O Seminario diocesano de Lugo ofrece varias posibilidades educativas

Seminario Lugo

O edificio do Seminario acolle distintas realidades formativas:

  • Seminario Maior da Sagrada Familia. Para este curso 2013-2014 son 7 os seminaristas maiores nos cursos 1º a 4º de Estudos Eclesiásticos, ao incorporarse tres novos seminaristas a 1º de Estudos Eclesiásticos.

  • Seminario Menor do Sagrado Corazón, onde se forman mozos da Diocese ou de dioceses veciñas que, ou ben manifestan o desexo de ser un día seminaristas maiores e logo sacerdotes, ou ben non descartan esa posibilidade. Son 43 alumnos os que neste curso 2013-2014 están preparándose para alcanzar tamén as titulacións de secundaria.

  • Instituto Teolóxico Lucense, para que seminaristas, relixiosos e laicos estuden Teoloxía até o nivel eclesiástico de Bacharelato en Teoloxía (equivalente civil ao Grao).

  • Extensión en Lugo da Sección a distancia do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas da Universidade Eclesiástica San Dámaso, de Madrid con estudos de bacharelato e grao en Ciencias Relixiosas, camiño para os futuros profesores de relixión de Secundaria.

  • Extensión en Lugo do Instituto Internacional de Teoloxía a Distancia, con estudos que permiten aos diplomados en Maxisterio dar clase de relixión en educación infantil e primaria.

Lección inaugural na apertura de curso do Seminario

apertura curso Seminario

Con presenza da comunidade educativa, o señor Bispo e autoridades civís (Delegación de Ensino da Xunta, Subdelegación do Goberno) o 27 de setembro fíxose a apertura solemne do curso 2013/2014.

O profesor do Instituto Teolóxico Lucense, Xesús Anxo Fernández Aira, baseou a lección inaugural (“A interpretación bíblica a partires do Vaticano II”) na publicación de Dei Verbum explicando como supuxo, por exemplo, un mellor diálogo co mundo xudeu e a xeneralización do método histórico-crítico. En canto ás implicacións teolóxicas e pastorais da Dei Verbum temos que se estuda a Biblia en dous momentos. Primeiro na vertente filolóxica (crítica textual, estudo das fontes, composición dun marco histórico) e hai un segundo momento, separado do anterior, no que se fai a interpretación teolóxica. Nas últimas décadas, como aspecto negativo está o relativismo e no lado positivo incluiríanse as boas edicións da Biblia e o seu estudo por parte de moitos católicos.

Artigo relacionado de José Antonio González

Os seminaristas felicitan a D. Daniel García polo seu labor como reitor

Seminario Lugo

Desde este curso recentemente iniciado, o Seminario non ten como reitor a quen o foi durante os últimos sete anos: D. Daniel García. O feito de que deixe de ser reitor motivou que os seminaristas maiores fixese público un sentido escrito. Comezan dicindo que “non hai palabras nin obras que poidan pagar o agarimo de todos estes anos, a dedicación, a entrega e o amor co que nos tratou”.

Para os seminaristas, D. Daniel García “foi un auténtico pai que aconsellou, sufrindo coas intranquilidades e alegrándose e compartindo triunfos; foi un amigo co que falar e ser escoitados, rir e chorar, gozar dos pequenos momentos propios das verdadeiras amizades; foi o ombreiro no que apoiarse; foi unha réplica do corazón de Cristo no Seminario entregando cada día a súa vida por esa casa, por cada un dos seminaristas”.

Cursiño de ingreso no Seminario Diocesano

O curso de ingreso no seminario para o curso 2013-2014 terá lugar os días 27, 28 e 29 de xuño. Todos aqueles seminaristas que queiran ingresar poden recoller a solicitude e información na portaría do Seminario.

No Seminario ofrécense os catro anos de secundaria obrigatoria, o Bacharelato e estudos eclesiásticos. É dicir, a partir dos 12-13 anos.

No Seminario celébrase o fin de curso e o Día do párroco dos seminaristas

O día 14 de xuño, desde a 11:30h. celébrase no Seminario o día do párroco dos seminaristas. Ás 13 h. é a Eucaristía, presidida polo Sr. Bispo e cos sacerdotes dos seminaristas.

Para o mesmo día a partir das 16:30 h. están programados os actos festivos de fin de curso. Neles participan os profesores, pais, sacerdotes e seminaristas. Entréganse diplomas e orlas do curso; trofeos deportivos, hai exposición de actividades académicas… 

A %d blogueros les gusta esto: