Peregrinación de Lugo a Santiago organizada pola Delegación de Misións

O sábado 7 de outubro hai unha peregrinación misioneira a Santiago. A partida é ás 8 da mañá desde a Parroquia San Francisco Xavier de Lugo. Previamente rézase unha oración misioneira e sélase a credencial. Antes de chegar a Compostela realízase unha parada na igrexa de Palas de Rei, onde se fará unha oración a San Daniel Comboni.

Unha vez chegados a Santiago, iníciase unha peregrinación desde a Parroquia de San Lázaro ata a Catedral. Nesta haberá unha Misa do Peregrino ás 12h presidida polo sr. arcebispo Julián Barrio e concelebrada polos misioneiros Julio Parrilla e Adolfo Zon.

Ás 13h visítase a exposición de tema misioneiro no Palacio de Fonseca.

E a primeira hora da tarde, escóitase o testemuño do P. Andrés Díaz de Rábago sj

Encontro de Pastoral Penal de Galicia: Mediación e reconciliación son posibles

O 7 de outubro terá lugar na Casa de exercicios espirituais de Santiago o V Encontro de Pastoral Penal de Galicia, nesta ocasión co título “Mediación e reconciliación son posibles”

Planificación da xornada

  • 10:00 – Entrega de material

  • 10:15 – Oración e presentación: Excmo. Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo

  • 10:45 – “Vítima e agresor, camiños de reconciliación na Biblia”, por D. José Antonio Castro Lodeiro, profesor de Biblia do Instituto Teolóxico Compostelán

  • 12:15 – Diálogo co relator

  • 16:30- Mesa Redonda

    – Alfredo Losada Suárez – Avogado

    – Raquel Lombao Fernández – Psicóloga

    – María Teresa Vilariño Lorenzo – Presidenta de Irmandade Obreira de Acción Católica Ferrol

    – Luis Manuel Bernadal – Dtor. do centro de Orientación Familiar Diocesano de Santiago

  • 18:00 Clausura

A xornada está aberta á participación de todos os interesados por coñecer a realidade da Pastoral Penal, e queiran profundar sobre este tema.

Xesucristo: a pedra angular

Xesús cita no Evanxeo un texto do Antigo Testamento. Lémbranos que El é a “pedra angular”, a mesma que antes “desbotaron os arquitectos”.

Recoñezo que teño predilección por esta definición de Xesucristo. A imaxe da pedra angular recolle perfectamente quen é Xesucristo, a súa natureza e a súa misión. A pedra angular é a que ten dúas caras boas e que serve para poñer no ángulo dunha parede e unir sólidamente os dous lados dunha construción.

A dobre natureza de Xesucristo, divina e humana, é a que lle permite salvarnos dun modo eficaz e auténtico. Xesús é o único que pode unir ceo e terra, o humano e o divino. É o Deus-home que pode facer que todos os homes poidan participar da natureza divina unidos a El.

Cristo, a pedra angular que desbotada polos arquitectos, é agora a pedra que toma vida e que fai que ata o último pedrusco do último lugar do mundo convértase tamén nunha pedra viva.

Grazas a Xesucristo somos pedras vivas da Igrexa e aínda máis: estamos chamados a ser tamén pedras vivas da Igrexa do Ceo.

Miguel Ángel Álvarez

Tomado de Falando Baixiño, nº 160

Mesa redonda “Por unha Sociedade Xusta, Traballo Decente”

Cáritas Diocesana de Lugo, a través do seu Programa Emprego, súmase ao movemento “Igrexa polo Traballo Decente”. Movemento que por terceira vez convoca a “Xornada Mundial polo Traballo Decente” o 7 de outubro.

Invítase ás comunidades parroquiais a sumarse tamén a este compromiso por un Traballo Decente, a través da celebración da Misa do 7 de outubro –Guión litúrxico– e da posible celebración dunha Vixilia de Oración.

Ademais está programada, para o día 6 de outubro, unha mesa redonda que levará por título “Por unha Sociedade Xusta, Traballo Decente”. Participarán:

  • D. Mauricio Repetto Morbán -Presidente Xoves Empresarios de Lugo-,

  • Da. Beatriz Corral Rodríguez -Xefa do Servizo de Orientación e Promoción Laboral de Lugo (Consellería de Economía, Emprego e Industria)- ,

  • Da. Eloína Ingerto López -Coordinadora Territorial da Fundación JuanSoñador- e

  • D. Arsenio Coto – Xornalista do grupo El Progreso.

O acto celebrarase no salón de actos que Cáritas ten na Avd. das Américas, 93-95 ás 11:00 horas.

Cáritas Diocesana de Lugo, a través de ditas accións, pretende axudar a poñer en primeira liña da axenda política, eclesial e social a cuestión do traballo decente.

[Manifesto]

Primeiros sábados en honra á Virxe de Fátima

Os primeiros sábados en honra á Virxe de Fátima comezan o 7 de outubro. Haberá Eucaristía e rezo do Santo Rosario ás 6 da tarde na igrexa das MM. Agustinas (Lugo). Neste primeiro sábado concorre unha circunstancia especial, pois durante a Eucaristía a irmá agustina recoleta Elva fará a profesión simple na súa congregación.

[O porqué da devoción dos primeiros sábados]

A %d blogueros les gusta esto: