A Diocese lucense conmemora os 30 anos de Laborem exercens

A Diocese lucense conmemorou os 30 anos da publicación da encíclica Laborem exercens cunha reunión sobre o tema tratado nese documento papal. Foi o 28 de outubro no Seminario.

Trala presentación do acto por José Río Ramilo foi a intervención de Clodomiro Ogando Durán, que presentou as raíces da Doutrina Social da Igrexa. Isto é, o mandamento de Xesús de amarse uns a outros…, uns principios básicos (dignidade da persoa, ben común, solidariedade…) que se adquiren nas Sagradas Escrituras, na teoloxía, na filosofía, etc. Pero non abonda con principios sen máis, hai que analizalos cunha lectura crente, cunha actitude dialogante e chegar a unha unidade de acción (reformas agrícolas, condonación da débeda…).

Aos 16 documentos do Vaticano que se consideran relacionados coa Doutrina Social da Igrexa, Mario Vázquez Carballo lembrou outro máis: a exhortación postsinodal Sacramentum Caritatis, cunha terceira parte de gran contido social.

Para Ángel Santamaría Montero, o traballo fai que a persoa creza en humanidade. Pero isto vese dificultado, entre outros factores, pola tecnoloxía que despoxa ao traballo do que ata hai pouco eran os seus compoñentes básicos: forza, habilidade e coñecemento. Outra das ideas expostas é que o traballo entra nos plans de Deus sobre a salvación do mundo. A mellor maneira que teñen os cristiáns de contribuír a unha mellor sociedade é facer Igrexa, xerar conciencia. Coincidiu Ángel Santamaría con Segundo Gómez Santoalla na necesidade de reducir horas de traballo e salario e con Eliseo Fernández Bamio en que haxa un traballo máis humanizado.

Antón Negro Expósito primeiro cuantificou o problema laboral que ten España: máis de once millóns de persoas (case a metade da poboación activa) están en paro total, teñen un contrato temporal ou a tempo parcial. E cando nas enquisas os españois son preguntados se consideran que están afectados polo paro, contestan afirmativamente trece millóns de persoas. Jesús Manuel Santiago Vázquez puxo de manifesto a disparidade entre as cifras oficiais e as reais.

Tras estas cifras e outras, Antón Negro enumerou os motivos polos que a xente non inicia unha revolta: hai avós que sosteñen a familia enteira, hai conciencias manipuladas, máis economía somerxida e delincuencia, os poderosos cada vez teñen máis poder.

Tarsicio Lamela Cacheiro afirmou que o problema é do sistema.

Monseñor Alfonso Carrasco Rouco pechou esta reunión sobre a Doutrina Social da Igrexa dicindo que esta é a suma de reflexión, intelixencia e sabedoría. E que facer todo isto como fixo a Igrexa durante moitos anos ten un gran valor.



Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: