Campamento Urbano de Cáritas

O día 17 de xullo comezou o Campamento Urbano XXIII, organizado polo Servizo de Atención á Infancia e Mocidade de Cáritas Diocesana de Lugo.
Como centro base é o colexio María Auxiliadora. E o centro de interese deste ano é a música.
Participan neste campamento 77 nenos, de idades comprendidas entre 8 e 13 anos.
O equipo técnico está formada por 24 persoas, que acompañaron aos nenos nesta gran aventura.
Da man de Katrina, a representante do grupo musical SDB, percorréronse grandes aventuras e lográronse superar grandes desafíos para conseguir todos os instrumentos que inicialmente se estragaran no concerto do primeiro día.
Os días 19 e 26 de xullo gozaron da piscina municipal
Do 22 ao 24 de xullo acamparon en Laxe
E para finalizar, o día 28 de xullo celébrase cunha Gran Festa, con participación activa de nenos, familias e monitores.
Cáritas agradece a colaboración dos monitores e axudantes de monitor, así como do Colexio María Auxiliadora, Colexio Cabo da Area (Laxe), Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Concello de Lugo e Concello de Laxe. Tamén agradecen a colaboración de D. Luis Varela Castiñeira e o seu coro, Cantigas e Frores, ao mago Alfonso X, Stardance e Puzzle animación.

[Imaxes da festa final]

Deus é o meu público

Alguén dixo: “Deus é o meu público”. A este insigne público témolo todos sen distinción. Deus está vendo sempre como construímos ou destruímos a nosa vida. Observa desde a distancia, pero sen entrometerse en nada, pois para iso creounos absolutamente libres.

Un dos esforzos máis grandes e máis caros que fan as empresas e entidades sociais é dar a coñecer os seus produtos e actividades. Claro que se fai, maiormente, por motivos económicos. A ecuación é clara: canto máis se coñeza, máis se vende e máis beneficios produce. De feito, desde fai tempo, xa existen empresas cuxa única finalidade é axudarnos a comunicar ben, para dar a coñecer as cousas ao maior número de persoas posibles. Ou, tamén para o contrario: para eliminar, sobre todo da rede os comentarios ou noticias negativas sobre as nosas empresas ou persoas.

E o mesmo que pasa a nivel empresarial ou institucional tamén pasa no ámbito persoal. Gústanos presumir do que facemos ben, que se coñezan os nosos méritos, as nosas relacións humanas, que os demais saiban que teño entre os meus contactos a mengano ou a fulano. De igual xeito, non nos gusta que saian á luz pública os nosos fallos ou as nosas vergonzas. En definitiva, gústanos quedar ben e moitas veces actuamos só para a pantalla.

Todos estamos expostos a un público. Non é só cousa dos famosos. E isto determina, en boa medida, as nosas actitudes e o noso comportamento. Pero, dalgún modo, todos caemos no engano de pensar que, cando ninguén nos ve, podemos facer o que nos dea a gana e que non pasa nada.

Grave erro!, pois os máis prexudicados imos ser nós mesmos. As cousas son boas ou malas con independencia de que sexan coñecidas ou non, públicas ou privadas. O relativismo fixo estragos neste sentido. Todos temos experiencias de casos deste tipo. A Igrexa tamén. Xa sabemos que non é solución facer como os gatos…

Vivimos pendentes da imaxe que damos aos demais, sen decatarnos de que hai alguén que sempre nos está vendo, ata cando estamos durmidos e na intimidade da nosa habitación. O propio Xesucristo dinos algo sobre a esmola que nos axuda a entender isto do que estamos falando:

«Cando deas unha esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren louvados polos homes; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará» (Mt 6, 2-ss).

O mesmo di da oración. Pode dicirse máis alto, pero non máis claro. Deus é o noso público e é a El a quen temos que agradar. Ademais, podemos ter a seguridade que facendo as cousas do agrado de Deus tamén van ser beneficiosas para os que están ao noso lado. Cando as cousas están ben para Deus, tamén o están para o demais.

E se queremos que algo non se saiba, o mellor é non facelo. Así de sinxelo. Pero custa.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Foto: Cathopic

Apertura da Porta Santa no Corpiño

Numerosos fieis acudiron o 25 de xullo ao Corpiño para participar na cerimonia de apertura da Porta Santa do santuario de Lalín.

A imaxe titular do Santuario unicamente sae en procesión os días da súa Romaría. Pero ante unha ocasión tan especial, a imaxe da Virxe saíu do seu retablo para acompañar aos fieis presentes. A procesión chegou ata á denominada Porta de San Pedro, nun lateral da igrexa. Varias horas estivera traballándose para deixar lista a Porta:  tanto as columnas existentes a ámbolos dous lados como o espacio superior á Porta cubríronse cunha tea e puxéronse lazos.

O reitor de Santuario, José Criado, procedeu á apertura da Porta Santa e entrou na igrexa pasando por baixo da imaxe da Virxe, pedindo así a súa protección. A continuación traspasaron a Porta unha quincena de sacerdotes, autoridades civís e os centos de persoas que acudiran ao acto.

Finalmente, tivo lugar unha solemne Eucaristía de Acción de Grazas.

Apertura no Corpiño da Porta do Ano Santo

Con motivo da recentemente concedida coroación pontificia da imaxe da Benaventurada Virxe do Corpiño, desde o pasado 24 de xuño e durante os 12 meses posteriores o santuario de Lalín vive un Ano Santo Mariano.

Un dos actos programados para tal ano xubilar terá lugar o 25 de xullo, cando se proceda á apertura, nun lateral da igrexa, dunha Porta Santa. Ese día ás 18:00 h haberá unha procesión extraordinaria coa imaxe da Virxe, a continuación a cerimonia de apertura da Porta do Ano Santo e finalmente unha Eucaristía de Acción de Grazas.

O feito de que o Papa conceda un Ano Santo, propicia unha renovación dos desexos de seguir a Cristo, en paz co resto dos irmáns e coa axuda da Virxe. E todos cantos se acheguen nese período a Santa Baia de Losón poden conseguir indulxencia plenaria.

A miña cruz é tamén a súa cruz. A súa vida tamén é a miña vida

Antes de nada pedir perdón por esconderme detrás dun pseudónimo. Considero que non son exemplo de nada, pero pedíuseme que escribise o meu testemuño por se pode axudar a alguén, e por iso fágoo.

Aos 37 anos diagnosticáronme unha enfermidade neurolóxica crónica, das que chaman “raras”. É un duro golpe cando ves que todo polo que loitaches durante tantos anos e con tanto esforzo se desmorona en tan só un momento. A miña vida entrou nun furacán de sentimentos, inseguridades, que me facían dubidar de todo, ata de min mesma e ata de Deus. Entrei nun círculo vicioso de hospitais, tratamentos, operacións… que só me servirían para poñer parches pero nunca para curarme. Por máis que pensaba e repensaba as cousas non lograba comprender “por que me pasa isto a min”.

Un día, un sacerdote amigo meu veu verme. Coincidiu cun dos meus peores días e tiña o ánimo polo chan. En silencio escoitou todas as miñas queixas e o seu ombreiro foi o meu pano de bágoas. Ao final díxome unha soa cousa: “Deus estache facendo grande”. Naquel momento non entendín o que me dicía. A verdade é que ata me sentía incomprendida e case molesta por aquelas palabras, pois esperaba outra cousa.

Pero agora, logo de 6 anos coa miña enfermidade, tiven tempo para reflexionar con calma. Decidín que, pola miña familia e por min, tiña que enfrontarme a esta situación e aprender a vivir coas miñas limitacións e esquecer estar chorando polas esquinas. A vida está para vivila non para chorala.

Aceptei que non tiña saúde, pero descubrín dunha forma nova como Deus rodeoume do agarimo do meu marido, da miña filla, de toda a familia e dos amigos. Nunca gocei tanto deles como ata agora. Toda esta xente estivera sempre aí, pero agora eran como anxos enviados por Deus para axudarme a ver que a enfermidade nunca vai poder matar a esperanza.

Decateime de que Deus nunca nos abandona, sempre está aí esperando o momento no que queiramos escoitalo. El déunolo todo e non deixa nunca de dar o que máis nos convén en cada momento. Non teño saúde, pero teño a Deus e xa sabemos: “Quen a Deus ten, nada lle falta”.

Cada día asómbrome máis da forma que ten Deus de manifestarse. Creo que está nas cousas máis pequenas, esas que che van van facendo grande.

Por iso cando alguén me pregunta como creo nun Deus que permite que me pase isto, eu río e con todo o meu orgullo de sentirme cristiá contéstolles: “É que Deus estame facendo grande”.

 

Airo (publicado no nº 91 de parroquia-e, boletín informativo da parroquia de San Froilán)

A %d blogueros les gusta esto: