A alegría de ser catequistas

Bota a andar un novo curso de catequese e querémolo emprender con moito ánimo. Lembrade: o alento do Señor Xesús precédenos e empúrranos dende sempre.

Este curso teremos como lema “A alegría de ser catequistas”. Esta frase recolle a esencia daquelas persoas que ano tras ano se entregan con xenerosidade a misión de transmitir a fe nas nosas parroquias. Unha alegría que brota do encontro co Señor. O Papa Francisco convídanos a unha nova etapa de evanxelización marcada pola alegría (Evangelii gaudium)

Que alegría ser catequistas chamados polo mesmo Señor Xesús!
Nas nosas mans está a encomenda de axudar a cativos e familias a medrar en amizade con Xesús e no coñecemento da Igrexa.  Ben certo, atoparemos atrancos coma a saturación de actividades, os horarios e as presas… mais non nos ha faltar o Espírito que vive na comunidade e nos inspira e move á acción.

Que alegría ser catequistas que prestan as súas capacidades e o seu tempo nas nosas comunidades cristiás! Esta antiga vocación renova decote na Igrexa o compromiso de proclamar a nosa fe, de pasar uns a outros o testemuño pascual: Cristo Vive!

Que alegría ser catequistas e celebrar collidos das mans a presenza do Deus Amor! É o Señor quen nos convida a comer e beber o pan e o viño da alegría e da fraternidade.

Que alegría ser catequistas que coidan os pequenos detalles! A fe emerxe das cousas pequenas de cada día: do acoller, do empregar palabras sinxelas e doces, do ter xestos de complicidade coas familias, do sorrir, do collerse das mans…

Que alegría ser catequistas e contaxiar a alegría do Evanxeo!

Departamento de Catequese

Delegación Episcopal para a Educación na Fe da Diocese de Lugo

[Folleto explicativo do cartel e suxestións para a 1ª reunión]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: