É posible ser cristián sen Igrexa?

 

A resposta a este interrogante non a dou desde a Teoloxía, nin desde a Espiritualidade, a Biblia, a Liturxia ou a Pastoral, senón desde a Socioloxía, que é unha perspectiva interesante para reflexionar sobre esta cuestión. Cando oio dicir a alguén que é cristián sen Igrexa entendo que esa afirmación ten pouco sentido desde a mirada sociolóxica, como se pode concluír das consideracións que farei a continuación. Outra cuestión son os sentimentos que unha persoa teña e as opinións que manifeste ante esta institución ou outras institucións da vida social.

Para comezar non podemos ignorar o feito de que o ser humano, ademais de precisar ser enxendrado no seo materno durante aproximadamente 9 meses, necesita ser enxendrado socialmente durante anos en diversas institucións sociais para que poida subsistir (tarda moito en conseguir o alimento por si mesmo), e logo irá logrando cotas de autonomía persoal. Sen ese longo período de socialización e educación non adquiriría a linguaxe e a cultura que lle permiten vivir coma un ser humano. Nese tempo e despois vive en diversas institucións empezando pola máis achegada á persoa e común aos diversos pobos, que é a familia.

Se a institución familiar falla ten que ser substituída por outras que non son mellores cá familia cando esta é como debe ser. Isto pode verse cando se escoita aos rapaces que están en centros de acollida de menores ou aos que viven nunha familia desestruturada. Certamente que se a familia se degrada ou desaparece, hai mellores opcións.

Tendo isto en conta habería que revisar a responsabilidade que temos se non contribuímos a que a familia sexa como debe ser, esa institución próxima e segura para toda persoa, na que se é acollido por ser persoa e non polo que se ten.

A familia é a institución á medida humana para un neno que nace, pero tamén o neno e a familia precisan doutras institucións como son as educativas e culturais, empresas económicas, concellos, sindicatos, equipos deportivos e asociacións… institucións relixiosas ou Igrexas.

A vida humana sen institucións non sería posible e desaparecería, pois somos seres sociais que viven en institucións e grazas a elas. Na prehistoria abondaría coa familia, o clan, a tribo… pero hoxe precisamos de moitas máis institucións, que fan posible a vida humana en sociedades científico-técnicas avanzadas. Na vida as institucións pequenas soen controlar, en xeral, máis ás persoas cás grandes.

Se as institucións son necesarias para a pervivencia da vida humana, hai que concluír que iso tamén afecta á dimensión relixiosa da persoa, que vai vivirse en institucións grandes, medianas e/ou pequenas. A Fe Cristiá sen Igrexa, sen institucións, desaparecería en pouco tempo. Dubido que durase un século.

Iso non quere dicir que as institucións, tamén as relixiosas, non poidan ser reformadas ou mesmo que necesiten con urxencia unha reforma en momentos concretos. As formas de organizar as institucións e de vivir nelas poden ser moi diversas, con máis ou menos liberdade e mobilidade internas. Tamén a persoa pode ocupar un lugar máis central ou periférico nas institucións, incluso pelexando esforzadamente contra elas, o que non deixa de ser unha forma de estar na institución.

Para rematar este comentario, recordo que o Cristianismo é unha relixión de ENCARNACIÓN no ser humano que existe coas súas institucións propias, por iso quero citar aquí o comezo do Evanxeo de Xoán (1,14): “A Palabra fíxose Carne e acampou entre Nós”, sobreenténdese que se fixo carne humana como a do ser humano concreto e histórico, tamén na súa dimensión de natureza institucional.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

O Nobel, a Paz e o Papa

 

A raíz do meu artigo do 31 de decembro de 2016 sobre a mensaxe de Paz do Papa, algunha persoa preguntoume por qué cría que non lle darían o Nobel da Paz ao Papa Francisco. Deixando a un lado as diversas autoxustificacións que poidan elaborar os membros do xurado, aquí trato de salientar as realidades obxectivas que dean unha explicación plausible da non concesión do Nobel da Paz a este Papa e aos anteriores. Entendo que hai dúas razóns fundamentais para esta negativa: unha é especifica para o Papa e a outra é compartida con outros pacifistas aos que tampouco llelo deron a pesar dos seus merecementos.

A PRIMEIRA razón ten que ver coa propia definición do Estado noruego. En España moitos pseudoprogresistas poñen como exemplo de estados laicos aos países nórdicos, aínda que non o son. Fixándonos só no caso de Noruega podemos dicir que é un estado confesional luterano. Así a Reforma Constitucional, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2017, di o seguinte: “A Igrexa de Noruega, Igrexa Evanxélica Luterana, manterase como a IGREXA NACIONAL EN NORUEGA e SERÁ APOIADA COMO TAL POLO ESTADO”. Antes a súa Constitución dicía: “A relixión evanxélica luterana permanecerá como a relixión pública do Estado”

Calquera das dúas definicións é moi distinta da que dá a Constitución Española, un Estado aconfesional. Por iso podemos dicir que Noruega é un Estado confesional luterano, que ten unha bandeira con unha gran cruz latina que a ocupa por completo.

Dada esta situación do Estado noruego é fácil entender que, por cultura e tradición, o normal é que non se lles pase pola cabeza aos da Academia darlle o Nobel ao Papa da Igrexa Católica de Roma, por moito que sexa merecedor deste galardón.

Non esquezamos que hai 4 estados confesionais na Unión Europea (3 na parte norte e Noruega non é da UE) e ningún é católico, entre outras razóns porque a Igrexa Católica non os quere, ao menos desde o Concilio Vaticano II.

A SEGUNDA razón, compartida con outros pacifistas serios, ten que ver cunha visión global do compromiso coa Paz, que inclúe a transformación do sistema socioeconómico vixente por outro baseado na xustiza, na dignidade inviolable de toda persoa, na defensa do pobre e do seu protagonismo sociopolítico e na defensa do medio ambiente. A loita pola Paz esixe tamén que as institucións sociais estean ao servizo das persoas, especialmente dos máis pobres, xa que os Bens da Creación son para toda a humanidade (Destino Universal dos Bens).

Denunciar que as institucións internacionais, a ciencia, a tecnoloxía e a economía vixente espolian aos pobres para enriquecer aos ricos non pode saírlle de balde a quen faga esta denuncia. O mesmo pasa coa oposición ás condenas a morte: fame, aborto, guerras, eutanasia, execucións, violencias… Ademais defender que o traballo (a persoa) ten que estar sobre o capital non é tolerable para os opresores deste sistema económico que mata (ver a encíclica do papa Francisco: Evangelii Gaudium, 53).

Así temos que na lista de pacifistas sen o Nobel, a modo de exemplo, están: Hélder Cámara, Andrea Ricardi (fundador das comunidades de San Egidio en 1968), Peter Benenson (fundador de Amnistía Internacional en 1961, tres anos despois de converterse ao catolicismo), Lanza del Vasto (fundador das comunidades non violentas El Arca), Jean Goss, María Montesori, Roger de Taizé. L.B. Shastri (1º ministro da India, un dos gobernantes de máis altura moral), etc. e, por suposto, o emblemático pacifista do século XX, Mathama Gandhi.

A min non me cabe dúbida que estes son mellor compañía ca moitos dos gañadores do Nobel da Paz. As decisións da Academia Sueca dos Nobel xeran esas listas, que non lles serven para presumir.

Vistas estas realidades vai ser difícil, por non dicir imposible, que lle dean o Nobel da Paz ao Máximo Facedor de Pontes (Sumo Pontífice), que é o Papa.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Uns sacramentos, si. Outros, non

 

Na administración de sacramentos e nas celebracións litúrxicas aos curas tócanos ver as cousas desde o outro lado da barreira ou desde detrás das cámaras.

Cando moitas veces uns só están de festa por unha voda ou unha primeira comuñón, nós estamos vendo a unhas persoas que veñen á igrexa non se sabe ben a que.

É frecuente ver neste tipo de actos a persoas que están en Misa e non saben cando erguerse ou sentar, que non se santigan, que non contestan ás oracións, algúns mascan chicle, etc.

Os fieis ven ao cura como unha especie de mago ou de showman que anima unha festa. O cura ve aos invitados completamente perdidos. Non é a primeira vez que nun funeral, cando chega o momento da comuñón, non se achega ninguén a recibir o Corpo de Cristo. Tamén se ve moitas veces nos funerais a xente que está pasando de todo, pero chegado o momento da paz si que a dan con entusiasmo, sen saber que a paz é un rito máis da Misa, igual que calquera doutros moitos que hai de similar importancia. Isto obsérvase moitas veces cando os políticos teñen que ir a algún funeral.

Tamén está o caso de nenos que fan a Primeira Comuñón, pero que en realidade habería que denominala “Primeira, Única e Derradeira Comuñón”, porque nunca máis volven, porque tampouco antes traíanos os seus pais. O que fixeron ese día é algo absolutamente estraño para eles. Máis que ir, son levados polos seus pais únicamente aquel día para facer unha foto, unha festa, e para de contar. Dese día só quedaría un simple recordatorio enmarcado no salón dalgunhas das casas dos invitados.

Despois está o caso dos pais que piden sacramentos para os seus fillos, pero eles non os reciben. Explícome cun exemplo: non é a primeira vez que unha parella acode á igrexa a bautizar ao seu fillo e, acto seguido, vai ao concello a formalizar o seu matrimonio. Ou pais que levan aos seus fillos a Misa os domingos, pero eles esperan fóra. Ou sexa, que obrigan aos seus fillos a recibir un sacramento no que eles mesmos non cren. Isto ocorre con moita frecuencia.

Os sacramentos non son maxia nin eventos sociais nin algo que haxa que facer custe o que custe cando chegamos a unha certa idade.

Os sacramentos son sete e todos son importantes para recibir a saúde da alma que nos trae Xesucristo. Se algún non o fose, non o instituiría. Veñen ao caso aquí as palabras de san Paulo despois do Concilio de Xerusalén: “porque decidimos o Espírito Santo e nós non impoñervos máis cargas cás indispensables”. (Feit 15, 28)

Prodúceme tristeza esta situación, non só pola incoherencia senón tamén porque as persoas non aproveitan o que supón recibir a graza de Deus que se nos dá en cada sacramento. Unha vez máis quedamos no accidental sen entrar no esencial.

O papa Francisco simplificou o proceso dos casos de nulidade para que sexan máis rápidos. Agora poderíanse arranxar nun tempo breve moitas destas situacións incoherentes.

Aínda que sexa o habitual, e non teña nada de malo, non é necesario que a administración dun sacramento se converta nunha festa social. Pola contra, hai persoas ás que non lles gustan as cerimonias complicadas e custosas. Desde aquí quérolles dicir que se poden celebrar dunha forma moito máis sinxela e sen gastar nin un céntimo.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

No aniversario da ordenación do Bispo de Lugo

 

Parece que aínda foi onte cando era alumno meu, entre outros formadores mellores ca min,  no Seminario de Mondoñedo  Alfonso Carrasco, o sobriño de quen xa fora antes meu profesor, Don Antonio, pero sobre todo, o fillo varón de Dona Visita, mestra, cunha vitalidade desbordante.

Mirade que ó xeito se me puxo poder presumir de que o Reverendísimo Señor actual Bispo de Lugo foi alumno meu. Claro que eu quedei en bacharel e el é doutor.  Normal, que non se di en ningures que un alumno non poida ter mellores calidades, actitudes  e aptitudes ca os seus mestres; e se o mestre non se aleda dos trunfos dos alumnos, non vale pra mestre.

Así e todo, cando souben da súa elección pra Bispo chameino por teléfono e feliciteino dicíndolle: “Noraboa e felicítome a min tamén, porque hoxe creo máis no Espírito Santo”.  Houbo un pequeno silencio antes de falar el porque, segundo me tén dito en confianza, aínda que me vai coñecendo, nunca se sabe ben se vou saír cunha fresca ou cunha caricia. Non había razón prá fresca nin me sorprendeu o nomeamento, porque sendo alumno facilitounos poder coñecelo bastante ben, xa que era aberto e nada retranqueiro, ademais de moi intelixente e cordial; de maneira que os que o tivemos de alumno sabemos que non necesitaba especial “padriño”, como malevolamente se dixo,  pra que se fixasen nel.

Como non son cura da querida Diocese de Lugo non aspiro a que o Bispo, en concordancia co consello de Consultores, -porque os nomeamentos non os fai el só nin sequera son obra súa e do Vigairo-, me dean algunha desas boas parroquias que me manteña ben, ou me faga cóengo. Por iso podo, non botarlle flores, senón dicir verdades coma se estivese diante.

Cando preguntou: “¿Porque cres máis no Espírito Santo?”, a resposta xa estaba preparada e  foi esta: “Home, porque pra seres bispo a pesar de ser alumno meu, moito tivo que facer El”. Creo que non son un renegado. Ó sumo un chisquiño “anticlerical” no sentido de rebaixar clericalismos e recoñecer a dignidade dos laicos, cos dereitos e deberes que arrincan do seu Bautismo.

Antes de despedirnos aínda lle dixen: “Repito a noraboa, pero non che arrendo a comenencia”.  É verdade nunca envexei o cargo de bispo, e despois do visto nestes días menos, por mor duns traslados, menos. Son moitas as razóns, entre as que están estas: Non pode ser doado predicar valores duradeiros e de sempre nun mundo en vertixinoso cambio que define a verdade e a mentira o ético e o infame por mutables estatísticas e non por principios humanísticos e humanitarios. Tampouco poder ser doado ostentar unha certa autoridade fuxindo de autoritarismos no medio deste “cambio climático” no que en nome dunha democracia á carta se pode facer ostentación de mala educación e insultar e aldraxar impunemente a quen non pensa coma min ou non fai o que a min me dá a gana. Non debe ser doado baixar do pedestal en que historicamente se viñeron situando os bispos, cando a sociedade, e moitos curas tamén, queren velos lonxe e na peaña pra miralos arredor sen compaixón e xulgalos sen atenuantes nin misericordia. Non debe ser doado pra un bispo cumprir coa súa tripla misión de evanxelizar, santificar e gobernar cando os medios de evanxelización e santificación son tan escasos como na actualidade os sacerdotes, inmediatos colaboradores. Claro que algúns non necesitan un sacerdote. Piden un asistente social que, se se dá o caso, tamén diga algunha misa.

Por iso, querido ex-alumno, pero non ex-amigo, Sr. Bispo, neste aniversario quero agasallalo cunha sentida e sincera oración pedíndolle ó Espírito luz e forza.

 

  Xosé Manuel Carballo,

Crego da diocese de Mondoñedo-Ferrol

Decálogo do perdón na familia

 

  1. Diferencia o acto da persoa. A persoa que realiza a ofensa é máis importante có mal que fixo.
  2. Recoñece a dor do outro. Aínda que non entendas o enfado do teu fillo, dos teus pais ou do teu cónxuxe, ou o consideres inxustificado, intenta empatizar co seu sufrimento.
  3. Vence o mal cun amor máis grande. Perdoar non consiste en mirar para outro lado; o verdadeiro perdón non nega o mal, senón que o vence cun amor máis grande.
  4. Relativiza a ofensa. Ante pequenas ofensas, cultiva o sentido do humor, toma distancia e relativiza, xa que o amor crece a través de pequenos perdóns.
  5. Comunícate. Busca o momento axeitado para falar e procura que unha ofensa non sexa a xustificación para outra (insultos, desprezos, etc.).
  6. Dálle tempo ao proceso de sanación. Xa sexas o ofensor ou o ofendido, ten misericordia contigo mesmo e co outro: dá ti o primeiro paso, que consiste en recoñecer o dano. O perdón require tempo.
  7. Se humilde e pide axuda… a Deus, aos amigos ou a un profesional. É difícil perdoar cando se teme non poder facelo ou desde o sufrimento que dificulta unha comunicación serena.
  8. Deixa de lado o orgullo. Busca no fondo do teu corazón por que estás tan doído e evita poñer en marcha accións, ou omisións, que acrecenten a distancia.
  9. Perdoa, aínda que non sexa posible a reconciliación. Non sempre hai que reconciliarse; iso si: podes perdoar aínda que o ofensor non admita o dano que causou, o que conlevará un ben espiritual, psicolóxico e, ata, físico.
  10. Descobre unha vida nova. O perdón non busca vivir coma se nada ocorrese, pois a túa familia constrúese nunha historia vivida conscientemente, pero a mirada que perdoa (a imaxe de como nos mira Deus) impúlsanos a vivir apartados do mal realizado.

 

Martiño Rodríguez

Director do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: