A miña cruz é tamén a súa cruz. A súa vida tamén é a miña vida

Antes de nada pedir perdón por esconderme detrás dun pseudónimo. Considero que non son exemplo de nada, pero pedíuseme que escribise o meu testemuño por se pode axudar a alguén, e por iso fágoo.

Aos 37 anos diagnosticáronme unha enfermidade neurolóxica crónica, das que chaman “raras”. É un duro golpe cando ves que todo polo que loitaches durante tantos anos e con tanto esforzo se desmorona en tan só un momento. A miña vida entrou nun furacán de sentimentos, inseguridades, que me facían dubidar de todo, ata de min mesma e ata de Deus. Entrei nun círculo vicioso de hospitais, tratamentos, operacións… que só me servirían para poñer parches pero nunca para curarme. Por máis que pensaba e repensaba as cousas non lograba comprender “por que me pasa isto a min”.

Un día, un sacerdote amigo meu veu verme. Coincidiu cun dos meus peores días e tiña o ánimo polo chan. En silencio escoitou todas as miñas queixas e o seu ombreiro foi o meu pano de bágoas. Ao final díxome unha soa cousa: “Deus estache facendo grande”. Naquel momento non entendín o que me dicía. A verdade é que ata me sentía incomprendida e case molesta por aquelas palabras, pois esperaba outra cousa.

Pero agora, logo de 6 anos coa miña enfermidade, tiven tempo para reflexionar con calma. Decidín que, pola miña familia e por min, tiña que enfrontarme a esta situación e aprender a vivir coas miñas limitacións e esquecer estar chorando polas esquinas. A vida está para vivila non para chorala.

Aceptei que non tiña saúde, pero descubrín dunha forma nova como Deus rodeoume do agarimo do meu marido, da miña filla, de toda a familia e dos amigos. Nunca gocei tanto deles como ata agora. Toda esta xente estivera sempre aí, pero agora eran como anxos enviados por Deus para axudarme a ver que a enfermidade nunca vai poder matar a esperanza.

Decateime de que Deus nunca nos abandona, sempre está aí esperando o momento no que queiramos escoitalo. El déunolo todo e non deixa nunca de dar o que máis nos convén en cada momento. Non teño saúde, pero teño a Deus e xa sabemos: “Quen a Deus ten, nada lle falta”.

Cada día asómbrome máis da forma que ten Deus de manifestarse. Creo que está nas cousas máis pequenas, esas que che van van facendo grande.

Por iso cando alguén me pregunta como creo nun Deus que permite que me pase isto, eu río e con todo o meu orgullo de sentirme cristiá contéstolles: “É que Deus estame facendo grande”.

 

Airo (publicado no nº 91 de parroquia-e, boletín informativo da parroquia de San Froilán)

Deixa un comentario

%d bloggers like this: