Novena na honra da Virxe do Corpiño

Horario: Novena ás 12 da mañá e ás 6 da tarde

Xoves 15 PRIMEIRO DÍA Dedicado á oración. Exposición do Santísimo en oración polas vocacións e a vida consagrada.

Venres 16. SEGUNDO DÍA Dedicado aos defuntos. Pídese polos rectores, sacerdotes e devotos da Virxe do Corpiño que faleceron.

Sábado 17. TERCEIRO DÍA Dedicado á familia, matrimonios e á vida. Bendición das familias, nais embarazadas e as que desexan ter fillos e non o logran.

Logo da Misa das 6 da tarde, procesión coa imaxe da Virxe do Corpiño

Domingo 18 CUARTO DÍA Dedicado aos nenos e aos novas

Bendición dos nenos e os mozos. Celebración do Santísimo Corpo e Sangue de Cristo. CORPUS CHRISTI. Procesión da Unidade Parroquial, co Santísimo Sacramento ás 12 h.

Luns 19 QUINTO DÍA Dedicado ao canto. Bendición dos instrumentos musicais, do coro “Nosa Señora do Corpiño” e das persoas dedicadas ao canto.

Martes 20 SEXTO DÍA Dedicado aos traballos humildes e aos traballadores. Bendición das mans, ferramentas de traballo e aos que non teñen traballo.

Mércores 21 SÉTIMO DÍA Dedicado ás persoas maiores e enfermos. Rézase polos anciáns e os enfermos. Bendición das medicinas e auga para tomalas.

Xoves 22 OITAVO DÍA Dedicado a Cáritas e aos máis necesitados: operación quilo. Cada un aporta un quilo de alimentos non perecedeiros e entréganse a Cáritas.

Venres 23. NOVENO DÍA Dedicado aos peregrinos, devotos e seguidores das redes sociais. Rézase polos devotos en xeral e en especial polos que están lonxe e seguen os actos do santuario por internet e as redes sociais.

Apunto ao meu fillo a clase de relixión?

Son tercos os partidos políticos en facer fracasar unha lei de ensino de consenso ao chocar coa pedra de tropezo, a materia de relixión.

“Un cidadán que non saiba explicar o sentido dunha catedral, dun santuario, dunha procesión, do seu nome, do Camiño de Santiago, Semana Santa, Nadal- comenta un avó- será un profesional da ignorancia e un desprazado social; a ignorancia dos meus netos sobre o patrimonio relixioso é unha bofetada cara aos nosos antepasados que deixaron gravada a súa historia no que engrandece a nosa terra”.

Os nosos nenos e adolescentes enfrontaranse, tarde ou cedo, a serias preguntas que necesitan unha resposta esperanzada: Que fago eu neste mundo? Para que me chamaron á vida? Que vai ser de min, mañá? Se a xustiza, a verdade, a compaixón ou o respecto mutuo non se funda en nada, por que vou perdoar, a ser honrado?

A clase de relixión tende a dar respostas ás inquietudes máis profundas do home: a vida, a natureza, abrindo o corazón ao perdón, non abandonando ao ancián e necesitado, e respectando a liberdade dos demais.

A clase de relixión ponnos en camiño para dar razón do que a ciencia non pode explicar. A catequese axúdanos a amar e a clase de relixión a coñecer o que amamos.

A verdade está malferida sen coñecer a nosa historia máis íntima: a historia da alma humana, a súa aspiración a un horizonte feliz construído cos outros.

A relixión axúdanos a entender o silencio de Deus ante o mal, a morte, e o valor de toda persoa que ao maltratala nos deshumaniza e apúntanos á maior das degradacións posibles.

Deus non está de moda. E como o ser humano non pode vivir á intemperie, acábanse fabricando “becerros de ouro”, amuletos sustitutos, esquecendo que a súa dignidade é inmensa por ser imaxe e semellanza do seu Creador.

Os pais quéixanse de que estes tempos “deseducan”. Confían nos profesores de relixión, no seu testemuño de persoas crentes, e fano sen medos e complexos ante opcións competitivas. Agradecen aos colexios que forman personalidades crentes, practicantes e activas socialmente.

Sen liberdade de elección para os pais na formación dos seus fillos non hai democracia. Bravos, pais que esixides a axuda da escola para que os vosos fillos coñezan e vivan o que pedistes para eles no Bautismo.

Os pais saben que a escola é unha axuda, pero que eles non poden descargar a súa responsabilidade como primeiros educadores soamente niso. Son tempos en que se multiplican as “escolas” para deseducar: a rúa, os xogos, todo o bo e malo ábrese camiño en cada momento para apoderarse dun corazón. O voso traballo, pais, non é doado pero é gratificante: ver crecer aos vosos fillos camiñando seguros pola senda da vida. “Apunto ao meu fillo á clase de relixión e acompáñoo no seu crecemento”.

Permítome recordar un encontro con dous científicos rusos (especialistas en satélites), en novembro de 1990, no meu paso obrigado por Moscú: Sr. Genrich A. Avensov que me ofreceu aloxamento na súa casa, e Sr. Yuri Gasparin, que me entregou o seu gorro para protexerme do frío. Encontro fortuíto e providencial no avión e que me permitiu ser protexido “da inseguridade da noite en Moscova”, segundo as súas palabras.

Manifestaron o seu pesar pola ausencia de formación relixiosa no colexio con palabras como estás: “fíxosenos un gran dano educándonos no ateísmo”… Un e outro  emocionábanse comentando: “gocei ao poder bautizar, hai pouco, á miña neta nesa Igrexa” ou “na mesa de noite teño unha a Biblia e a súa lectura confórtame”.

Deixemos que os nosos nenos e adolescentes reciban unha educación apoiada na palabra de Deus ofrecida coa vida na familia e na escola.

Frei José Estévez

Relixioso mercedario de Sarria

Xornada pro orantibus

O lema para a Xornada deste ano 2017 é Contemplar o mundo coa mirada de Deus; é unha expresión tomada da nova constitución apostólica para a vida contemplativa feminina Vultum Dei quaerere (2016), no seu n. 10. O papa Francisco recórdanos como debe ser a contemplación ao mundo e ás persoas: coa mirada de Deus. Deus sempre mira ao mundo e a cada ser humano desde o amor.

Os monxes e monxas que viven, oran e traballan nos máis de 800 mosteiros da Igrexa que peregrina en España foron mirados por Deus cun amor que cativou os seus corazóns transformándoos. E cada día comulgan coas penas e as tristezas dos homes, cos seus gozos máis nobres e as súas esperanzas máis altas.

[Materiais da Xornada]

Bicentenario dos maristas

O xoves 8 de xuño ás 19 h lévase a cabo un acto dentro das celebracións do Bicentenario Marista. Será na Aula Magna do Seminario Diocesano e terá o seguinte esquema:

  • Vídeo Maristas en Lugo

  • Intervención do Superior Provincial de Maristas Compostela, Tomás Briongos: O bicentenario, a Misión Marista, hoxe e o futuro

  • Palabras dun Irmán marista que estivo no colexio.

  • Testemuños de antigo alumno, profesor xubilado, pai de alumno/a e alumno

  • Un representante da Igrexa falará do labor evanxelizador dos maristas en Lugo

  • Peche do acto por parte do director do colexio

A cada asistente entrégase un detalle institucional.

Ao finalizar o acto, hai unha degustación dun viño español no colexio.

O sábado 10 de xuño hai unha Eucaristía na igrexa Santiago A Nova ás 11h

Comunicado do Consello Presbiteral da Diocese de Lugo

Reunidos en Consello os representantes electos dos sacerdotes da Diocese de Lugo na mañá do 7 de xuño de 2017, por decisión unánime de todos os membros da Asemblea -sen a presenza do Sr. Bispo e dos seus Vicarios- queren facer pública a súa posición sobre as noticias difundidas durante os últimos meses sobre a situación xerada nalgunhas parroquias de Friol e Guitiriz en relación co traslado dun dos seus sacerdotes, que viña exercendo o seu ministerio nesa zona.

Estes feitos afectan negativamente non só a persoas individuais ou a unha zona concreta do territorio diocesano, senón a toda a Diocese e ás súas institucións, creando unha opinión pública que dana gravemente a súa imaxe e falsea a verdade e a natureza mesma da misión pastoral.

Ante a confusión e o desconcerto que estes feitos producen no clero diocesano e nos fieis en xeral, expresamos que:

1. É público e notorio que o noso ministerio sacerdotal ordénase ao servizo da Igrexa, naqueles lugares e tarefas que a Diocese requira en cada momento, por indicación dos seus Pastores.

2. Manifestamos e renovamos a nosa adhesión ao Bispo e aos seus Vicarios, co fin de fortalecer a unidade e a comuñón imprescindible para unha correcta atención pastoral a todos os fieis.

3. Expresamos, así mesmo, especial proximidade e afecto aos nosos irmáns sacerdotes que desenvolven o seu ministerio nesa zona, que desde o principio mostraron a súa disponibilidade para que en ningún momento os fieis se vexan privados da atención sacerdotal ordinaria. Eles están soportando tamén, dun xeito directo e inmediato, os efectos desta lamentable situación.

4. Cónstanos que unha maioría silenciosa de fieis desas comunidades parroquiais rexeitan todo xénero de conflito e violencia, e queren manter a comuñón e vivir serenamente a súa fe. Desexamos que tales comunidades poidan recuperar canto antes a normalidade da vida eclesial.

A %d blogueros les gusta esto: