Pobreza herdada!!!

A algúns sorprendeulles o Informe FOESSA de Cáritas do 7 de abril de 2016 por afirmar que a pobreza se está herdando, xa que o 80 % de nenos pobres serano tamén de adultos, cousa polo demais totalmente lóxica, xa que a riqueza tamén se está herdando con “tódalas da lei”, e non se prevé que iso deixe de acontecer no futuro inmediato. Se a riqueza se herda con tódalas garantías do dereito, é de supoñer que aos pobres non lles queda outra alternativa que herdar tamén a pobreza, que xeralmente irá en aumento.

Que a riqueza se concentra nunha minoría, que cada vez ten máis parte da renda mundial, á vez que ós pobres lles toca cada vez menos desa renda, é algo constatado en moitos estudios económicos. A modo de exemplo no libro La secesión de los ricos de A. Ariño e J. Romero afírmase:

“O ingreso medio do 10 % máis rico da poboación mundial é aproximadamente nove veces o do 10 % máis pobre, mentres que era de sete veces fai vinte e cinco anos”. (p. 31)

“No 2013 os que posuían menos de 10.000 dólares eran o 68,4 % da poboación mundial e en 2015 son o 71 %, repartíndose un mesmo volume de riqueza: o 3 %. Idéntica porción da tarta para un maior número de persoas, posto que en datos absolutos pásase de 3.207 millóns a 3.386. Á súa vez, o 0,7 % máis rico en 2013 (32 millóns) posuía o 41 % da riqueza e en 2015 (34 millóns) dispón do 45,2 %”. (p. 54)

Neste contexto hai que entender que o Papa Francisco convoque aos católicos e á toda a humanidade á loita contra a pobreza. Con esta finalidade fixo un chamamento á “I XORNADA MUNDIAL DOS POBRES”, este pasado 19 de novembro. Para dar impulso á xornada publicou o 13 de xuño de 2017, Memoria de San Antonio de Padua, unha mensaxe. S. Antonio é un santo franciscano que combateu a usura e a explotación dos pobres e os franciscanos pronto puxeron en marcha institucións de crédito ao servizo dos pobres, os Montes de Piedade.

O Papa é consciente da realidade antes descrita ao afirmar: “Hoxe en día, desafortunadamente, mentres emerxe cada vez máis a riqueza descarada que se acumula nas mans duns poucos privilexiados, con frecuencia acompañada da ilegalidade e a explotación ofensiva da dignidade humana, escandaliza a propagación da pobreza en grandes sectores da sociedade enteira…” (nº 5)

Na súa mensaxe fai referencia ao exemplo dos apóstolos que elixen os diáconos para atender aos pobres, e a que ninguén pasaba necesidade entre os primeiros cristiáns (Feit. 6,3 e 2,45). Apela ao exemplo de Francisco de Asís de estar entre os pobres. Igualmente na mensaxe lembra que o Noso Pai é a oración dos pobres: “…O Pai Noso é unha oración que se di en plural: o pan que se pide é «noso», e isto implica comuñón, preocupación e responsabilidade común. Nesta oración todos recoñecemos a necesidade de superar calquera forma de egoísmo para entrar na alegría da mutua aceptación” (nº 8)

Na vida sociopolítica é frecuente atopar actuacións feitas en favor dos pobres pero sen contar con eles, por iso escribe Francisco: “Non pensemos só nos pobres coma os destinatarios dunha boa obra de voluntariado para facer unha vez á semana… deberían introducirnos a un verdadeiro encontro cos pobres e dar lugar a un compartir que se convirta nun estilo de vida…” (nº 3).

A loita cos pobres pola súa promoción para ser efectiva require escoitar o seu berro, comprometerse efectivamente con eles xerando un desenvolvemento real a fin de xerar un cambio histórico, como lembra o Pontífice.

O Papa Francisco quere que esta Xornada teña unha vinculación directa coas outras Xornadas Pontificias: “Quixera que, ás outras Xornadas Mundiais establecidas polos meus predecesores, que son xa unha tradición na vida das nosas comunidades, se engada esta, que aporta un elemento delicadamente evanxélico e que completa a todas no seu conxunto, é dicir, a predilección de Xesús polos pobres.” (nº 6).

Se os cristiáns non vivimos con máis seriedade a solidariedade cos pobres, a culpa non está no Maxisterio por non urxir a este compromiso, se non na nosa fraxilidade, comodidade ou egoísmo.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Pastoral de defuntos e “o punto limpo”

Se cadra vistes o outro día o programa de humor Land Rober na TVG. En clave de humor falouse dos funerais civís e dixo que era como levar o defunto “ao punto limpo” e deixalo alí.

Quero aclarar que non teño nada en contra dos funerais civís. Considero que son un acto de profunda coherencia para quen non cre en Deus. Máis aló da simple broma, non se pode comparar unhas exequias civís coa actividade dun “punto limpo”. O non crente non perde a súa dignidade de persoa nin deixa de ser querido polos seus, só faltaría. Ademais, no fondo, neste tipo de actos percíbese o desexo de eternidade e de que a morte non sexa o final absoluto: faise mención ás virtudes do defunto e maniféstase o desexo de que non morra para sempre.

Xa sei que este tema non é para facer bromas. Unha vez pasada a graza inicial non puiden sacar esta comparación da cabeza. Non polos funerais civís, que xa o aclarei antes, senón porque as confusións en materia de fe e costumes dos que nos chamamos cristiáns, ou solicitamos exequias eclesiásticas para os nosos defuntos, poden levarnos a facer cousas estrañas que non teñen demasiado sentido.

O 90% das veces que os fieis acoden aos curas, sobre todo nas zonas rurais da nosa Diocese, é por asuntos de pastoral de defuntos. Para os funerais de enterro xa nos chaman os da funeraria. Despois está a gran odisea de encargar misas por defuntos e atopar o día e a hora en que poidan vir todos (curmáns, sobriños e demais familia) ao aniversario, sen madrugar moito e volver ás súas casas antes de que sexa de noite.

Para cumprir con todo isto é no que gastamos a maior parte do noso tempo os sacerdotes ou, polo menos, as mellores horas do día e da fin de semana. Tampouco é un problema gastar o tempo, para isto estamos, para servir aos fieis, rezar con eles e por eles.

O problema é o que nos toca ver moitas veces e que nos produce bastante tristeza. Vemos a familias enteiras que descoñecen o que é rezar por un defunto, encomendalo a Deus, celebrar a Misa por el, etc. Persoas que nunca pensaron no que supón que Cristo resucite e que antes morrese na Cruz, para o perdón dos nosos pecados e poder ter unha opción (ou moitas) de salvarnos.

Se non cultivamos a nosa fe e a nosa vida espiritual, o cemiterio fácilmente convértese nun “punto limpo”. Cando un electrodoméstico deixa de funcionar ou  quedou obsoleto levámolo ao “punto limpo” para que desapareza, porque é un final sen retorno.

Para os cristiáns o cemiterio e a sepultura son signos de esperanza na resurrección. Lonxe de ser o final, son o comezo de algo absolutamente novo, a Vida Eterna.

Para rematar permítanme dous pequenos consellos máis. Non fagan as cousas por facer, ou por quedar ben, ou “polo que dirán”. Por favor, non fagan un simple “paripé”. Se teñen dúbidas ou non saben ben como facer, o sinxelo é a mellor opción. Non é necesario mobilizar a todo o mundo para rezar pola persoa que se nos foi. E segundo, por favor, non obriguen ao seu neto ou sobrino, que ten unha ideas totalmente contrarias á fe da Igrexa a ir ao funeral ou aniversario do avó. E, moito menos, non o fagan sentar no primeiro banco. Así nos evitamos pasalo mal todos, tamén o cura.

Lembren: “o máis importante nesta vida é que o máis importante sexa o máis importante”. (Stephen Covey). “Aos mortos non lles importa como son os seus funerais. As exequias suntuosas serven para satisfacer a vaidade dos vivos.” (Eurípides).

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

Imaxe: Cathopic

A voltas co mandato imperativo

Preguntaba unha profesora da Universidade Complutense, por que os políticos non lle explican ao pobo o que significa o artigo 67.2 da Constitución? que di así: “Os membros das Cortes Xerais non estarán ligados por mandato imperativo”. Nunca atopei que o explicasen, e iso é o que vou intentar.

Para entendelo convén recordar antes o artigo 66.1, que afirma que “As Cortes Xerais REPRESENTAN ao pobo español”. Que se entende por “representan ao pobo”? Debemos saber que fundamentalmente hai dous tipos de representación, a libre e a vinculada:

  1. a) A representación vinculada supón que os representantes elixidos teñen un poder representativo limitado por un mandato imperativo e dereito de revocación en todo momento. As súas tarefas están ligadas ao asentimento dos representados, é dicir, que os representantes son servidores daqueles aos que representan. O Mandato Imperativo supón que os nosos representantes teñen que facer o que nós lles mandemos.
  2. b) A representación libre implica que o representante elixido non está ligado a instrución algunha dos representados, senón que é señor da súa conduta en función da propia conciencia ou dos seus intereses. Non ten ningunha obriga de facer o que os representados queren ou necesitan. Este representante así elixido convértese en señor investido polos seus electores e non en servidor deles.

No primeiro caso de representación hai que render contas ante os representados, os seus xefes, e no segundo caso será ante si mesmo ou… outras instancias fóra dos electores.

As democracias vixentes no noso entorno son de representación libre, pola que o representante unha vez elixido queda xa fóra do control dos seus representados, de xeito que en vez de ser servidor dos seus electores pasa a servirse deles.

Para que non haxa dúbidas que o artigo 66.1 alude á representación libre está o artigo 67.2 que prohibe a representación vinculada ao afirmar: “Os membros das Cortes Xerais non estarán ligados por mandato imperativo”.

A prohibición do mandato imperativo ten varias consecuencias sociopolíticas, das que destacaría que:

1) Ampara o transfuguismo das persoas elixidas, de maneira que a Constitución as protexe e poden seguir co escano ata o final da lexislatura. Fronte a isto algúns propoñen unha alternativa aínda peor, que o escano pertenza ao partido, co que facultarían aos dirixentes dos partidos para cambiar a calquera parlamentario, concelleiro… que lles resultase incómodo, ou simplemente o cambiarían por outro máis amigo, servil, ou un familiar… Así quédase curto o dito, “o que se move non sae na foto”.

2) Garante que os partidos e representantes políticos non teñen por qué cumprir os programas e promesas electorais. Xa o dicía Tierno Galván: “Os programas electorais están feitos para non cumprilos”. Lembro a amigos que me dixeron nas eleccións de outubro de 1982 que votaran ao PSOE para saír da OTAN e eu respondinlles: “pois se os votaches por iso, perdiches o voto. Se queres, apóstoche unha cea a que nin con referendum saímos da OTAN”. No referendum de 1986 preguntáronme qué votar e contestei: “Se queres que che fagan caso, vota SI e seguimos na OTAN. Se queres que non che fagan caso, vota NON e seguimos na OTAN”. Alguén lembra as tres condicións de permanencia na OTAN que ían coa pregunta?

3) Os elixidos por un distrito ou provincia con representación libre representan a toda a nación, á soberanía nacional, e non propiamente aos seus electores. Representan a vontade da nación, non a vontade dos seus votantes… Outro tema de actualidade, que non analizamos hoxe, o resumimos nunha pregunta: Os traidores da nación, patria… poden decidir o seu futuro?

Ante este realidade de prohibición do mandato imperativo a resposta non é ser máis “pasotas e indiferentes” en política, senón que debemos actuar responsablemente na acción política tendo en conta que:

-Na vida sociopolítica e en moitos sitios hai persoas, grupos e institucións comprometidas co ben, coa xustiza, coa verdade… Hai que descubrilos e colaborar con eles en aras ao servizo dos empobrecidos.

-Tamén hai outras formas de acción e incidencia política máis aló da participación nas eleccións e nos partidos políticos. Neste campo resulta moi valiosa a afirmación de D. Tomás Malagón: “Facer Igrexa é a mellor forma de facer sociedade”.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Valentes!

Escribía A. Einstein que “A vida é moi perigosa. Non tanto polos que fan mal, senón polos que sentan a ver o que pasa”. Poden estar seguros de que non é este o caso dos misioneiros. Os seus testemuños, tantos e tan valentes, están tan preñados de situacións límite que, con frecuencia, poñen en risco as súas propias vidas. A recente liberación do sacerdote salesiano indio Padre Tom Uzhunnalil, o pasado mes de setembro, tras ano e medio de cativerio en Iemen, é un de tantos exemplos que confirman e xustifica o lema deste ano: Sé valente, a misión agarda por ti.

A Igrexa celebra, nun ambiente de festa, a Xornada Mundial das Misións (o día do DOMUND). Esta xornada mundial, en España, organízaa a dirección das Obras Misionais Pontificias. E tivo o seu fantástico escenario de inauguración de campaña, este ano, na Catedral de Santiago. Alí, a popular cantante galega de pop-rock, natural de Boimorto, pronunciou un fermoso e comprometido pregón do Domund. Fun testemuña directa do seu profundo e confesante verbo o pasado 11 de outubro ás 20:30 horas. Así definiu ela aos misioneiros: “Son eses seres elixidos para soportar as dificultades. Bravos e obedientes fillos dotados de paciencia e fortaleza. Benevolentes coas debilidades. Exemplos de resistencia moral. Mostran a cotío como a compaixón activa está nas entrañas da súa misión e vai máis aló da solidariedade.

“Sen patrias nin bandeiras, abandonan o proxecto de vida propia, orientada cara ao seu propio interese, por unha comuñón fraterna. – A liberdade non é maior cando se pode facer o que a un lle peta, senón cando se elixe o bo, o belo e o verdadeiro, aínda que esa decisión comporte o sacrificio dun mesmo por un ben maior-.

“Heroes anónimos, que nas súas viaxes ao inferno acaban por alcanzar o ceo ao xuntar con tenrura as súas mans a outras mans. Estes 13.000 misioneiros españois están dispostos e empéñanse en cruzar medio planeta para poñer en práctica e materializar o seu idealismo, saíndo da comodidade do noso mundo cotián, para escoitar o latexo da dor dos perseguidos, dos esmoleiros e marxinados, chegando ata a arriscar a propia vida…”.

Certamente, os misioneiros non son uns valentes aventureiros. Non conducen motos a 300 quilómetros por hora nin escalan os cumes máis altos. Son persoas vocacionadas que sentiron a chamada de Deus e dixéronlle que si. Son enviados por Cristo a través da súa Igrexa para anunciar a todos, sen excepción nin distinción de ningún tipo, o coñecemento da Verdade, o Camiño da Luz e a Boa Nova da salvación. Eles levan o amor de Deus aos máis necesitados. Dio ben o Papa Francisco, con motivo desta Xornada, ao lembrarnos que “a misión da Igrexa non é a prolongación dunha ideoloxía relixiosa, nin tampouco a proposta dunha ética sublime”. É, sobre todo, o anuncio explícito e gozoso de Cristo morto e resucitado. De Cristo, da súa presenza na historia, onte, hoxe e sempre, xorde esta imparable forza que xa ten máis de 2000 anos de historia. É así, porque o belo, o bo, o santo, contáxiase cando alguén se achega á mensaxe de Cristo disposto a deixarse tocar e embriagar. Porque non hai nada que teña máis forza có amor. O que ama constrúe grandes obras e percorre grandes distancias. Pasiño a pasiño, porque tamén o camiño máis longo iníciase cun primeiro paso. Por iso, con motivo do Domund, pídesenos apoiar a causa misioneira coa conciencia fonda de que a misión espéranos a todos.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

É lícito pagar imposto ao César ou non?


Non é doado comprometer a Xesús con preguntas. No Evanxeo do vindeiro domingo os fariseos vólveno a intentar. Xesús unha vez máis sae airoso cunha resposta sinxela pero suficientemente clara: “dade ao César o que é do César e a Deus o que é Deus”.
Fai uns días reflexionabamos sobre que non sempre é necesario escoller ou excluír algunha das dúas partes. As cousas de Deus e as cousas do mundo teñen a súa respectiva autonomía, pero iso non implica unha exclusión forzosa, máis ben todo o contrario: unha colaboración e complementariedade necesarias. Reproduzo a continuación as palabras de Jaume Grane na revista Misa Dominical 2017/13 nas que se nos explica ben cal debe ser a nosa actitude respecto “ao César” e a Deus.

«Os cristiáns temos unha dobre obediencia: á sociedade civil e á Igrexa. Nós non podemos eludir as chamadas do Señor para que nos dediquemos á construción dun mundo máis xusto e humano. Nin podemos soslaiar os problemas da nosa sociedade co argumento de que nós somos “cidadáns do ceo”.
O noso compromiso con Deus e coa sociedade non o podemos concibir como situados en dous hemisferios diferentes; nin tampouco que debemos repartirlles as nosas enerxías ao 50%. A nosa persoa, a nosa vida, témola que poñer a disposición de ambos.
Cando nós, na Igrexa, acollemos a Palabra de Deus e celebramos a Eucaristía tamén nos estamos poñendo a punto para o traballo social. Cando achegamos o noso gran de area por mellorar a sociedade, de feito, estamos servindo ao Señor e cumprindo a súa vontade» (MD 13, 2017/13, pág. 14)

Tamén é certo que ás veces hai leis civís contrarias ao Evanxeo. Nestes casos sempre temos a opción da obxeción de conciencia. É o caso claro, por exemplo, do aborto (agora disfrazado como un dereito), no que a Administración non pode obrigar a un médico a practicalos.
Pero estraña como, nunha sociedade moderna e progresista como a occidental, haxa quen queiran negar o dereito á obxeción de conciencia ou que a Igrexa poida expoñer públicamente a súa mensaxe. Quérese liberdade para todos, menos para os cristiáns.
A sociedade non é allea para a Igrexa, pois todos os membros da Igrexa tamén o somos da sociedade na que estamos integrados. Por iso a Igrexa ten unha palabra para as distintas realidades sociais, e non só para a vida interior de cada persoa en particular.
Esa palabra recóllese no que chamamos a Doutrina Social da Igrexa (DSI), onde se abordan temas como a economía, o traballo, o paro, a folga, a política, os dereitos humanos etc. A DSI é bastante descoñecida. Algúns sorprenderíanse do que a Igrexa di dalgunhas cousas destas das que falan os políticos todos os días.
Para os que queiran coñecer a DSI temos agora un resumo moi asequible. Trátase do DoCat, que facer?. Unha obra sinxela (e barata) para achegarnos a estes temas que son importantes para a sociedade e saber o que di a Igrexa sobre eles. Ademais, desde fai unhas semanas, o bispo Munilla no seu programa de Radio María (luns e venres ás 8 da mañá) explica cada día un punto do DoCat.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

A %d blogueros les gusta esto: