O ensino da Relixión, un exercicio de liberdade

Os bispos da provincia eclesiástica compostelá, con motivo da xornada interdiocesana de ensino relixioso escolar 2014, fan pública a seguinte carta pastoral:

Queridos irmáns/ as:

Cada ano, con motivo da Xornada Interdiocesana de sensibilización sobre o Ensino Relixioso e Moral nos centros escolares tanto estatais como de iniciativa social (católica ou civil), queremos compartir convosco, pais e educadores, esta breve reflexión e invitación para descubrir e valorar a importancia da presenza da materia de Relixión nas diferentes etapas educativas.

O saber relixioso non pode quedar á marxe da construción social e dos procesos educativos. Na lexítima diversidade de opinións, non pode imporse como a única opción política e publicada aquela que trata de combater a presenza da relixión na escola e na sociedade. Hai outra que considera que o relixioso debe estar no espazo público e educativo, e que ha de ser escoitada e atendida en igualdade de condicións. E no exercicio da vosa liberdade, vós, pais e nais de familia, podedes elixir, sen que ninguén o faga por vós. Tedes o dereito e a responsabilidade de esixir que os vosos fillos reciban a educación relixiosa que corresponde ás vosas conviccións relixiosas.

Ler máis

25 de marzo, Xornada pola vida

Cartel Xornada pola vida

Os bispos da Subcomisión Familia e Vida da Conferencia Episcopal publicaron unha Nota, co título “Polos nenos; polos pais; polos avós: si á vida”, na que se incide na idea esperanzadora do lema do cartel. “Para España, para Europa e para o mundo -comezan dicindo- a apertura moralmente responsable á vida é unha riqueza social e económica. Grandes nacións puideron saír da miseria grazas tamén ao gran número e á capacidade dos seus habitantes”.

Na difícil conxuntura que atravesamos cómpre axudar económica e socialmente ás familias, pero non abonda. É imprescindible un “cambio de mentalidade e de vida que permita gañar a propia liberdade para doarse ao outro: doarse á esposa ou ao esposo, doarse aos fillos, doarse aos anciáns, doarse ao que sofre”.

A Nota conclúe chamando a recuperar “a grandeza do don e sentido da maternidade” e lembrando que “non é progresista pretender resolver os problemas eliminando unha vida humana”.

[Ver Nota completa]

Recomendacións dos bispos galegos ante o día de San Xosé

O 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto na Igrexa Católica, non aparece incluído no calendario de festas do ano 2014 en Galicia, aínda que si nalgúns concellos. Polo tanto, considérase, civilmente, como día normal de traballo.

Ante esta circunstancia, os bispos da provincia eclesiástica compostelá recomendan:

– Que os fieis que o 19 de marzo teñan xornada laboral ordinaria participen na Eucaristía, aínda que quedan dispensados do precepto.

– Que os sacerdotes faciliten un horario apropiado para iso.

– Que se dea publicidade a estas recomendacións e aos horarios de misas.

Presentación dun libro de Bernardo García Pintado

FotoBernardo García Pintado

Bernardo Recaredo García Pintado nace en Quiñones do Río (León) en 1934. Ingresa de moi neno no Mosteiro de Samos destinado xa para ir ao Mosteiro de San Benito de Buenos Aires e desde 1984 está no Mosteiro de Santo Domingo de Silos.

Presentou en Samos recentemente o seu libro Confesións dun monxe. O amor que namora. Bernardo mostra o seu periplo vital e relixioso, con curiosas anécdotas. Tamén trata temas fundamentais como o home, a vida, a morte, o amor e a fe. Son vivencias presentadas con verdade e con sinxeleza, por medio dunha narración fermosa e fluída. Destila optimismo e alegría de vivir e nótase que o autor fala co corazón. Sinala un camiño para atopar a paz, o equilibrio e a realización plena como persoa. 

Xornada interdiocesana de Pastoral Xuvenil

Xornada interdiocesana xuvenil

A Diocese de Mondoñedo – Ferrol toma o relevo a Lugo na organización este ano da Xornada Interdiocesana de pastoral Xuvenil. Será o 30 de novembro baixo o lema “Saír ás periferias existenciais dos mozos”.

Durante a xornada, destinada a axentes de pastoral, catequistas, sacerdotes, consagrados, e todos os que participan desta pastoral, haberá talleres relacionados con experiencias de anuncio e evanxelización: acollida cristiá no Camiño de Santiago, iniciativas de primeiro anuncio en parroquias urbanas, as experiencias de Ceas Alpha e un achegamento á natureza e manifestacións da nova era e novas espiritualidades presentes na sociedade. Esta última cuestión presentada por Lugo. 

Así mesmo proxectarase a película Un Deus prohibido, á que seguirá un taller sobre o cinema e a Nova Evanxelización coa presenza dos produtores da película.

A %d blogueros les gusta esto: