Abuso sexual infantil, aborto e agresións

Os que nos dedicamos á psicoterapia sabemos que cando unha persoa senta na nosa consulta pode aparecer calquera cousa no seu relato: abuso infantil, maltrato, violencia intrafamiliar, autolesións, ideas suicidas, unha violación, etc. Dá igual que poida ser alguén aparentemente feliz (sempre riseiro) ou que nos pareza que ha ter moita sorte (éxito persoal e profesional); o sufrimento que unha persoa pode gardar dentro de si é enorme.

Detrás da fachada de persoas que parecen felices habita, ás veces, un gran sufrimento. E, a miúdo, é vivido en soidade. Porque non é doado atopar un lugar no que un se vexa suficientemente seguro como para contar certas cousas. Con todo, a experiencia dinos que cando compartimos ese sufrimento e somos acompañados, somos máis felices e capaces de tomar decisións que nos conducen a un lugar mellor.

É o caso de N., un home de 42 anos, casado, con dúas fillas, que repetidamente sufriu abusos dun tío cando era neno. Ou a historia de A., unha muller de 56, empresaria, católica practicante, á que todas as súas amigas admiran e que, con todo, non deixa de lembrar o día en que lle fixeron crer que non podía ter ao seu cuarto fillo, e abortou. Agora todo o mundo dille que foi a súa decisión, que non pense máis niso, e que pase páxina. Ou a vida de C., na que un pai alcohólico moi violento (que a maltrataba a ela, aos seus irmáns e á súa nai) e unha violación por parte dun primo aos 17 anos, supuxo un mes na Uci por un intento de suicidio.

Tras un ano acudindo a terapia, C. dinos: «Eu tiña as miñs reservas, pero descubrín que a Igrexa si se preocupa de min. Acudín a outros sitios, pero o que atopei aquí non o atopei en ningún outro lugar». C. nunca pensou ir a un psicólogo. Parecíalle que a súa axustada economía non lle permitía `quitarlle’ aos seus fillos 50 ou 60 euros (o que un psicólogo custa de media en Lugo, por sesión), para ir pasar o tempo». Agora, grazas a unha beca do COF Diocesano e medio ano despois de recibir a alta, di: «Eu sei que comigo perdían diñeiro. Sei que a Igrexa regaloume algo que custaba moito máis do que eu achegaba por cada sesión. Considérome unha privilexiada. No COF Diocesano hai profesionais de primeiro nivel e é un centro acreditado pola Xunta».

Desde fai tres anos C., N., A. e outras 297 persoas beneficiáronse dos servizos do COF Diocesano de Lugo, unha Fundación do Bispado que realizou máis de mil sesións de orientación ou terapia, e que axudou de forma directa a outras 600 persoas a través das súas actividades formativas. Así pois, o lugar onde algúns percibiron a seguridade suficiente como para contar os seus sufrimentos e o lugar no que foron acompañados nun proceso que lles axudou a ser máis felices e capaces é a Igrexa Católica.

Martiño Rodríguez

Director do COF Diocesano de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: