramental recibida na Eucaristía…” (nº 3)

Todos deben recoñecer este protagonismo dos pobres na súa liberación, e especialmente os que traballamos entre eles e con eles, se non queremos facelos dependentes e colonizados. É sabio Bieito XVI ao dicir: “Así como a subsidiariedade (protagonismo da persoa e grupos pequenos) sen a solidariedade desemboca no particularismo social, tamén é certo que a solidariedade sen a subsidiariedade acabaría no asistencialismo que humilla ao necesitado”. (Cáritas in Veritate 58)

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: