A terceira xornada do Encontro Mundial da Familia (III)

O venres 24 de agosto o tema que vehicularía o día era: a esperanza.
Ás 10, no lugar do Congreso pastoral, comezaba a primeira presentación. Sempre había como unhas seis ou sete propostas, contando case todas con tradución simultánea en diversos idiomas. Nós fomos escoitar ó grupo Santa Teresa de Jesús que a diocese de Toledo creou para acompañar a mulleres separadas. Pareceunos unha magnífica idea a creación deste grupo así como os vínculos espirituais e humanos que de aquí nacen. Puidemos escoitar uns testemuños desgarradores pero cheos de esperanza. O feito que máis destacaron estas mulleres foi a importancia de rezar polos seus ex-maridos e de ensiñarlles ós seus fillos a amar a seus pais, a pesar do divorcio. Aquilo provocou entre nolos dous unha boa e longa conversación sobre como vivimos a realidade do divorcio nos ámbitos pastorais nos que servimos e como axudamos ás familias.
A seguinte mesa redonda trataba sobre os retos do matrimonio hoxe. A moderadora era unha das subsecretarias da Congregación de laicos, familia e vida, e participaron matrimonios e un sacerdote relatando a súa experencia e traballo neste campo, facendo tamén unha descrición de tódolos retos que se presentan, entre eles a relación coa tecnoloxía e a comunicación familiar.
Tódalas tardes, despois de xantar, había un relator principal e testemuños de familias procedentes de sitios en dificultade, pobreza ou guerra. O venres puidemos escoitar ó Nuncio Apostólico en Siria, o cardeal Mario Zenari. Falounos da esperanza e a caridade que viven as familias, especialmente na zona de Siria. Era doloroso escoitar os testemuños que relataba; pero, ó mesmo tempo, era reconfortante descubrir que en todos eles alzábase unha Luz, unha Esperanza: Xesús.
O resto da tarde visitamos Dublín. Seguímonos atopando moitos españois que nos axudaban e que conversaban con nós. Ademais, en Irlanda a xente é acolledora e moi educada.
Rematamos o día celebrando a Eucaristía xunto co rezo de vésperas e encomendando a todos os que nos pediron que rezásemos por eles e, dun xeito especial, ás familias.
Nicolás Susena
Sacerdote de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: