A nosa indiferenza condénaos ao esquecemento. Carta pastoral do Sr. Bispo

O lema da campaña de Mans Unidas deste ano pon o acento na indiferenza como actitude que posibilita o crecer e perpetuarse de inxustizas, pobrezas e desigualdades extremas.

En efecto, a indiferenza é moitas veces condición para que poidan establecerse dinámicas, que contradín os bens e dereitos máis fundamentais das persoas, tanto nas relacións persoais e familiares, como, máis facilmente aínda, nos ámbitos sociais e económicos. O silencio, o deixar facer, a non asunción da propia responsabilidade, é condición para que poidan establecerse socialmente formas de acción das que se sabe perfectamente que son inxustas e, de por si, inaceptables.

A esta indiferenza egoísta, que acala ao propio corazón e esquece o rostro do próximo, contraponse sen dúbida a caridade verdadeira, nacida da fe que recoñece a Deus como Pai e a toda persoa como creada por El con igual dignidade, como irmán.

A campaña de Mans Unidas pode axudarnos a non caer nesta tentación, neste individualismo radical ao que é fácil tender na nosa sociedade, en especial ao saír desta crise sanitaria que puxo en cuestión a vida de cada un. Porque podería parecernos que, ao final, só importa ocuparse de si mesmos, que non vale a pena correr ningún risco polo ben doutros, que o esencial é saber adaptarse ao que se considera socialmente correcto, aínda á conta da propia conciencia.

Poñendo ante os nosos ollos os rostros de quen sofre fame de pan e de dignidade, Mans Unidas estanos pedindo que vivamos segundo a lei verdadeiramente humana, dada por Deus a todos, do amor ao próximo e da fraternidade.

Saberemos entón que non estamos sós, que formamos parte dun mesmo gran Pobo de Deus, que camiñamos xuntos tamén nestes tempos de pandemia, sostendo a esperanza e a caridade os uns dos outros, como fillos dun mesmo Pai.

E seremos máis capaces de responsabilidade nas nosas vidas, nas nosas relacións sociais e económicas. Saberemos optar pola verdade e a xustiza, pola defensa do débil e do oprimido, construiremos unha sociedade máis xusta. A indiferenza e o egoísmo condenan ao esquecemento ao pobre, pero tamén aos nosos seres máis cercanos e a nós mesmos; e constrúen unha cultura, unha economía e unha sociedade cada vez menos humanas, menos atentas ao ben das persoas concretas e ao da nosa terra.

Mans Unidas é, un ano máis, signo de canto ben podemos facer permanecendo unidos, de como crece a nosa conciencia, a nosa capacidade de actuación, a nosa humanidade, camiñando xuntos, vencendo indiferenzas e esquecementos, permitindo que o alento da fe e da caridade guíen as nosas vidas.

Pidamos sempre para iso a intercesión e o amparo da Santísima Virxe María, nai de Deus e nai nosa, cuxos ollos están sempre atentos ás necesidades e sufrimentos dos seus fillos.

+ Alfonso,

Bispo de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: