Santos de aquí e de acolá

Nos inicios do mes de novembro, a cristiandade celebra con gozo e esperanza dúas festas litúrxicas de gran significado. O día primeiro, a Solemnidade de Todos os Santos e, o día segundo, a Conmemoración de todos os fieis defuntos. Popularmente, tamén é coñecido, este mes, cos cualificativos de “mes de santos” ou “de defuntos”.

A Solemnidade de Todos os Santos evoca a memoria daqueles que están con Cristo na gloria e cuxa compañía, como di unha antiga tradición, “alegra os ceos”. A Igrexa, peregrina na terra, recibe así o estímulo e testemuño do seu exemplo, a graza do seu patrocinio e a esperanza do triunfo e da gloria na contemplación eterna da Xerusalén celeste.

O día de defuntos, a Igrexa despois de celebrar con gozo a felicidade de todos os seus fillos benaventurados no ceo, preocúpase polo destino eterno de cantos nos precederon co signo da fe e dormen na esperanza da resurrección. Pero, aquí cabemos todos. A Igrexa ora tamén por aqueles de quen ninguén se acorda, que morreron en soidade e abandono, e nas actuais circunstancias desta ou outras pandemias, sen unha pregaria dos seus amigos e familiares e sen un aloumiño ou unha man amiga que puidese expresarlles o seu agarimo nos últimos momentos da súa existencia na terra. Por iso, rezamos por todos os defuntos cuxa fe só Deus coñece, que desde as orixes da humanidade deixaron este mundo, para que sexan purificados de todo mal e poidan gozar da felicidade eterna.

O interese pola haxiografía parece que está a espertar, de novo, como demostran recentes congresos, investigacións e canonizacións. O día de santos pode ser unha boa ocasión para recuperar modelos exemplares de onte e de hoxe, nunha sociedade tan diversa e pluricultural, onde os modelos a imitar non son, con frecuencia, aqueles que entregan a súa vida polos demais despois de descubrir o amor incondicional de Deus na súa existencia. Por iso, a vida dos santos é norma de vida para todos; eles son imitadores perfectos de Cristo, mestres, heroes, líderes, mártires, ascetas, “auxiliadores”, intercesores, doutores, contemplativos, literatos, escritores, fundadores. A tradición testemuña que, desde o comezo da Igrexa, o culto aos mártires celébrase xa no século II ante a tumba do día do seu aniversario; con este motivo reuníase a comunidade local, celebrábase o dies natalis (o aniversario do martirio) ou o da súa sepultura (depositio), coa celebración conclusiva da Eucaristía.

O feito dogmático desta fermosa tradición exprésase na proposición: “creo na comuñón dos santos”. Dos santos de aquí e de alá. Porque quen non ten nada que dicir sobre a morte tampouco ten nada que dicir sobre a existencia humana e a vida cotiá. E quen, como cristián e mesmo como cidadán, non ten unha palabra verdadeira e fermosa sobre a realidade ineludible da morte, non ten unha palabra verdadeira sobre a inmanencia, a transcendencia e sobre Deus. Da realidade de Deus non podemos renunciar. A súa existencia unida á creación e á transcendencia do ser humano, foi ensuciada e desgarrada, pero é o momento de levantala do chan e enarborala nesta hora de tanta incerteza. Sen Deus non habería santos. E porque hai santos, non é precisamente a realidade de Deus, a palabra da invocación, a palabra convertida en nome consagrado para sempre en todos os idiomas da humanidade?

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: