A cruz, protagonista da historia

Non quería ser pesimista, pero sendo realista, non podo menos de recoñecer que a cruz estivo sempre presente na historia da humanidade. Cruces nos camiños e cruces nos fogares; cruces nos templos e cruces nos cemiterios; cruces sobre os ombreiros e cruces colgadas do peito das persoas; cruces como recoñecemento dos méritos e da valía dos mellores cidadáns…

Por múltiples motivos, a través dos tempos, acumuláronse os eloxios cara ás cruces de éxito, e as lamentacións lembrando os tristes acontecementos do pasado. Lembróunolo a festa da Santa Cruz, que celebramos hai uns días.

Cal é a postura máis correcta, chorar os días invernais ou festexar os días primaverais? A resposta tamén é válida no referente ás cruces da vida. Certo que o mundo é camiño de Ceo, pero non é Ceo. Valoremos o bo de hoxe, e gocemos sabendo o que de mellor nos agarda no mañá. A existencia humana comeza no berce, e prolóngase máis aló da tumba. Esta consideración é indispensable para facer unha avaliación acertada das cruces compañeiras do noso vivir.

A cruz, que era un patíbulo ignominioso no que os romanos executaban aos escravos, cambiou de signo a partir do primeiro Venres Santo. Até entón era instrumento de morte. Agora é instrumento de vida. No Antigo Testamento, era patíbulo de condenación. Agora é sinal de salvación. Na antigüidade era signo de derrota. Despois da crucifixión do Fillo de Deus, é prezo de redención. Agora ben, esta sublimación da cruz depende de quen a leve e de como a leve; porque así como non é o traballo o que dignifica á persoa, senón que é a persoa a que dignifica o traballo; así ocorre tamén coas cruces que pesan sobre o ombreiro dos homes. De igual modo, non é a cruz a que dignifica ao crucificado, senón o crucificado o que sublima a cruz na que entrega a súa vida.

A cruz é o sinal do cristián da cal nos servimos ritualmente para signarnos e santiguarnos e para bendicir obxectos, campos e santuarios. Pero, ademais de signo ritual do cristián, é tamén compañeira inseparable de todo mortal. Camiñamos á sombra da cruz ou baixo o peso da cruz ou apoiándonos nela. Un cristián auténtico é un “crucificado”. Díxoo Xesús: “O que queira vir en pos do meu, que tome a súa cruz e sígame”. No Antigo Testamento, o crucificado era un maldito; agora é un “redimido”. Agora ben, non todas as cruces son de madeira, nin todas son redentoras. Na antigüidade, os montes dos xudeus estaban erizados de cruces, e actualmente tamén o están as nosas vidas: a pandemia, coas súas múltiples manifestacións; a fame negra que sega tantas vidas por falta de pan; a soidade, a persecución, a inseguridade social… son múltiples cruces das que colgan incontables crucificados. Pero, repito, non todas son redentoras. A súa virtualidade redentora non depende do seu tamaño nin da súa materialidade. O primeiro Venres Santo, escalaban o monte Calvario tres axustizados, cargados con senllas cruces. Seguro que todas eran da mesma madeira e do mesmo tamaño; con todo, só unha delas era redentora. Teñámolo en conta, e preguntémonos se non equivocariamos o noso labor moitos cristiáns, dedicándonos a fabricar cruces, no canto de afanarnos por ser redentores.

As cruces ofrécenolas a vida. Poñamos da nosa parte, unha actitude redentora, unindo os nosos pequenos ou grandes sacrificios, aos do Señor, que coa súa heroica xenerosidade, redimiunos a todos.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: