Posto que Deus é fiable, é razoable ter fe nel

Comentamos a continuación unha cita breve da Lumen Fidei. Atopámola no número 23 e di: “Posto que Deus é fiable, é razoable ter fe nel”.

É unha desas citas que case poderiamos cualificar de innecesaria, porque o que di cae de caixón. O normal é fiarse de quen é fiable. Claro que é razoable seguir ou crer a quen nos ofrece confianza. É algo que facemos habitualmente na vida.

Pero, cando falamos de Deus, as cousas parecen cambiar un pouco, ou un moito. Tragamos todo o que nos din, por exemplo, os medios de comunicación, ou os políticos no Parlamento. Nin meditamos un pouco, nin sopesamos absolutamente nada se o que nos din é verdade ou mesmo se ten algo de sentido.

Pola contra, cando falamos de Deus xa poñemos todo en dúbida, xa desconfiamos ata da nosa propia intelixencia e só acertamos a facer preguntas que, a maioría das veces, son absurdas por non pararnos a pensar un pouco.

Sei que é imposible definir a Deus e comprendelo totalmente. Deus é infinito e nós limitados, o mesmo que a nosa capacidade intelectual. Pero, aínda así, podemos achegarnos coa nosa intelixencia a Deus, e o que ten sentido común debemos velo sen maior problema.

É lóxico que exista Deus?, por suposto que si. Abonda ver a creación. Pois se é lóxico que exista Deus tamén é lóxico ter fe nel, e crer nel.

Ademais, Deus para ser Deus, ten que posuír todo o bo en grao infinito. Por tanto non nos estamos fiando de calquera, fiámonos do mellor. E isto é perfectamente razoable.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Cursos bíblicos na Diocese de Lugo

Cursos bíblicos 2013 - 2014 galego

O próximo venres, día 25, ás sete da tarde no Seminario Diocesano de Lugo, reanúdanse os cursos bíblicos. A este período 2013 – 2104 corresponde o tema dos evanxeos. Están organizados polo Movemento Bíblico Lucense.

Non é necesario inscribirse, abonda con presentarse o mencionado día 25 ás sete no Seminario.

A fe ilumina dunha forma definitiva os pasos das persoas

Un debate moi habitual desde fai máis de medio século é o que afecta ao papel da fe e a razón no coñecemento das verdades. Xoán Paulo II xa escribira unha encíclica dedicada a este tema, a Fides et Ratio, e a mesma teoloxía ocupouse amplamente deste asunto.

O papa Francisco no número 4 da Lumen Fidei dinos que “a fe non habita na escuridade, senón que é luz nas nosas tebras”.

Ás veces existe a falsa crenza de que a razón se dedica ás cousas que vemos e tocamos, que podemos medir, experimentar… e que a fe se encarga das cousas ocultas, e que se move, por tanto, na incerteza e na escuridade.

Pero a verdade é outra. A fe é a que, precisamente, ilumina as escuridades da nosa vida, e que, por certo, son moitas. A fe é unha luz e, para os cristiáns, fai referencia a Cristo, o Sol que nace do alto, que ilumina dunha forma definitiva os pasos das persoas, para saír do pecado e da escuridade do sepulcro á que nos leva a morte.

Sobre a relación entre fe e razón volverá tratar máis adiante a primeira encíclica do papa Francisco.

A Palabra de Deus desafíanos, e nunca mellor dito, a ter fe en que o Señor escoita sempre as oracións dos seus fillos. Así o lembrabamos no domingo XIX do Tempo Ordinario.

Miguel Ángel Álvarez

Actos con motivo da celebración do DOMUND

Algúns dos actos programados na Diocese de Lugo son:

  • Día 18 : un misioneiro está co alumnado dos colexios de Sarria. Hai unha Vixilia do Domund en San Antonio, Lugo, ás 20h. E ás 22:30h, adoración na Catedral.

  • Día 19 : ás 10h Eucaristía cos presos de Bonxe e ás 20h vixilia do Domund na parroquia da Régoa (Monforte).

  • Día 20 : estarán presentes misioneiros nas parroquias de San Francisco Xavier (10h), Sagrado Corazón e San Xosé das Gándaras (12h), Bo Pastor (11 e 13 h), Melide (20h).

  • Na parroquia de San Pedro (Lugo) celébrase unha novena (venres e sábado ás 19h; domingo ás 18h) en honra a San Xosé María de Suegos.
A %d blogueros les gusta esto: