Entrevista a Xosé Manuel Domínguez sobre o acompañamento de feridas emocionais

O 23 de febreiro no Seminario Diocesano de Lugo o doutor en Filosofía Xosé Manuel Domínguez Prieto dirixe un Curso de Acompañamento de feridas emocionais na educación, tema sobre o que responde a continuación.

– Que son as feridas emocionais?

– Todas as persoas estamos feitas para ser amadas. Cando no transcurso da nosa vida, sobre todo na nosa infancia, houbo momentos nos que non fomos queridos, burláronse de nós… e iso deixa unha pegada á que chamanos ferida emocional. Esta influirá na nosa vida e ata que nos fagamos conscientes dela e pasemos de vítimas da situación a autores das nosas vidas. Isto esixe unha madurez emocional.

 As feridas emocionais son habitualmente na infancia, pero ao longo da nosa vida temos feridas cando non nos recoñecen, non nos aprezan, non nos abrazan, non nos consideran… é dicir, non nos tratan como persoas.

– Como se detectan nas persoas máis vulnerables, que é o caso dos máis pequenos?

 – As feridas emocionais detéctanse sempre por comportamentos alterados, destrutivos. Nun adulto, cando hai respostas desproporcionadas.

– Por que importante que o profesorado saiba acompañar?

–  Moitas veces os problemas académicos non teñen a súa orixe nun baixo rendemento intelectual, senón en bloqueos emocionais producidos por unha baixa autoestima e por manifestación desas feridas. Así que detectar esas feridas e ter en conta o manual de primeiros auxilios para estes casos é algo fundamental para recuperar a normalidade. Isto é básico para un orientador ou un tutor.

– E no caso dos pais

– Comportamentos raros, agresivos ou de illamento non é necesariamente un mal comportamento sen máis. O neno chama a atención desa maneira. Vén dicir “Teño moita necesidade de ser querido e non hai quen me atenda esa necesidade”. 

– Algunha clave para acompañar 

– Cando o neno berra ou ten un comportamento irascible dunha maneira incomprensible o que non se debe facer é dar un conselliño rápido e atallar a cuestión. Algo que empeora as cousas é dicir ao neno que é malo… Iso non vale para nada. O que necesita o neno é ser escoitado, atendido, con moito cariño e sen alteración por parte do adulto. Outra medida inmediata é facerlle ver ao neno a realidade doutra maneira, que pode facer cousas para cambiar a súa situación e que nós recoñecemos a súa necesidade. Tamén é importante tomar conciencia de que a vida merece a pena e isto procede do amor incondicional do outro.

Xornada de Portas Abertas do Seminario

O día de portas abertas estipulado este ano será o domingo 24 de febreiro de 18:30 h a 20 h. Esta xornada, aberta a todo o público, consiste fundamentalmente nunha visita e presentación das instalacións e nunha pequena exposición de actividades que presentarán os propios alumnos.
As instalacións do Seminario contan con:

– Aulas para cada curso da ESO e BAC cunha ratio de 12 alumnos por aula.

– Unha biblioteca con 100.000 volumes.

– Residencia para 60 alumnos en pensión completa.

– Espazos de estudo comunitarios con presenza habitual de profesores que axudan no traballo cotián.

– Salas de lectura, audiovisuais, informática, música, libraría, laboratorio e taller…

– Pistas deportivas exteriores e pavillón polideportivo cuberto e calefactado.

– Capelas por niveis con atención relixiosa adaptada ás distintas idades.

O Centro presentouse a distintas actividades científicas en Galicia. Entre outros galardóns, obtívose o premio Voz Natura Galicia. Os 5000 euros conseguidos destináronse a unha obra social na República Dominicana e á compra dun motocultor para continuar os proxectos.

Os valores que promove o Seminario axudan non só a descubrir o cristianismo como unha forma de vida profunda e enriquecedora senón que prepara á persoa cara a unha vida social, profesional e familiar íntegra.

Formación organizada por Mans Unidas

A Delegación de Lugo de Mans Unidas organiza unhas sesións de formación sobre os documentos Sacramentum caritatisCaritas in veritate de Bieito XVI.  É unha actividade non só para voluntarios de Mans Unidas, pois tamén está aberta á participación de todos aqueles que teñan interese. 

As reunións deste grupo de reflexión-formación son no Seminario Diocesano de Lugo ás cinco da tarde. As vindeiras sesións de formación son o 18 de febreiro, o 11 de marzo, o 8 de abril, o 13 de maio e o 17 de xuño.

O consiliario de Mans Unidas Lugo, Miguel Ángel Álvarez, será quen dirixa o estudo.

Acompañar feridas interiores

Xosé M. Domínguez

Sen dúbida resultaralles rechamante saber que tralo 90% dos malos resultados académicos dos alumnos non se atopan dificultades intelectuais senón emocionais. E tralo 95% do fracasos matrimoniais non se atopan problemas de incompatibilidade, infidelidades, senón que son manifestacións de feridas emocionais anteriores nunca resoltas. As nosas feridas emocionais e interiores, que proceden de non ser queridos, aceptados ou valorados, de que non se cubriron as nosas necesidades interiores, son a causa da maior parte dos problemas da vida adulta (laborais, de parella, de convivencia, sufrimentos persoais).

Somos feridos cando se produciu unha agresión ou unha carencia respecto da necesidade máis profunda que temos: a necesidade de amor. Necesitabamos de pai, nai, irmáns, profesores, amigos, amor, atención, respecto, agarimo, pero nalgunha ocasión recibimos desatención, burla, agresión, desprezo, acusación… Isto é o que produce a ferida.

Profesores, psicólogos, médicos, terapeutas, pais, nais e toda persoa que fai acompañamento a outras persoas, atopa unha situación á que ha de dar resposta: as feridas interiores.

Dado que, en realidade, a saúde non é un concepto meramente biolóxico nin psíquico, quen acompaña a outros ha de saber como afrontar as feridas persoais do outro.

Igual que facemos cursiños de “primeiros auxilios” para saber como afrontar feridas físicas, resulta imprescindible que fagamos algún tipo de formación en “primeiros auxilios interiores”, que nos permitan axudar ás persoas á súa recuperación e restablecemento integral da persoa.

Para a sanación afectiva das nosas feridas é necesario levar a cabo previamente un exercicio de fortalecemento, de coidado dun mesmo. Afrontar feridas é un traballo duro, polo que é necesario previamente lograr unha certa fortaleza acode que permita afrontar sufrimentos e reconstruír a vida. Unha parte importante do curar consiste en coidar. Un xeito de curarse consiste en coidarse.

Por iso, este “cursiño de primeiros auxilios interiores” debería mostrarnos como coidarnos nós mesmos e como favorecer o autocuidado, como recuperar o amor a un mesmo, como sanar as relacións cun mesmo e cos demais e como lograr fortalecernos abondo como para poder ver nos problemas oportunidades para crecer.

E isto, que nos vén ben a todos, resulta urxente a quen polo seu traballo ou pola súa vocación dedícase ao acompañamento doutros. A maior parte das nosas reaccións inaxeitadas, dos nosos medos, compulsións e bloqueos proceden de feridas que seguen presentes, de feridas ocultas que nunca dixerimos.

Xosé Manuel Domínguez Prieto

COF Diocesano de Lugo

[Artigo en castelán]

Nota informativa: O Centro de Orientación Familiar diocesano de Lugo, en resposta a esta necesidade, organizou un cursiño teórico-práctico, o día 23 de febreiro, que leva por título “Acompañamento de feridas emocionais en educación” que terá lugar nas aulas do Seminario Diocesano de Lugo a partir das 9.15 h. [Máis información]

Actividades catequéticas en Quiroga e Lugo

Os días 22 e 23 de febreiro a Delegación Diocesana de Catequese organiza senllas actividades en Quiroga e Lugo

O venres, día 22 de febreiro, de 16:15 h a 18:30 h no salón parroquial de Quiroga hai unha convivencia para nenos, adolescentes, pais e catequistas. Téntase potenciar o aspecto vivencial e para axudar a crecer neste obxectivo van desenvolverse cinco aspectos:
1- Xogar: Dinámicas e xogos. Encontro con outros nenos.

2- Coñecer: A Xesús que acompaña, como en Emaús.

3- Orar: Visita ao Sagrario. “Coñecérono ao partir o pan”

4- Celebrar: A fe, recitando en credo – Merenda todos xuntos.

5- Vivir: Compromiso coa vida, acompañar aos nenos, e vivir o compromiso que fagan con eles.

En Lugo

O sábado 23 ás 11h traballaranse os mesmos aspectos, con visita á Catedral facendo cinco paradas:

– San Froilán – Patrón de Lugo e amigo de Xesús (Mini vida)

– Santa Lucía – Amiga de Xesús, que deu a vida polo.

– Virxe dos Ollos grandes -Patroa de Lugo- que acompaña coa súa mirada.

– San Xosé -Pai de Xesús- acompáñanos como acompañou ao seu fillo.

– Altar maior …orar e celebrar – Adoración… que os nenos tomen conciencia da Presenza de Xesús e volvan visitar a Xesús con algún familiar.

Xogos na praza de Santa María.

A %d blogueros les gusta esto: