Obxectivos
– Campaña “Parroquias hoxe e mañá”
– Antecedentes
– Fundamentos da reorganización
- Enviados a anunciar o Evanxeo
- Vivir en comuñón eucarística
- Necesaria participación dos fieis laicos e consagrados
- A Eucaristía dominical e o acompañamento nas parroquias rurais
O día 26 de febreiro, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presentou publicamente a Campaña de reorganización pastoral da Diocese. Tras varios anos de estudo, agora trátase de que os fieis sexan protagonistas. Os pasos que se vaian dando na reorganización pastoral faranse cun esforzo de diálogo, de proposta.
Obxectivos
Obxectivo xeral
Facer posible unha mellor transmisión da fe e un fortalecemento das nosas comunidades cristiás.
Obxectivos específicos
- Garantir nunha Igrexa de referencia unha celebración da Eucaristía dominical accesiblea todos os fieis.
- Congregar nese punto principal a educación na fe (catequese, encontros de formación, cursos, convivencias…) e organizar as accións caritativas da zona.
- Manter a vitalidade de todas as parroquias de forma que todos os fieis estean acompañados pastoralmente o resto dos días da semana.
Campaña “Parroquias hoxe e mañá”
A campaña que se pon en marcha consiste na distribución de 30.000 folletos explicativos que serán repartidos a todas as familias da Diocese a través dos sacerdotes, das súas parroquias. O primeiro domingo de Coresma, cada familia recibirá,
do seu propio párroco, un destes exemplares. A intención é informar directamente a todos os fieis deste proxecto. Facer que sentan chamados a ser protagonista neste camiño de reorganización pastoral.
Antecedentes
No ano 1996 o Consello Presbiteral crea unha comisión de estudo para planificar as zonas pastorais e ver como reordenar a presenza da Igrexa diocesana para unha mellor actuación pastoral. Baixo a responsabilidade da Vicaría de Pastoral déronse desde entón varios pasos:
- Unificación de zonas pastorais e arciprestados (pasouse de 19 zonas pastorais a 12; de 28 arciprestados a 14).
- Unificación paulatina da catequese en parroquias de referencia.
- Proceso de reflexión cos sacerdotes da Diocese ao longo do curso 2012-2013.
- En setembro de 2013 celebrouse unha xornada de reflexión sobra a nova reorganización pastoral da Diocese, con presentación de iniciativas que xa estaban en marcha.
- Traballo de reflexión e presentación desta campaña a todos os sacerdotes dos distintos arciprestados.
Fundamentos / razóns da reorganización
1. Enviados a anunciar o Evanxeo
A graza e a vocación da Igrexa é gardar viva a certeza da Boa Noticia e facela presente no mundo. Para iso hanse de buscar os mellores modos de facer efectiva a nova evanxelización. A necesaria renovación das estruturas pode axudar a lograr este obxectivo.
2. Vivir en comuñón eucarística
As tendencias dominantes na nosa sociedade non só conducen á secularización, a construír a vida sen Deus, senón tamén ao individualismo. De aquí a importancia de comprender e afirmar con claridade a urxencia da fe no Señor e a necesidade de vivir como comunidade cristiá.
Esta é unha segunda tarefa, un segundo testemuño esencial, que faremos presente cada un: non somos unha suma de individuos solitarios, somos comuñón en Cristo.
A comunidade cristiá constitúese no seguimento de Cristo, como unha compañía que nos axuda a vivir e afrontar todas as circunstancias da existencia á luz do Evanxeo e a camiñar cara ao noso verdadeiro destino.
Ser Igrexa é acompañamento real a cada un, axuda e proximidade nas necesidades e urxencias da vida; nas necesidades que pode atender Cáritas e naquelas non menos urxentes que constitúen a trama da existencia e das responsabilidades de cada un.
Este acompañamento vital é a expresión da comuñón que é a Igrexa, en todos os seus membros; e fundaméntase, por tanto, na acollida do amor do Señor, na escoita da súa Palabra e a celebración dos sacramentos.
3. Necesaria participación de todos
O anuncio do Evanxeo terá máis capacidade de convicción e presenza contando con todos os servizos, carismas e ministerios que fan posible a vida eclesial en comuñón. Todos somos necesarios.
- Laicos, que se poñen ao servizo dos demais, nos ámbitos da transmisión da fe, da celebración litúrxica, da vida e o acompañamento dos irmáns na caridade..
- Relixiosos e relixiosas, que o Señor chama e envía como un don ao servizo do seu Pobo, en todas as dimensións da súa misión, segundo a variedade dos carismas do Espírito.
- As persoas con ministerio ordenado, coa súa función propia, específica e insubstituíble.
4. A Eucaristía dominical e acompañamento nas parroquias rurais
Non podemos contentarnos con que unha asemblea moi reducida en número de persoas se reúna para a Eucaristía dominical cada dúas ou tres semanas, dun modo insuficiente para a transmisión e a educación na fe, ou para a vida da caridade, ou mesmo para o
atractivo e a beleza da celebración.
É conveniente escoller en cada zona aqueles lugares adecuados nos que poidan reunirse os fieis dos pobos próximos para a celebración da súa fe o domingo na Santa Misa, así como para os encontros destinados á catequese e a educación na fe, ou ás actividades
de natureza caritativa ou cultural. En ocasións, os santuarios -tamén pequenos- poden xogar a este respecto un papel relevante, sendo sentidos por todos como algo propio. Pero iso non significa que os templos de cada parroquia, por pequena que sexa, sigan
sendo referencia fundamental para a vida de oración e de comunidade. A presenza do presbítero, nas ocasións que se necesiten, será importante: na celebración dos sacramentos, ou en momentos singulares da vida das persoas e familias, nos tempos de festa e de sufrimento.