“Queremos permanecer en Siria”

Gregorios-III-in-Cassano-Magnago-Italy

Convén coñecer o que din os que aínda están en Siria. Son interesantes as declaracións do bispo Gregrorio III: “invocamos xunto co Santo Padre, a chama da esperanza, para que non se extinga nos nosos corazóns. Axudados e sostidos polas oracións do Papa e as súas iniciativas proféticas, audaces e evanxélicas, queremos permanecer nesta terra bendita, Siria, o berce do cristianismo”. O Patriarca tamén pediu ao Papa que “axude aos cristiáns sirios a permanecer en Oriente Medio”.
Mentres non chega a paz que lles permita aos sirios vivir dignamente na súa casa, necesítase unha cura de urxencia. As primeiras miradas diríxense á Igrexa Católica, que intentará axudar do mellor modo posible e de acordo coas súas posibilidades. Neste sentido, a Conferencia Episcopal xa ofreceu ao Goberno de España toda a colaboración das institucións da Igrexa.
Tamén me consta o ofrecimento de axuda de todo tipo de moitas persoas e familias lucenses. Grazas a Deus, aínda non temos o corazón totalmente endurecido. Durante os próximos meses teremos a oportunidade de pasar das palabras aos feitos.
Pero a urxencia do momento e unha aparente traizón dos nosos sentimentos non nos poden facer esquecer a orixe desta situación: as guerras en Oriente Medio, o financiamento do Estado Islámico, as guerras pola procura do poder rexional e mundial.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán

Triduo en honra da Virxe das Dores

Virxe das DoresOs próximos días 13, 14 e 15 de setembro e coincidindo coa súa festividade, a Confraría Franciscana do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María, celebrará un triduo en honra da Virxe das Dores. Será na igrexa dos PP. Franciscanos de Lugo co seguinte horario:

Ás 19,00 horas: Santo Rosario
Ás 19,30 horas: Santa Misa

O último día, o martes día 15, a Misa será cantada polo Orfeón Xoán Montes, de Lugo, e ao finalizar a mesma, haberá un bicamans á Virxe das Dores, para todas aquelas persoas que queiran achegarse.

Nesta celebración, a imaxe da Virxe lucirá o seu valiosísimo e espectacular manto procesional,  considerado polos entendidos como o máis valioso dos que existen na Semana de Paixón galega.

Encontro do voluntariado galego de Radio María

radio_maria logoO sábado 12 de setembro terá lugar a IV Xornada Interdiocesana de Voluntarios de Radio María de Galicia. No transcurso da mesma, os voluntarios da Zona de Galicia reuniranse nunha xornada anual de convivencia, traballo en común e confraternidade. Será no Mosteiro das RR. MM. Benedictinas (Rúa de San Paio de Antealtares, 23) en Santiago de Compostela.

Programa:

10.00 h Acollida dos participantes e entrega de documentación
10.30 h  Oración do voluntario e presentación dos responsables do Encontro e grupos asistentes.
11.15 h Mini Talleres
1- Difusión e organización: preparación práctica para a mesma
2- Difusión nas transmisións.
3- Redes sociais con Radio María
13 h Misa (preside o P.Ricardo Vázquez)
14.00 h Comida
15.30 h Santo Rosario
16.00 h Mini taller: Utilidade de coñecer os programas de Radio María para a difusión e práctica.
16.30 h Posta en común, dificultades, retos.
17.30 h Conclusións. Accións para o curso.
18.00 h Oración e despedida.

Eucaristía polos refuxiados e inmigrantes

Copia de Eucaristía polos refuxiados S Fco Xavier

O venres 11 de setembro ás 7 da tarde haberá unha Eucaristía polos refuxiados e inmigrantes na igrexa de San Francisco Xavier, en Lugo.

É un acto no que as Delegacións diocesanas de Misións, de Apostolado Segrar e Cáritas invitan a participar como mostra de “unión na Eucaristía polos refuxiados e inmigrantes”.

Señor, dános sentimentos humanitarios cos extranxeiros e abandonados, para que merezamos atopármonos xuntos na patria da vida eterna.

Misal Romano

Comunicado da Diocese de Lugo ante o drama dos refuxiados

A Diocese de Lugo, ante o dramático desafío humanitario que representan os refuxiados expulsados das súas casas pola guerra en Siria e Irak e que están chegando a Europa, e acollendo o especial chamamento que o Papa Francisco dirixiu ás “parroquias, as comunidades relixiosas, os mosteiros e os santuarios de toda Europa” para acollelos, manifesta:

– A súa vontade de contribuír, en coordinación con toda a Igrexa Católica en España a través da nosa Conferencia Episcopal e en colaboración cos poderes públicos, a dar unha digna acollida e acompañamento aos refuxiados que o necesiten. A iso servirán os nosos servizos de Caritas e de atención aos inmigrantes, e os recursos de que dispoñen as nosas parroquias e comunidades relixiosas, entre os que destacan a solidariedade e caridade de fieis e familias.

– Ante o sufrimento de tantísimas persoas obrigadas pola violencia e a guerra a fuxir dos seus fogares, manifestamos a necesidade de resolver as verdadeiras causas desta inxustiza, que só se pode atallar a través do esforzo e traballo real dos gobernos dirixido ao restablecemento da paz neses lugares, de forma que estas persoas, hoxe desposuídas de todo, poidan regresar aos seus países e ás súas casas.

A %d blogueros les gusta esto: