1 de maio, Festa de San Xosé Obreiro e Día do traballo

Xesucristo aprendeu de san José “o valor, a dignidade e a alegría do que significa comer o pan que é froito do propio traballo”; e que aquela familia de Nazaret tivo que afrontar, na súa migración por Exipto, “a necesidade para comer, de atopar unha casa, un traballo”. (Patris Corde)

A iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) alerta como o impacto da pandemia está a debilitar o dereito ao traballo, e empobrecendo, precarizando e descartando a millóns de traballadoras e traballadores, principalmente mulleres e xoves.

Esta deterioración provoca que o dereito ao traballo estea en risco, o que supón que o pacto social entre en crise e, con iso, a propia democracia.

Medidas urxentes que se propoñen para reconducir a situación :

– Redefinir a idea do traballo como actividade humana e configurar novas políticas que aseguren a cada persoa traballadora “algunha maneira de achegar as súas capacidades e o seu esforzo” á construción do ben común.

– Potenciar o traballo con dereitos e seguro en calquera relación laboral e para todas as persoas, sen distinción de idade, sexo ou procedencia.

– Medidas de protección social para quen non poidan traballar ou as súas condicións laborais non lles permitan chegar “a fin de mes”.

– Lograr o recoñecemento social e laboral dos empregos esenciais para a vida, cunhas condicións laborais dignas.

– Novo contrato social baseado na centralidade da persoa, o traballo decente e o coidado do planeta.

– Impulsar a incorporación da mocidade ao traballo digno.

A iniciativa Igrexa polo Traballo Decente está conformada por Cáritas, Conferencia Española de Religiosos (CONFER), Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC), Justicia y Paz, Juventud Estudiante Católica (JEC), Juventud Obrera Cristiana (JOC), Fundación JuanSoñador e Taller de Solidaridad.

[Manifesto]

[Guión litúrxico]

As persoas primeiro

Estamos sen dúbida nun tempo cheo de incertezas, de medos, de cambios, provocados por un virus global que mata, e que nos fai sentir débiles nun campo de batalla invisíbel pero real. Ao paso desta pandemia sanitaria estanse esborrallando sistemas produtivos, económicos, políticos, educativos e sociais, que se sostiñan en piares débiles, precarios, inxustos, desiguais…e unha vez máis, caen con maior impacto sobre as persoas máis vulnerables. Unha vez máis a crise, a pobreza, a miseria cébase coas mesmas persoas.

E por que non somos capaces de mudar, de transformar sistemas que afogan e que xeran inxustiza de xeito crónico?. Por que non somos capaces de poñer ás persoas no centro e ao redor xerar sistemas xustos e decentes, afastados de egoísmos e individualismos?. Por que non somos capaces de observar, de pensar, de sentir e de facer para acadar o ben común?. Dúbidas con e sen reposta, mentres millóns de persoas quedan atrás.

Este momento interpélanos e obríganos a actuar, a seguir avanzando con máis unión nun modelo social que non deixe a ninguén atrás. A seguir loitando por recuperar e garantir o dereito a unha vida digna. A seguir estendendo alternativas de vida máis sostible ante o deterioro medioambiental. A seguir defendendo o emprego decente porque “Esta crise ensinounos que se pode consumir menos e mellor, que o servizo daqueles oficios menos valorados, social e economicamente son os que sosteñen a vida e o coidado comunitario”.

O día 7 de outubro, con motivo da Xornada Mundial polo Traballo Decente, temos a oportunidade de alzar a voz a través da iniciativa da Igrexa polo Traballo Decente e baixo o lema “Movémonos polo traballo decente, nos nosos barrios, ante as organizacións sindicais e nas institucións de goberno”, para reclamar un novo modelo produtivo que, en pleno impacto social da pandemia, garanta emprego digno e accesible.

O traballo é unha expresión da dignidade humana, que debe contribuír ao desenvolvemento da comunidade, satisfacer as necesidades das familias, en condicións de respecto, de participación e de non discriminación. Na situación actual a igrexa polo traballo decente ten o compromiso de difundir os síntomas do deterioro e gravidade da situación, como son a “galopante destrución de emprego, cunhas cifras de ERTE e paro disparadas; unha protección social que non está chegando ós que teñen dereito e peor o están pasando, como no caso do ingreso mínimo vital ou a prestación para as empregadas de fogar, e que deixa fóra a miles de persoas sen posibilidade de acceso por exercer a súa actividade na economía somerxida; e a persistencia de demasiados empregos considerados esenciais que manteñen condicións laborais tan precarias que rozan a indecencia”.

Este tempo tamén trae sinais de esperanza, xestos de unidade ante a adversidade, emocións e novas oportunidades están a agromar para coidarnos e transformar esta realidade.

Eloína Ingerto López

Directora Fundación JuanSoñador en Galicia

Movémonos polo traballo decente

Igrexa polo Traballo Decente (ITD) impulsa o 7 de outubro a Xornada Mundial polo Traballo Decente. Con motivo desta Xornada, que é compartida coa Organización Internacional do Traballo (OIT), o movemento sindical mundial e o movemento mundial de traballadores cristiáns, convócanse xestos e actividades públicas para sensibilizar sobre a importancia de estender na sociedade e na Igrexa o traballo decente, algo esencial para a vida de millóns de persoas. 

As entidades convocantes, ademais de Igrexa polo Traballo Decente son Cáritas, Confer, HOAC (Irmandade Obreira de Acción Católica), Fundación Juan Soñador, Taller de Solidariedade, Xuventude Obreira Cristiá, Xuventude Estudante Católica e Xustiza e Paz.

Acto en Lugo

O 7 de outubro ás 19:30 h na igrexa San Antonio de Padua (Lugo) celébrase unha Eucaristía, lectura do manifesto deste ano, e tamén se inaugura unha exposición sobre o que é o traballo decente. Esta mostra será itinerante, pois nos vindeiros 12 meses estará noutras parroquias da Diocese.

[Materiais]

A %d blogueros les gusta esto: