Aos poucos, paso a paso

cuaresma 5Aos poucos, paso a paso xa estamos chegando á 3ª semana de Coresma. Moitas veces referímonos a este tempo penitencial e de preparación como un camiño que temos que percorrer. Como sempre, o tempo pasa voando e, case sen decatarnos, achegámonos tímidamente á Pascua.

Algúns, quizais moitos, vemos a Coresma como un tempo escuro e tristón, case como o mes de novembro. Estes sentimentos son lexítimos e débense á contemplación das nosas miserias e infidelidades, que a conversión coresmal pon máis de manifesto.

Con todo a luz que ilumina a vida dos cristiáns e do mundo non se apaga nunca, tampouco neste tempo. Unha luz que ilumina a nosa vida para que podamos saír con dignidade da escuridade na que nos some o pecado.

O Fillo de Deus resucitado é esa luz que aluma a escuridade do pecado e da morte. A meta da carreira coresmal é o sepulcro baleiro iluminado pola resurrección de Xesucristo.

Esta meta motívanos para facer este camiño cun ánimo renovado. Non camiñamos cara a ningún lugar. Camiñamos cara á casa do Pai misericordioso que espera aos seus fillos cos brazos abertos para darlles a mellor das herdanzas.

Neste camiño tamén temos momentos de avituallamento. O Papa, na mensaxe para a Coresma deste ano, invítanos a participar nunha xornada de oración e penitencia que el chama “24 horas para o Señor”. Este ano a invitación é máis forte, se cabe. En moitas parroquias e lugares da Diocesis organizarase algo neste sentido. Na parroquia de San Froilán haberá tamén unha vixilia de oración. Será o venres, 4 de marzo, desde as 9 da noite ata as 12.

Miguel Ángel Álvarez

A “fama” da Pascua custa a “suor” da Coresma

Non están de moda os sacrificios, nin os recortes, nin apertarse o cinto, a non ser por motivos estéticos. Falar de restriccións, austeridade, esforzo non é popular. Pero a realidade é distinta. Independentemente das políticas económicas dun país e do sentir xeral da poboación, cada un dispón dos seus trucos para chegar a ter e ser algo na vida. E todos sabemos que para poder celebrar un día de festa antes hai que pasar pola dureza da preparación dese evento. Ademais, celébrase algo cando é orixinal, único, non habitual; e aínda se celebra máis cando se pasou un longo periodo de tempo de penuria ou escaseza, sexa do tipo que sexa.

O exemplo é moito máis concreto se imos ao mundo do deporte. Aquí o esforzo, a suor e o sacrificio son ineludibles e ben visibles. Os da “xeración EXB” seguro que lembrarán a serie de TV “Fama”. Cada episodio comezaba cunhas palabras de Lydia, a profesora de baile, que resumían a filosofía que alimentaba as tramas e que se fixeron moi populares no seu momento: “Buscades a fama, pero a fama custa e aquí é onde ides empezar a pagar. Con suor”.

Confeso que lembro moitas veces isto: a “fama” custa e hai que suar. No caso da vida cristiá pasa algo parecido. A “fama” da Pascua cústanos a “suor” da Coresma. A Coresma é tempo de preparación e, xa que logo, de sacrificio. Pídesenos un adestramento especial: máis oración, máis esmola, máis xaxún. A meta é a celebración da Pascua de Xesucristo, o paso da morte á vida, que nos procure a todos unha vida nova. A vitoria definitiva sobre a morte merece todos os sacrificios e tamén todas as celebracións das que sexamos capaces.

Comezabamos este tempo de adestramento coa imposición da cinza. É un símbolo que fala por si só e non necesita explicacións. Ademais, actualmente, todos estamos familiarizados coa incineración dos defuntos, polo que vemos claramente no que nos convertemos a non ser que “alguén” faga algo.

O único mediador para que a nosa vida non quede reducida a cinzas é Xesucristo. El carga sobre os seus ombreiros coa cruz dos nosos pecados e miserias e lévanos á pousada do Pai para reparar a nosa natureza caída e facer que rexurda das cinzas unha vida nova e eterna. Este novo modo de vivir, o do Reino de Deus, foi inaugurado aquí na terra e xa empezamos a gozar dos seus beneficios porque no Fillo herdamos todos. (Cf. Rm 8,17) En Cristo fomos salvados e con San Paulo podemos dicir: “agora a salvación está máis preto de nós que cando abrazamos a fe” (Rom 13, 11)

A “suor” da Coresma vai ter a súa recompensa. Asegúrovolo. Non vos desanimedes.

Miguel Ángel Álvarez

É tempo de Coresma: xaxuar para compartir

coresma Ora, xaxúa, da

Hai tradicións que hoxe xa non se corresponden coa verdade e deben ser transformadas ou esquecidas. Pero hai outras que son verdadeiras e boas, tanto a nivel persoal como social e que, por iso, conservan sempre a súa actualidade. Coresma é un tempo forte e intenso de preparación para o gran acontecemento cristián: a Pascua. Este tempo comeza o Mércores de Cinza cun signo precioso, a imposición da cinza, cunha invitación á conversión e á práctica da oración, o xaxún e a esmola.

A tradición do xaxún no occidente dos nosos días, ata entre os cristiáns, non é abondo valorada e aprezada. Ata para algúns é motivo de certo sarcasmo. Con todo, a práctica do xaxún é probablemente tan antiga corno o ser humano. De feito, está íntimamente unida ao fenómeno relixioso e os historiadores das relixións descóbrena por motivos de ascese, de purificación, de loito, de súplica…, de tal modo que ocupa un espazo imprescindible nos ritos relixiosos. No Islam, por exemplo, é o medio por excelencia de experimentar a transcendencia divina. A Biblia, como Palabra inspirada na que se fundamenta a actitude da Igrexa, non soamente precisa o sentido do xaxún senón que regula a súa práctica. As ocasións e os motivos son variados pero en todos os casos trátase dunha actitude de fe e de humildade para acoller a acción de Deus e poñerse na súa presenza. Esta intención, profunda, descobre o sentido das corentenas bíblicas (Moisés, Elías, o pobo de Israel polo deserto) aínda que a de Xesucristo non ten por obxecto abrirse ao Espírito de Deus, xa que está cheo del (Lc 4, 1), senón inaugurar a súa misión mesiánica e salvífica cun acto de abandono e confianza no Pai. Por iso o verdadeiro xaxún transfórmase en caridade cos pobres, en preocupación polos necesitados, en obras concretas de misericordia. Así, a organización católica Mans Unidas, para loitar contra o fame no mundo, invítanos a xaxuar neste tempo, a compartir os nosos bens cos necesitados e a unir as nosas mans coas de Deus para construír xuntos un mundo menos egoísta e máis solidario. Tiña razón San Agustín cando afirmou que o xaxún non é unha cuestión de estómago, senón do corazón. Feliz Coresma.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

[Ver a mensaxe coresmal do Papa]

Non é só cuestión de diñeiro

 No Ángelus do pasado domingo 24 de xaneiro, o Papa Francisco explicaba como o Evanxeo transforma a sociedade e exhortábanos a «evanxelizar aos pobres», e non dar só axuda en clave social ou política.
Alégrome moito de que o Papa falase nestes termos e con esta claridade. Falamos de pobres, inmigrantes, refuxiados… pero confundimos os termos e, sobre todo, as estratexias de actuación, esquecendo os efectos positivos da presenza de Deus no medio do mundo a través do Evanxeo e da celebración sacramental da fe.
Todos estamos de acordo con que estas palabras non debesen existir no dicionario. Máis ben, non deberían existir persoas ás que aplicar estes cualificativos. Por desgraza non é así. Nunca tanto se falou dos marxinados e nunca estivemos tan sensibilizados con estas situacións tan dolorosas. Os novos medios de comunicación, a globalización e a actual situación económica influíron para que a nosa conciencia reaccione -ás veces de maneira pasaxeira- ante o panorama actual.
Tampouco se pode meter dentro do mesmo saco a todos os marxinados. Preséntanse casos moi distintos. Desde Occidente tratamos de arranxar todo isto só con achegas económicas pero non é suficiente e, na maioría dos casos, tampouco é o mellor. Estou convencido de que axudar a algunhas persoas a saír da súa situación unicamente con diñeiro non é o mellor nin o máis eficaz.
Falo desde a autoridade que me dá o atender o despacho de Cáritas da parroquia e o coñecer de primeira man a situación dos que chegan pedindo unha axuda. Non fago este labor só xa que hai voluntarios que axudan moito.
Pódese dicir que en moi poucos casos son problemas meramente económicos. Estes casos solucionaríanse facilmente, pois a parroquia dispón de recursos suficientes para eles. Estamos a falar de persoas con pensións moi pequenas, con algún membro da familia en paro, inmigrantes que tiveron un gasto excepcional… que veñen a Cáritas un par de veces ao ano ou cando están apuradas de verdade, pero a maior parte do ano viven dos seus propios recursos e esforzos.
Os casos restantes podemos dicir, con pena, que son casos perdidos e a solución non pasa por unha achega económica por grande que esta fose. Non se cura un cancro con aspirinas. A cuestión é saber por que se chegou a esta situación e tentar arranxar o problema na orixe, pero isto non lle interesa a ninguén, quizais porque non dá votos. Venden moito máis unhas grandes cifras para asuntos sociais nos orzamentos xerais das Administracións Públicas que propor outras medidas máis efectivas, pero menos populares.
Facendo unicamente curas de urxencia, sen denunciar e sanar a orixe da enfermidade, os afectados nunca recuperarán a saúde integral.
Outro caso distinto é o dos inmigrantes e refuxiados. Nós temos que atendelos como quen acolle a un irmán que vive na mesma “casa común” (encíclica Laudato Si’). O coidado desta casa pasa, en primeiro lugar, por coidar aos da mesma especie, os nosos irmáns.
As causas polas que teñen que fuxir dos seus países de orixe non dependen, polo menos directamente de nós. Nestes casos estamos a falar de complicados problemas históricos e económicos que lles correspondería solucionalos aos organismos internacionais. Pero todos podemos e debemos denunciar as causas e consecuencias destas situacións “caia quen caia” e sendo “a voz dos sen voz”.
Se se fixan, na columna de hoxe case non mencionei para nada a Deus nin á relixión. Mantíveno á marxe. Quizais o mundo fai o mesmo e por iso chegamos a estas situacións tan tristes.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán

San Xoán Bosco, mestre e amigo dos mozos

DON-BOSCOSan Xoán Bosco foi sacerdote, educador, pedagogo, escritor, poeta, mestre de mozos, fundador e sobre todo, santo.

Turín. Mediados do século XIX. Tempos difíciles para a supervivencia. Centos de mozos chegan á cidade fuxindo da miseria e da pobreza. Buscan unha vida máis digna nuns espazos novos e descoñecidos. Pero as súas esperanzas e os seus soños escurécense cando son explotados polos seus amos, cando teñen que traballar día e noite sen descanso e cando, en recompensa, só perciben malos tratos e soldos indignos. Na rúa, malvívese -prostitución, alcohol, frío- e a mala educación vai impregnando a existencia de miles destes mozos que, desconcertados, choran con nostalxia e desesperación os seus desexos dunha vida feliz.

E alí, faise presente un novo sacerdote, sinxelo, humilde, que chegara do campo, orfo de pai desde a infancia pero cunha vocación chea de tenacidade e confianza en Deus e capaz de encarnarse na realidade dos mozos ata convivir con eles, querelos, amalos e conseguir rescatalos daquela crúa realidade.

Tras ser ordenado e enviado como capelán ao cárcere de Turín, puido comprobar e sufrir nas súas carnes ata que punto a existencia dos residentes ía degradándose, perdendo e consumindo. Na rúa e no cárcere experimentou a experiencia da misericordia. Alí estaban os seus amigos, tirados ao bordo do camiño, feridos e abandonados, esperando a un bo samaritano.

Algúns dos seus contemporáneos, tanto da Igrexa como da sociedade civil, considerábano tolo e imprudente. Adoita suceder así coa maioría dos santos. Pero a historia real pon sempre as cousas no seu sitio e o seu prestixio como sacerdote e como educador dos mozos necesitados ou en risco,valeulle o respecto das autoridades civís e relixiosas do seu tempo e do seu país, así como unha gran fama no estranxeiro.

O día 1 de abril de 1934, soamente 46 anos despois da súa morte, Xoán Bosco era canonizado polo Papa Pío X. Xoán Pablo II conferiulle o título de `Pai, mestre e amigo dos mozos’.

Miles de poboacións, provincias, teatros, rúas, museos, colexios e universidades, levan o seu nome. Don Bosco segue vivo no pensamento e no corazón de moitos mozos de hoxe, na Congregación Salesiana, nas Asociacións de María Auxiliadora, nos oratorios, nos Institutos das Fillas de María Auxiliadora, e en innumerables lugares do mundo onde se aplica o seu sistema pedagóxico «preventivo» para a educación de nenos e mozos en situacións de risco. Hoxe é considerado o gran pai e mestre da mocidade.

A presenza das ramas masculina (Colexio Divina Pastora – Salesianos) e feminina (Fillas de María

Auxiliadora – Salesianas) en dous dos barrios e parroquias que máis creceron en Lugo cidade, A Milagrosa e Fingoi, é unha herdanza de Don Bosco que segue enriquecendo a Lugo no máis esencial para o futuro dun pobo: a educación.

Neste ano Santo da Misericordia, San Xoán Bosco, é un claro exemplo digno de imitar polo seu corazón próximo aos máis pobres e desvalidos ao estilo do corazón do Deus da misericordia.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

A %d blogueros les gusta esto: