A Coresma

Cando comezou o ano creo que ningún eramos conscientes da revolución que ía supor o coronavirus para a nosa vida. Parecíanos algo afastado -no tempo e o espazo- e alleo ás nosas persoas.

Creo que vai ser unha ocasión de ouro para vivir a Coresma. Si, todo ten o seu punto positivo. Pasamos da queixa máis común do noso día a día -non teño tempo- a poder compartir quince días coas nosas familias, amigos, compañeiros ou con quen sexa que fagamos o confinamento. De súpeto vimos como o noso tempo detíñase e que aquilo máis esencial para nós podería ocupar todo o noso tempo. É, en definitiva, o que sucede na Coresma: Deus quere ser o protagonista do noso corazón neste tempo. Xa non pode haber queixas de que nos falta tempo! Podemos orar, ler o Evanxeo diario ou algunha lectura espiritual, rezar o rosario en familia (unha tradición tan común e preciosa no noso país hai unhas décadas), etc.

Priváronnos da comuñón! Pero creo que nos vai levar a valorala e a desexala, a descubrir o que significa que nas misións estean un mes sen celebrarlles a Misa e que privilexio temos nós de poder actualizar o memorial do Sacrificio do Señor. Aínda que xa non é algo tan afastado porque me sucede que eu vou a cada parroquia unha vez ao mes a celebrar a Misa, salvo na principal. Aprender a dar grazas pola Eucaristía e polos sacerdotes.

Pero a nós tamén nos doe celebrar a Misa “sós” (porque sós nunca estamos). Por iso rezamos por cada un de vós, polas vosas familias, polos enfermos, e damos grazas a Deus por todo o persoal sanitario, os transportistas, os que traballan en supermercados, restaurantes, gasolineiras, forzas e corpos de seguridade, e calquera outro tipo de servizo que hoxe se brinda ao noso país neste momento. E imos aproveitar todos os medios de comunicación social para transmitir online a Santa Misa ou unha adoración do Santísimo Sacramento.

E ai, a Semana Santa! Serviranos para unirnos máis á Paixón do Señor. Supoño que será en grao sumo estraño cando nos atopemos só os sacerdotes para celebrar os distintos oficios. Pero viviremos nós tamén o gozo de poder celebrar a Eucaristía, unirémonos ao sufrimento do Señor en Xetsemaní, deixarémonos tocar polo silencio do Calvario e con esperanza camiñaremos no medio da noite guiados pola Luz pascual, sabendo que a Resurrección de Cristo marcará o fin deste tempo.

Certamente paréceme que Deus quixo pór ante nós un símil moi fermoso. Do mesmo xeito que o tempo de Coresma está marcado pola penitencia, a oración e o xaxún que dispoñen o noso corazón para os Misterios da vida de Xesús que imos celebrar, así tamén a Pascua irrompe no medio da noite para encher as nosas vidas coa Luz que iluminará os nosos pasos e depositará no corazón a Paz que nace da Resurrección. Porque é a certeza da nosa vida: Cristo resucitou e vive por amor a nós. E deste xeito, pasaremos do confinamento que o coronavirus nos está ofrecendo, levándonos a vivir unha insospeitada penitencia, oración e xaxún, para que podamos logo estalar de gozo coa Pascua da Resurrección, onde Cristo dá luz ás nosas tristezas e convérteas en verdadeiras alegrías.

Durante este quince días de «reclusión» e illamento, onde non podemos ver a tanta xente que queremos, que non podemos tocalos… non só faranos valorar o bo que é ter a compañía dos demais, como xa dicía Pieper: “é bo que ti existas!”. Senón que, ademais, descubriranos cantas cousas dicímonos nunha mirada, un aloumiño, un apertón de mans ou un abrazo. E fará perceptible a linguaxe do noso corpo, que forma parte do que somos e que manifesta tamén o que o noso corazón sente e vive en cada instante. Nunca sentimos tan preto aos demais que como agora, que os temos tan lonxe!

Por suposto, neste tempo queda evidenciada, unha vez máis, a caridade que vive o noso pobo. Somos xenerosos e entregados, serviciais e comprometidos. Hai todo tipo de persoas, evidentemente. Pero estes días, con tantas pequenas iniciativas que nos van unindo ou que mostra o apoio que damos aos nosos veciños máis vulnerables, brilla a caridade pola súa presenza. O amor de Deus vaise facendo concreto e real en cada pequeno xesto que magnifica a fraternidade humana. É realmente fermoso e emocionante ver como coidamos uns de outros! As circunstancias están a facer que nos unamos entre nós.

Pero sucederá que esta crise acabe. E aínda ninguén calculou cal será a situación que nos atopemos. Sexamos realistas: non vai ser doado. Pero demostramos que podemos vivir este tempo e enfrontalo, sendo responsables e quedando na casa e renunciando a tantas cousas que desexamos para deter esta pandemia. E se podemos co coronavirus, poderemos co que se nos poña diante, coa axuda de Deus. Debemos ter fe e esperanza. Como dicía Bieito XVI: «o presente, aínda que sexa un presente fatigoso, pódese vivir e aceptar se leva cara a unha meta, se podemos estar seguros desta meta e se esta meta é tan grande que xustifique o esforzo do camiño» (Spe Salvi, 1).

Non teñamos medo! Demostramos que podemos traballar unidos e loitar xuntos a pesar da distancia e das dificultades. Deus está connosco. E un bo Pai nunca abandona aos seus fillos. Por iso, este tempo lémbranos que o pobo de Israel, mentres camiñaba polo deserto, estaba sostido pola man do Señor que o acompañaba no medio das adversidades e nos momentos de maior alegría. A Coresma é vivir coa mesma percepción no corazón, sabendo que Deus se fai presente no noso día a día e que sostén o noso existir. É a certeza do Amor.

Aproveitade para rezar, ler, facer exercicio, ver algunha serie ou película, compartir longos intres de diálogo coas vosas familias, e chamade a quen tedes lonxe, con quen vos pelexastes, a quen puidestes ofender. É o tempo do perdón, da reconciliación, da paz. É a hora da conversión que se nos reclama a cada un e que sucede como tempo de graza para todos.

Na Coresma volvemos o corazón a Deus e a nosa mirada detense ante aquilo que é esencial para a nosa vida. Que tempo tan propicio, privados de tantas cousas, para poder colocar no centro do noso día aquilo que é verdadeiramente importante! Pidámoslle a Deus a graza da conversión.

Rezo por vós. Acompáñovos esperanzado neste tempo. Que esta sexa a Coresma máis verdadeira e frutífera da vosa vida (polo menos este ano)!

Nicolás Susena Presas

Imaxe: cathopic

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: