ANTE OS ACORDOS SOBRE “ACONFESIONALIDADE” ADOPTADOS POLA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE LALÍN

Recentes acordos adoptados pola Corporación municipal de Lalín puxeron en cuestión a lexitimidade das súas relacións tradicionais coa Igrexa católica en nome da “aconfesionalidade” do Estado, tal como a entenden algúns grupos ou partidos políticos.

Esta toma de posición non se refire só á  participación nalgúns actos ou iniciativas concretas, senón que determina radicalmente a relación entre as nosas institucións políticas e a vida da nosa sociedade, da que forma parte e é tamén expresión a Igrexa.

É esta unha cuestión importante para os fieis cristiáns, para as parroquias de Lalín, e para todos os que vivimos nunha sociedade democrática.

A “aconfesionalidade” ou “laicidade” do Estado significa que este, nos seus responsables e institucións, non fai propia ningunha relixión ou ideoloxía nin, por tanto, as impón aos seus cidadáns; ao contrario, respecta as diferentes conviccións existentes na sociedade, e colabora con elas na promoción do ben común.

Isto está ben expresado no art. 16 da nosa Constitución, que defende a liberdade de todos afirmando a non confesionalidade do Estado e, igualmente, comprende o valor da relación cunha parte tan significativa na nosa sociedade como é a Igrexa católica (art. 16 §3).

Recoñecer a presenza da Igrexa e dos cristiáns nos diferentes ámbitos da vida da sociedade non é outorgarlle privilexio algún. É o xusto nun Estado chamado a defender a liberdade e os dereitos de todos.

É contrario á Constitución e á democracia menoscabar estes dereitos por tratarse de cristiáns. Do mesmo xeito, é claramente contrario ás liberdades constitucionais que o Estado tente expulsar do ámbito público á Igrexa.

As relacións do Concello e as diferentes parroquias católicas sitúanse desde hai moitos anos neste marco constitucional. Recoñécese así o significado das parroquias na nosa terra: non só as festas, toponimia, patrimonio cultural e artístico, senón, e sobre todo, lugares onde se viven moitos dos valores morais que conformaron a historia e a cultura do pobo galego. Respectalas e valoralas como expresión importante do pobo é propio da responsabilidade política.

Por todo iso, non hai razón algunha para discriminar iniciativas parroquiais soamente polo feito de ser cristiás. Tampouco para eliminar outras expresións públicas da presenza dos cristiáns na tradición e a vida da nosa sociedade.

Non pode invocarse a “aconfesionalidade” das nosas institucións políticas para pretender expulsar do público ás institucións relixiosas. Así  córrese o risco de que un san concepto de “aconfesionalidade” se converta nunha especie de relixión de Estado, é dicir, nun ateísmo máis ou menos abertamente declarado. Por iso, non é de razón que aqueles que están destinados a garantir o respecto e a promoción do seu pobo tenten destruír as expresións das conviccións máis fondas dos cidadáns.

A Igrexa non busca privilexios. Cumpre coas súas obrigacións fiscais e de cidadanía.  E desexa colaborar coas institucións políticas -en particular co Concello- en liberdade e cordialidade, para o ben, neste caso, do pobo de Lalín.

Cremos que deste xeito defendemos a liberdade de todos e a “aconfesionalidade” auténtica das institucións do noso Estado democrático.

Lugo, 29 de abril de2016

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: