Ramón Jacobo Bernardez fala sobre o servicio para a misión

As XII Xornadas de Apostolado Seglar iniciáronse cunha conferencia do sacerdote e Delegado de Misóns, Ramón Jacobo Bernárdez.

O Delegado de Misións comezou a súa intervención expoñendo unha serie de necesidades: de diálogo, tanto dentro da Igrexa como co mundo. Tamén se necesita unha Palabra que denuncie e anuncie que é posible vivir todos como irmáns aínda que sexamos diferentes. E necesitase o Espírito para axudarnos a vivir a diferencia en comuñón.

Ramón Jacobo fixo un repaso da historia da misión:

  • unha primeira época apostólica, con tres notas dominantes: movemento misioneiro, animado polo Espírito e organizado a partir de pequenas comunidades domésticas.
  • séculos II e III, época na que a misión baséase na hospitalidade, o amor mutuo, a caridade cara aos pobres e un gozo irradiado polos crentes.
  • séculos IV e seguintes, cando a metodoloxía evanxelizadora cambia: esténdese por socialización e non tanto por unha conversión persoal.
  • séculos XV – XIX: a Igrexa implántase en moitas partes do mundo.
  • Vaticano II, e o que supuxo de encarnación solidaria fronte a espiritualidade individualista.

A misión non é algo puntual, senón nuclear. Porque a Igrexa, por natureza é misioneira, os cristiáns, os somos misioneiros, ou non somos cristiáns. Ademais, a misión é osixenante, pois permítelle á Igrexa proxectarse máis alá dos límites e das limitacións.

Ramón Jacobo considerou o encontro persoal co Señor e vivir a fe en comunidade como algunhas das condicións necesarias para un bo labor evanxelizador. Labor que non se pode limitar aos países do sur, senón tamén necesario nos países do norte. Entre outras cousas porque un exceso de riqueza é tan prexudicial como unha excesiva pobreza.

Apoio da parroquia lucense de San Francisco Xavier a un proxecto de Mans Unidas

Con motivo de celebrar os seus 50 anos de vida, a parroquia lucense de San Francisco Xavier decidiu apoiar un proxecto de Mans Unidas. Em concreto, o que se levará a cabo en Kerala (India), país no que o patrón da parroquia, San Francisco Xavier, realizou a súa misión evanxelizadora.

O acto de presentación do citado proxecto celebrarase o vindeiro mércores 15 de xuño ao oito da tarde no salón de actos da parroquia e ao mesmo están convidadas todas aquelas persoas que o desexen.

Clausura do curso pastoral no santuario do Cebreiro

O encontro diocesano para clausurar o curso pastoral 2010-2011 será o próximo 17 de xuño, venres, no santuario do Cebreiro.

É un encontro-convivencia para sacerdotes, relixiosos, consagrados e fieis laicos. O motivo é reunirse para dar grazas a Deus por este curso pastoral. Ademais, é unha ocasión para verse, compartir experiencias, rezar e comer xuntos. Preside o encontro o Sr. Bispo.

É necesario apuntarse para a comida e para o desprazamento en autobús desde Lugo. O prezo da comida son 14 € e o autobús 8 €.

O encontro desenvólvese da seguinte maneira:

11:00 h: Acollida – Oración

11:20 h: Reflexión. Dirixe D. Javier Porro, Delegado de Mocidade de Santiago

12:30 h: Descanso

13:00 h: Oración, exposición do Santísimo

14:15 h: Comida

16:00 h: Oración mariana

17:00 h: Fin do encontro

Para inscribirse chamar ao teléfono 982 214 265 antes do 15 de xuño.

Festa de Fin de Curso no Seminario

O sábado día 11 celébrase no Seminario o día de Fin de Curso. Será unha xornada chea de emocións e de boas novas. Un día con moito ánimo por parte de todos e de agradecemento a aqueles que, poñendo un pouco máis da súa parte, farán pasar un bo rato aos demais ese día 11.

A %d blogueros les gusta esto: