Alberto Cano SJ fala da pastoral con sanitarios

Alberto Cano S.J. é un diácono e psiquiatra que se formou como médico interno residente no Hospital Universitario La Paz de Madrid. É autor do libro Bajo la bata. Hacer pastoral con sanitarios hoy. Interveu na XL Xornada Interdiocesana de Pastoral da Saúde celebrada recentemente en Santiago e María José Campo falou con él sobre a pastoral con sanitarios, sendo isto  parte do que Alberto Cano contou:

Elementos da pastoral con sanitarios

1) “Atenderá as experiencias reais que están vivindo médicos, enfermeiros, auxiliares, celadores, psicólogos… nos hospitais a que se enfrontan nos momentos de zozobra, querendo vivir a súa vocación con plenitude pero cunhas dificultades que veñen do contexto. Hai que ter en conta as experiencias reais e antropolóxicas dos sanitarios”.

2) “Capacidade de escoita e preguntas xenuínas. Adicar tempo xenuíno para preguntar a médicos e enfermeiros como están, que é o que están vivindo, cales son as súas dificultades”.

3) “Propoñer o mellor da tradición católica como unha capacidade de ofrecer sentido profundo e honesto, espiritualidade e confianza en Deus que vai sostendo todo o que facemos”.

A alma doe

“Non nos doe só algo físico, non nos doe tampouco só o emocional ou psicolóxico; tampouco nos doe só o social (contorna laboral, familiar). Ás veces a alma doe, e son esas situacións nas que nos atopamos co sen sentido, nas que percibimos que dalgunha maneira perdemos a dignidade. A vida ponse costa arriba e non se é capaz de facer unha lectura reconciliada co noso pasado. Aí a alma doe e iso non o poden tratar os internistas, nin os psiquiatras nin os traballadores sociais. Hai outra dimensión que debe ser abordada e o mundo da pastoral da saúde ten unha palabra que dicir en todo isto”.

Labor dos capeláns

“Todo o mundo sabe que hai capeláns no hospital, pero non sempre é doado acceder a eles, non polo capelán, senón porque o entorno de coidados do paciente non ofrece de xeito claro esta posibilidade en temas de dor espiritual, de trascendencia. Coñécese o labor dos capeláns, pero non se accede todo o que se podería. Hai medos, hai prexuízos, pudor, ás veces ofrécese a atención espiritual nun intre no que o paciente está sufrindo e non pode recibir esa atención con paz e sosego. Aí temos o reto de procurar que a figura do capelán moito máis presente nos hospitais, como parte dese coidado integral que desexamos ofrecer. O capelán non pode ser un pegote que está aí para cando o chamen, e debe ser máis accesible para pacientes e familias”.

[Ver reportaxe completa]

 

Xornada Mundial do Enfermo

A Igrexa celebra o 11 de febreiro, festividade da Nosa Señora de Lourdes, a Xornada Mundial do Enfermo. 

«Acompañar no sufrimento» é o lema que propón o departamento de Pastoral da Saúde para esta Xornada instituida hai 30 anos por san Xoán Paulo II para sensibilizar sobre a necesidade de asistir aos enfermos e a quen os coidan.

O papa Francisco, na súa mensaxe, lembra con agradecemento que neste tempo avanzouse bastante, pero, puntualiza, «aínda queda moito camiño por percorrer para garantir a todas as persoas enfermas, principalmente nos lugares e nas situacións de maior pobreza e exclusión, a atención sanitaria que necesitan, así como o acompañamento pastoral para que poidan vivir o tempo da enfermidade unidos a Cristo crucificado e resucitado».

OUTRAS DATAS

  • A Asemblea anual ordinaria da Hospitalidade Diocesana de Lourdes, correspondente ao actual ano 2022, celebrarase o día 6 de maio, data na que tamén comeza a inscrición para a peregrinación diocesana a Lourdes.
  • A Campaña de Pastoral da Saúde conclúe o 22 de maio, cando a Igrexa en España celebrará a Pascua do Enfermo.

Encontro de capeláns de hospitais e residencias de Galicia

O 31 de xaneiro celébrase a XL Xornada Interdiocesana de Pastoral da Saúde na Casa de Exercicios Espirituais de Santiago de Compostela. Este encontro dos encargados en Galicia de servizos relixiosos hospitalarios e de residencias desenvolve o tema: PASTORAL CON SANITARIOS HOXE. O programa é o seguinte:

10:15h Oración inicial por Xosé Manuel Armesto, delegado de Pastoral da Saúde da Diocese de Ourense

10:20h Saúdo inaugural por Monseñor Alfonso Carrasco, Bispo de Lugo

10:30h Presentación dos relatores, por Benito Rodríguez Guerreiro, delegado de Pastoral da Saúde da Diocese de Tui-Vigo

10:35h Relatorio 1: Aínda cren os sanitarios en Deus?. Pastoral con sanitarios por Alberto Cano SJ, diácono e psiquiatra

12:00h Relatorio 2: Pasar do medo á atención integral do paciente: Claves espirituais, por Alberto Cano SJ

13:00h Ponencia 3: Testamento Vital en hospitais e residencias? Por Monseñor Francisco José Prieto, Bispo auxiliar de Santiago de Compostela

13:45 Presentación campaña enfermo 2022 por José Luis Fernández, delegado de Pastoral da Saúde de Mondoñedo-Ferrol

Os relatores:

Alberto Cano S.J. xesuíta e psiquiatra. Formouse coma médico interno residente no Hospital Universitario la Paz de Madrid. É autor do libro Bajo la bata. Hacer pastoral con sanitarios hoy. Tamén é coautor, xunto a Álvaro Lobo Arranz S.J., do libro Más que salud. Cinco claves de espiritualidad ignaciana para ayudar en la enfermedad.

Mons. Francisco José Prieto, é o bispo responsable de coordinar ás delegacións de Familia e Vida da Provincia Eclesiástica. Coordinou a adaptación do Documento do Testamento Vital da Conferencia Episcopal Española á normativa da Comunidade Autónoma de Galicia.

Curso Rexional de Pastoral da Saúde de Galicia

O sábado 17 de abril entre as 10:00h e as 13:00h, terá lugar o XLII Curso Rexional de Pastoral da Saúde de Galicia, que este ano organiza a delegación diocesana de Santiago en colaboración co Secretariado Interdiocesano. Este curso enmárcase dentro da Campaña do Enfermo 2021 que ten por lema “Coidémonos mutuamente”.

Ante a situación de pandemia, convén compartir experiencias desde a fe, desde a esperanza e desde a caridade: como afectan, como son interpretadas e, sobre todo, se pode resultar de todas estas situacións algo positivo a nivel individual e como Igrexa.

Este curso está especialmente dirixido aos voluntarios de pastoral da saúde, profesionais do mundo sanitario e sociosanitario, relixiosas, relixiosos, sacerdotes e a todas aquelas persoas interesadas no mundo sanitario. Pode seguirse a través da canle de YouTube do Instituto Teolóxico Compostelán e non é necesario inscribirse.

As persoas que sigan o evento poderán formular preguntas ao final de cada relatorio a través do chat de YouTube.

Ás 10:15 h haberá un primeiro relatorio a cargo do enfermeiro Álvaro Lobo Arranz S.J: “Se nos había olvidado sufrir: claves ignacianas para acercarse a la crisis del Covid-19”

E tras unha mesa redonda sobre experiencias de coidado (11 h), un segundo relatorio da doutora en Psicoloxía Cristina Noriega García, que ás 12 h falará de “Fortalezas y estrategias de afrontamiento ante la pandemia por el Covid-19”.

Xornada rexional dos servizos relixiosos hospitalarios

O vindeiro luns 25 de xaneiro de 2021 terá lugar en liña a xornada rexional de servizos relixiosos hospitalarios e de residencias de Galicia.

Programa

10.00h.- Oración inicial e presentación da xornada. Mons. Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo e responsable da Pastoral da Saúde en Galicia.

10.15h.- Intervención de D. Ignacio Carbajosa, autor do libro “Testigo de excepción. Diario de un cura en un hospital Covid”.

11.00h.- Saúdo de D. Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia.

11:10h.- Relatorio: “A protección de datos nos servizos relixiosos hospitalarios”, por D. Jorge Prado (SERGAS) e D. Alfredo Losada (responsable de protección de datos no bispado de Lugo).

12:00h.- Descanso.

12:15h.- Ponencia: “El derrumbe de la Ética tradicional”, por D. José Ramón Amor Pan, doutor en Teoloxía moral, director do Observatorio de Bioética e Ciencia da Fundación Pablo VI, membro do servizo relixioso do Hospital Clínico Universitario da Coruña e autor de Bioética en tiempos del Covid -19.

13.15h.- Presentación da campaña do enfermo 2021, por D. José Luis Méndez, director do departamento de Pastoral da Saúde da Conferencia Episcopal Española e delegado diocesano de Pastoral da Saúde de Madrid.

13.45h.- Clausura por monseñor Julián Barrio Barrio, arcebispo de Santiago.

Os interesados en participar nesta actividade deberán contactar co seu delegado diocesano de Pastoral da Saúde previamente para que lle envíe o enlace de conexión e así poder participar activamente na reunión de traballo facendo suxestións, preguntas, etc. por medio de chat ou verbalmente ao final de cada intervención dos relatores.

A %d blogueros les gusta esto: