“Bautizos Civís”

bautizo civil

O 21 de novembro apareceu nun xornal galego que o Concello de A Coruña se sumaba ós concellos que ían organizar o que chaman “Bautizos Civís”.

Ante este feito algúns lembran a frase moi citada de A. Einstein: “Hai dúas cousas infinitas: o universo e a estupidez humana, e da primeira non estou moi seguro”. Aínda que poida ser verdade non serve para facer unha análise política do tema.

Outros afirman que parece que hai alcaldes con complexo de crego, feiticeiro, chamán, ou imán… pero, se fose este o caso, non sería problema pois hai bos profesionais de saúde mental que curarían estes complexos, mesmo o de crerse Napoleón.

Un alcalde debe saber, con máis razón se pasou pola Universidade, que o Bautismo é o sacramento de incorporación á Igrexa Católica, coma outros clubs, asociacións, partidos, relixións… teñen os seus rituais.

Son profesor de temas de socioloxía e política e desde esa perspectiva quero analizar isto dos “bautizos civís” e, por suposto, no contexto do Estado Democrático de Dereito, que en cuestións relixiosas é aconfensional, ou, se se quere, laico respectuoso do dereito á liberdade relixiosa e favorable a ela. Nesta análise habería que ter en conta:

-Que na sociedade democrática hai moitos profesionais, asociacións, empresas e institucións con acreditada experiencia en organizar eventos, festas, acontecementos… de acordo cos diversos gustos e esquemas socioculturais dos cidadáns. Todos estes profesionais ou grupos teñen dereito a que os poderes públicos non lles fagan competencia desleal. En España a incorporación á sociedade faise cunha anotación no Rexistro Civil.

-Que as alcaldías se metan a organizar estas celebracións manifesta unha mentalidade totalitaria que quere ocupar todo o espazo social por desconfiar dos cidadáns, considerándoos incapaces de organizar as celebracións que estimen oportunas. Os cidadáns deben, por saúde democrática, oporse a que o poder político ocupe todo o espazo público e a que os queira infantilizar, incapacitar e facelos máis dependentes do poder. Considero un deber democrático enfrontarse a todo poder que por calquera medio ou forma queira quitar ou reducir o noso protagonismo persoal e asociado na vida sociopolítica.

-Descoñezo as intencións persoais, manifestas ou ocultas, de cada alcaldía no asunto… pero iso supón crear unhas plataformas celebrativas que en calquera momento poderían servir a un alcalde para incorporar ás persoas a un movemento nazi ou stalinista, mafia, secta, relixión… e os demócratas debemos estar vixiantes para que iso non poida darse nin de lonxe, quitando toda infraestrutura susceptible diso.

-Nas eleccións municipais elíxese nada máis e nada menos que corporacións e alcaldes, que é a Administración máis próxima ós cidadáns. Se unha alcaldía non sabe a súa función e competencias, terá que comezar pola Lei Orgánica de Réxime Local vixente.

Para rematar debemos ser conscientes de que, cando unha alcaldía se dedica a temas fóra das súas importantes responsabilidades, é lóxico que os defensores do Estado Democrático de Dereito se rebelen por entender que está a facer intrusismo profesional, corrupción das institucións, ou malversación de caudais públicos… Pois en democracia a división de poderes e a limitación das competencias de cada poder é fundamental, do contrario falaríamos doutros réximes alleos á democracia.  Que os alcaldes sexan nada máis e nada menos que ALCALDES !!

Antón Negro

Profesor de Análise Sociopolítica

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: