A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia

A cidade de Lugo foi testemuña onte dunha das celebracións históricamente máis importantes que subsiste na nosa comunidade: a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento. En 1669 facíase oficial na Coruña a axuda de 1500 ducados das sete capitais do Antigo Reino de Galicia (Lugo, A Coruña, Santiago, Ourense, Mondoñedo, Betanzos e Tui) para o alumado con candeas do Santísimo Sacramento exposto día e noite na catedral, unha ofrenda que co tempo pasou a ser simbólica pero permanecendo durante séculos a esencia deste acto: a devoción eucarística de Galicia.

Sería difícil imaxinar un acto que “vendese” mellor a nosa cidade que ese: o desfile dos alcaldes e autoridades desde esa xoia do barroco civil que é o edificio do concello, a recepción na S.I.C.B. de Lugo (xa con todos os honores un dos tesouros culturais da humanidade), a posterior procesión ao terminar a misa de pontifical, a cidade que lucía a súa mellor aparencia, sen que faltasen a música, as flores e os balcóns engalanados para honrar unha tradición que cos seus máis de tres séculos de historia forma xa parte da súa propia identidade.

É costume que numerosos fieis veñan de fóra o día da Ofrenda para render homenaxe ao Augusto Sacramento; aínda que na actualidade visitan a cidade un número considerable deles, non é comparable aos datos que sucedían fai un século cando, con motivo da Terceira Peregrinación Eucarística, chegaron a Lugo trinta mil peregrinos, mostra da importancia secular deste acto e máis concretamente da adoración ao protagonista deste día tan especial, que non é outro que o Santísimo Sacramento.

O acto central da ofrenda tivo lugar na S.I.C.B. de Lugo ás doce do mediodía, onde as autoridades renderon pleitesía a Xesús Sacramentado, nesta ocasión coa Ilma. Sra. Elena Candia López (alcaldesa de Mondoñedo) como oferente; todo iso celebrado no monumental marco da zona do cruceiro da catedral, co retablo de Cornielles de Holanda (século XVI), o coro de Francisco de Moure (século XVII) ou a propia custodia regalada en 1772 polo Arcebispo de Zaragoza Juan Sáenz de Buruaga como testemuñas de excepción da simbólica ofrenda. A misa de pontifical contou coa presenza dos cinco prelados da comunidade galega: Mons. Julián Barrio Barrio (Arquidiocese de Santiago de Compostela), Mons. Alfonso Carrasco Rouco (Diocese de Lugo), Mons. Luís Quinteiro Fiuza (Diocese de Tui-Vigo), Mons. José Leonardo Lemos Montanet (Diocese de Ourense) e Mons. Luis Angel de las Heras Berzal (Diocese Mondoñedo-Ferrol), ao que por quenda lle toca responder á oferente ao ser Mondoñedo a cidade que encabeza o acto.

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento pon o broche de ouro ás solemnes celebracións do Corpus Christi na Diocese de Lugo e que, desde O Cebreiro ás alfombras florais da Fonsagrada ou desde a procesión de Lalín aos actos da propia capital lucense confirman de novo que Lugo é unha referencia eucarística. Ademais, demóstrase que o orgulloso nome de “cidade do Sacramento” non é só polo privilexio da exposición permanente senón tamén pola devoción coa que esta comunidade católica vive a Eucaristía, símbolo da súa propia identidade cristiá.

Marcos Calles,

Historiador de Arte

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: